Verbo do patrimonio cerdedense, son numerosas as publicacións de propaganda institucional (ou sucedáneos) que, xa no tradicional soporte do papel, xa chimpadas á maraña da web, balorecen faltosas de remuda e actualización; adoito malas copias de peores orixinais, decote vítimas dos tradutores automáticos. Até hai pouco, en Cerdedo non había petos de ánimas, senón "bolsillos de ánimas".

Co adaxo da promoción turística e o autobombo, válese a autoridade dunha páxina web (www.cerdedo.org), de moita prosa eslamiada e de non pouco plano curto, para contarnos unha e outra vez o conto da "riqueza natural e paisaxística" que, inherente ao noso territorio, é evidente que viviu tempos mellores.

A web oficial do concello salienta entre outros atractivos da parroquia de Cerdedo o lugar coñecido pola Veiga dos Muíños, unha fileira de cinco aparellos de moenda e un serradoiro, localizados ao norte da capital, na ourela esquerda do río Lérez.

Este magnífico conxunto reúne exemplos de todas as tipoloxías dos muíños fluviais (canle, cubo e dorna), provistos dunha e dúas moas; enxeños que, noutrora, compartían a auga da mesma presa para se propulsaren. Eu mesmo (Faro de Vigo, 6-1-2013) gabei as súas calidades, laiándome asemade do seu abandono.

Non se pon en dúbida, daquela, a potencialidade da Veiga dos Muíños, mais, para que esta alfaia da arquitectura tradicional poida lucir cunha mínima dignidade cumpriría exonerala da matogueira e a podremia que a abafa, axustándose, por exemplo, ao criterio da "ruína nobre", opción máis ca recomendábel para concellos de economía deficitaria. En palabras de Muñoz Molina: "Hay una ruina noble de lo que tarda siglos en degradarse y una ruina inmediata de lo apresurado y lo mal hecho, lo terminado de cualquier manera".

Os afeccionados á etnografía galega contamos, por fortuna, cun número non pequeno de muíños restaurados (uns mellor ca outros) e visitábeis: muíños do Folón e do Picón (O Rosal), do Barosa (Barro), do Xabrega (Sober), do Río Negro (Muxía), muíños das Penas (Amoeiro)... Desgrazadamente, o concello de Cerdedo non nos agasalla con ningunha destas construcións en perfecto estado de revista. Dado o seu aspecto descoidado, suxerirlles aos nosos visitantes o paseo pola esquecida Veiga dos Muíños só lles pode deparar decepción e melancolía.

No tocante ao patrimonio arqueolóxico da parroquia de Cerdedo, a devandita web elude precisar a "moita riqueza", escudándose na abstracción enumerativa: "achádegos do neolítico, numerosos dólmenes, petroglifos nas ladeiras do Lérez, castros e restos de calzadas ¿románicas?".

Os esforzados visitantes, en ausencia de sinaléptica, volveríanse parvos na procura dos referidos "dólmenes", "petroglifos" e "castros". No das "calzadas románicas" prefiro non entrar.

Intúese que os tales "dólmenes" fan alusión aos túmulos da Cerrada das Mámoas, Coto das Mámoas e ás mámoas do Couto, no monte de Cerdedo, e mais aos monumentos megalíticos de Biduído e Limeres. Se non foron destruídos, todos eles agardan pacientes pola súa relocalización.

Nas "ladeiras do Lérez" non se ten constancia de gravado rupestre ningún. Os supostos alfabetiformes de De la Riega ("El río Lérez", 1892), se sobreviviron á instalación da central hidroeléctrica, engádense, polo momento, á listaxe dos "missing". Aínda así, os amadores da arqueoloxía ficarían satisfeitos se os soubésemos guiar ás insculturas existentes no Outeiro do Coto (monte do Seixo), e mais en Lourido, Biduído, Limeres e Chamadoira. En Chamadoira, por exemplo, atópase a Laxa do Almanaque, unha das xoias da arte rupestre local.

No que concerne aos vestixios castrexos da freguesía de Cerdedo, o castro de Arén, unha vez exhumado, axiña se erixiría en poderoso reclamo.

Por outra banda, é inadmisíbel que entre o meritorio desta parroquia non figure o pazo das Raposeiras, casa natal, consonte pescudas recentes, do ilustrado Padre Sarmento. Inadmisíbel, mais non incomprensíbel, dado que, dende o propio Concello, o edificio pacego foi cualificado de "pésima palleira" ( segundo recolle o Diario de Pontevedra con data de 20-12-2012).

xa que "papeis calan barbas", a primeira edición do Roteiro Sarmento -que tiven a honra de guiar- celebrouse en Cerdedo o 4 de maio do ano 2002. Previamente, o día 20 de abril, aceptara gustante o convite de Verbo Xido para charlar sobre o vencello de Martiño Sarmento e o lar cerdedense. Consúltese, verbigracia, o publicado en Faro de Vigo os días 2, 4, 5 e 9 de maio ou en Diario de Pontevedra o 17 dese mesmo mes, cadrando coa celebración do Día das Letras Galegas que, en 2002, se lle dedicou ao erudito beneditino. A maiores, déuseme por deseñar un tríptico, "Roteiro Sarmento-Cerdedo", que, distribuído de balde, achou inspiración no itinerario seguido polo frade en 1745.

No tocante ao monte do Seixo, transcorrida case unha década da posta en marcha da celebrada iniciativa persoal "Proxecto Montaña Máxica", o gabinete de asuntos turísticos do Concello aínda non foi quen de albiscar luz máis alá das tétricas martabelas do parque eólico.

Ao respecto da parroquia de Pedre, a web oficial do concello menciona -e non podía ser doutro xeito- a "fermosa ponte romana" da Pontapedre. Mesmo sendo como é de época medieval, non perde un ápice do seu mérito. Allos ou bugallos, tras resistir moitos séculos en pé, a "fermosa ponte" demanda inescusábeis traballos de consolidación.

De Vichocuntín dise na web que é unha "aldea fermosa e cunha encantadora atmosfera pantasmagórica, xa que está condenada polo futuro e sempre teórico proxecto dun encoro". Após a lectura desta fatua arrepiante, calquera podería tirar dúas conclusións sobre o noso carácter: ou somos uns indolentes desleixados ou nos vai aquilo do "rollo" masoquista.

No apartado de Pedre, desculpada a omisión do recén-descuberto tesouro etnográfico da aldea vella de Vichocuntín (tres casas con forno, muíño roulón, hórreo de catro claros, pombal cadrado...) é imperdoábel que se omitan o singular gravado rupestre da Laxa das Filloeiras (monte de Pedre) e o Xacente do Coto das Insuas (O Serrapio). Con afán didáctico engadirei que un pétreo antropomorfo (é dicir, unha pedra con forma humana) non ten por que ser necesariamente un "sarcófago". Ambos os dous elementos cangan co sambenito de saíren á luz da man do colectivo Capitán Gosende. Os membros da asociación asumiron motu proprio a encomenda da súa oportuna sinalización e promoción.

A ponte de Vichocuntín tampouco é romana, data do ano 1852, sendo unha das infraestuturas da antiga estrada de Ourense.

Tomen un chisco de alento, mais, co fin de evitar sorpresas desagradábeis, conviría determinar canto do patrimonio da parroquia de Pedre segue sometido ao arbitrio de Unión Fenosa.