-Como dialogan fotografía e poesía na súa obra última?

-É un mundo complexo, que estou empezando a descubrir. Teño un grande interese pola imaxe, e sobre todo son unha persoa metafórica na miña percepción. Déixome levar moito pola metáfora visual, polo engano. Hai uns anos saín da casa e vin nun andamio que non era todo de metal, senón que tiña as baldas de madeira, un paxariño coas plumas de moitas cores lavándose nunha poza que deixara a néboa na madeira. Quedei mirando para el un anaco, sen atreverme a andar por se o espantaba, e cando botei a andar e me acheguei un pouco vin que non era un paxaro: era un soprete deitado, coa chama prendida. Quedei pasmado e pensei "pero qué burro son!", pero logo deime conta de que ten que ver cun mirar poético. Se tivese que ser científico ou espía, non me valería, pero interésame esa relación de equívoco porque é relación de metáfora.

-Ten isto que ver co mundo simbólico, que, como bo contador de historias, tanto lle atrae?

-Hai cantidade de códigos que se nolos trastocan viviríamos, como diría miña avoa, nunha estrañeza. O da foto permíteme experimentar non só a traducir imaxes, senón a acompañar imaxes. Eu non teño interese en facer unha tradución dunhas imaxes previas, busco algo que non se supedite á imaxe, pero que a acompañe. A poesía sempre é algo parecido a segar cun fouciño, pero logo, que fas coa herba? De repente érgueste e miras o que tes ao redor. A poesía é un dos códigos de comunicación da vida e do pensamento. En orixe era utilizada para nomear o sagrado. A nivel social, dicir que unha persoa é poeta é un termo moi forte.