A web oficial do concello de Cerdedo (www.cerdedo.org), sometida estes días a escrutinio, ábrese cunha voluntariosa "benvida" da autoridade. Co fin de seguir apontoando o noso argumentario, achegamos un extracto da mesma. Lese, daquela, na web: "Espero que as nosas páxinas poidan servir para que o concello de Cerdedo se dea a coñecer ao mundo enteiro, poñendo a disposición de todos os visitantes aqueles aspectos que nos parecen máis interesantes, como poden ser a historia, as tradicións, o patrimonio cultural...". (Fin de la cita).

É tarefa imposíbel pretender que o mundo nos coñeza, cando nin nos mesmos temos interese ningún en coñecernos. Palabras vas, vacuas intencións.

Neste senso, a sección "Ecos de Cerdedo", que liga novas relacionadas co concello aparecidas nas edicións dixitais da prensa local, exclúe por sistema as colaboracións que este servidor vén asinando dende hai anos en Faro de Vigo e cuxa temática non é outra ca o enxalce da nosa historia, das nosas tradicións e, como se comproba, do noso patrimonio cultural... Afortunadamente, hai máis feiras onde vender a becerra e, ao final, todo se acaba sabendo. Prosigamos.

Para ilustrar a arquitectura relixiosa da parroquia de Figueiroa, a web oficial do concello exhibe unha fotografía da capela da Santa Catarina, situada na aldea de Lourido, pertencente á parroquia de Cerdedo.

Por máis que en Cerdedo esteamos afeitos á rápida extinción de calquera iniciativa, moito lamentamos a pólvora mollada da chamada "aldea etnográfica de Loureiro". Non obstante, aínda que só fose por compensar, é inadmisíbel que na restra de valores desta freguesía a web desbote o rechamante conxunto megalítico do Campo dos Cans (monte de Loureiro): oito mámoas en disposición circular; ou o gravado rupestre do Outeiro do Mestre (monte de Deán): círculos concéntricos tipo "castañola", excelsa mostra artística da nosa Idade do Bronce. No que atangue á Idade do Ferro, a parroquia de Figueiroa conta co xacemento castrexo da aldea de Vilar.

Polo que respecta á parroquia de Parada, téimase unha e outra vez en confundir o persoal redundando no asunto dos "petroglifos dos montes de Parada".

Lese equivocadamente na web: "Na estrada que vai de Chacente a Parada pouco antes de chegar ao quilómetro 9, a uns 40 metros da beira esquerda sobre unha laxa de granito de gran fino situada a nivel do chan e cunha lixeira inclinación, obsérvanse bastantes figuras de cérvidos, xunto con combinacións circulares e figuras de varios tipos...".

Do dito, nada de nada. Chacente e Parada son dúas aldeas do veciño concello de Campo Lameiro, pertencentes ás parroquias do Campo e Montes, respectivamente. Con certeza, os autores da web asignáronlle a Cerdedo a estación petroglífica do Campo de Matabois, integrante do rico patrimonio inscultórico de Campo Lameiro.

No que atinxe á parroquia de Folgoso, a web esquece os vestixios megalíticos de Vilariño e Cachofés e volve citar os ubicuos alfabetiformes vistos por Luís de la Riega, e xa anotados na parroquia de Cerdedo: "En arqueoloxía sobresaen dous grandes penedos na beira do río Lérez que rodaron dende o alto e que teñen inscricións rupestres". Amais, por ser precisos, o castro das Cercas localízase, esta vez si, no monte de Parada, na marxe esquerda do río Lérez e na dereita do Freixas.

No que concerne á parroquia de Castro, a web non dubida en salientar a relevancia arqueolóxica do coto de Castrodiz: "Neste coto hai restos dun pequeno forte medieval, así como indicios de asentamentos castrexos, que ben merecerían un profundo estudo arqueolóxico". Pois, malia quedar na superficie, eu xa me conformaría con que alguén fixese desaparecer a infame caseta de bloque que, dende hai décadas, invade a croa do castro.

No que atangue a Quireza, a web salienta o xeneroso legado da Idade do Ferro: Roda do Castro, Castro de Abaixo...; aínda que todos estamos ao tanto da celeridade coa que se acometeu o soterramento dos "indicios" castrexos aparecidos en 2008, por mor das obras de ancheamento da estrada que atravesa o lugar dos Castros.

Imos finalmente con Tomonde. Falar, hoxe por hoxe, da "beleza e singularidade" da aldea de Fraguas, dado o seu estado de degradación, é facer un brinde ao sol. Pola contra, a web escusa falar do petroglifo da Laxe da Veiga da Pedra, o único Ben de Interese Cultural (BIC) co que conta Cerdedo, quizais, porque está oculto á vista da xente no interior dun galiñeiro. A web oficial tamén obvia amentar o castro de Vilalén e o Coto do Castro e a rica herdanza megalítica da parroquia.

Por desgraza, ningún dos elementos enumerados gozou nunca da consideración dos responsábeis locais de Cultura. Unha boa parte do noso patrimonio prehistórico agóchase baixo toxos e silveiras. Moi poucos son os depósitos arqueolóxicos que gozan de accesibilidade. Os sinaladores brillan pola súa ausencia, sendo esenciais, cando menos, para preservar os xacigos dos labores agrícolas e forestais.

De non contaren as arcas municipais con diñeiro abondo para sinalizar polo miúdo a nosa oferta monumentaria, sería conveniente dispor, cando menos, dun inxel xogo de paneis explicativos (se cabe, apoiados no audiovisual), co obxecto de interpretar a nosa común herdanza e, asemade, outorgarlle razón de ser ao abstruso Museo da Pedra de Cerdedo. O investimento, non lles caiba dúbida, axiña se vería amortizado.

Queda moito por facer, porque nunca nada se fixo. - aínda que proia, ver na crítica construtiva o espectro da persecución política é unha boutade. Constatando a ralea de políticos referendados polas urnas, exercer a oposición sen ter concorrido a comicio ningún está, hoxe por hoxe, máis ca lexitimado.

Non agoniemos, avancemos a paso de boi e apliquemos, de primeiras, a necesaria addenda et corrigenda á bisoña web oficial do concello de Cerdedo.