É escusado afirmar que o patrimonio arqueolóxico na súa totalidade é merecente de protección, conservación e difusión, mais, en Terra de Montes, o conxunto que require dunha atención urxente e reparadora é o constituído polo monte do Seixo, territorio fabuloso que, integrante da Rede Natura, rebauticei co nome de "A Montaña Máxica".

Coñecen polo miúdo a miña devota inclinación por esta montaña. Levo dende os dez anos galgando as súas lombas e aínda hoxe, trinta anos despois, este excepcional lugar segue agasallando a miña curiosidade con novas revelacións.

Poden atinxir tamén a miña doente frustración, a miña sensación de impotencia, cando, durante o proceso de recollida e estudo do seu xeneroso acervo, deron comezo as obras de construción do parque eólico, alá polos anos 1999-2000. Transcorridos trece anos, só os que dun xeito ou doutro tiraron e tiran proveito da instalación industrial -pírrico beneficio- defenden a permanencia das tarabelas no alto do monte, amparándose no mutismo fronte á desfeita patrimonial alí consumada.

Segundo o artigo 25 da Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural da Galiza: "Os propietarios, posuidores e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural da Galiza están obrigados a conservalos, coidalos e protexelos debidamente para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioro" e tamén "Os poderes públicos garantirán a protección, conservación e enriquecemento do patrimonio cultural da Galiza".

Como expuxen en Reivindicación da Montaña Máxica (2007), a consideración de territorio fronteirizo que, dende ben antigo, se lle outorga ao monte do Seixo fai que a responsabilidade do acontecido (xa por ignorancia, xa por desleixo) deba ser repartida e compartida proporcionalmente entre os concellos que manteñen no planalto os seus deslindes: Cerdedo, Forcarei, A Lama e Cotobade.

Polo que respecta a Cerdedo, no seu debe anotaremos de primeiras o lamentábel estado de conservación do gravado rupestre do Outeiro do Coto.

No cimo do monte, a 1015 m de altitude, ergueuse un dos 80 aeroxeradores (aprox.) que criban aquela porción da serra do Cando. A operación de alicerzado e izado requiriu da remoción dunha área de 2.000 m2 que supuxo a alteración, destrución ou soterramento do laxedo existente. A uns 50 m cara ao noroeste localízase a antiga caseta da Forestal e á súa beira o petroglifo do Outeiro do Coto: tres cazoletas aliñadas de menor a maior que, orientadas cara a unha pía natural, describen un arco de circunferencia. A día de hoxe, descoñecemos se na superficie afectada existían outros gravados, aínda que, consonte a visita realizada por Capitán Gosende o pasado 14 de xullo, esta circunstancia é máis ca probábel.

A preeminencia do Outeiro do Coto convérteo de seu nunha atalaia excepcional, polo que nos resulta incomprensíbel como se permitiu a construción do miradoiro (enlousado e varandas de madeira) a menos dun metro da citada inscultura. O miradoiro, a todas luces superfluo, seica foi obsequio da empresa concesionaria.

María Cacheda Pérez, no seu traballo "A arqueoloxía no Plan Eólico da Galiza: Estudos de impacto arqueolóxico" (CAPA, nº 20, 2004), no que se inclúe o caso do monte do Seixo, afirma que, na elaboración dos ditos estudos, a "primeira fase de traballo de gabinete" obriga a consultar "a bibliografía existente da zona, o Inventario Arqueolóxico da Administración..." e, así mesmo, a "segunda fase de traballo de campo, consiste nunha prospección intensiva e sistemática nunha banda de 200 m desde a zona afectada polo proxecto, para catalogar os elementos patrimoniais nunha cartografía de detalle (páx. 16)".

Como se explica daquela que nos ditos informes (realizados en xullo de 1997 e febreiro de 2000) os arqueólogos non tomasen en consideración o gravado rupestre do Outeiro do Coto, elemento catalogado a priori no inventario de Patrimonio?

En territorio cerdedense tamén se obrou a destrución da peneda denominada Castro Pequeno por mor da instalación doutro aeroxerador. No artigo 65 da devandita Lei do Patrimonio prescríbese a protección dos bens inmateriais. O Castro Pequeno canda o Castro Grande constitúen o escenario do mito coñecido pola "galiña dos pitos de ouro" que se integra no ricaz universo mitolóxico do monte do Seixo. As lendas e os lugares que as inspiran forman un todo indisociábel. A desaparición do seu contexto espacial eiva sen arranxo posíbel o aderezo lendario.

A escasos metros do outeiro esnaquizado, a empresa concesionaria chantou un cartaz onde, nun hipócrita desafogo, ousa instruír o visitante: "se ruega ser especialmente cuidadosos con el medio ambiente". Velaquí un incuestionábel insulto á intelixencia.

Polo que atinxe ao patrimonio arqueolóxico que no monte do Seixo compete ao concello de Forcarei, cómpre facer fincapé no estado de abandono e indefensión no que se atopa a necrópole tumularia de Chan de Mamas.

Des que no ano 2005 acordei organizar visitas guiadas polos oito roteiros deseñados para a montaña, 2.324 persoas, galegas e foráneas, tomaron parte nas diversas actividades programadas. É oportuno salientar as mostras de indignación e o sentimento de vergoña allea provocados pola contemplación da desfeita. Como é posíbel que un cemiterio neolítico fose o lugar escolleito para construír o edificio da subestación eléctrica e mais un aparcadoiro? Como se puido permitir a transformación dun dos túmulos (a Mámoa Ghrande) nunha rotonda? Por que se autorizou a erección dun aeroxerador a menos de 20 m da dita mámoa? Por que, trece anos despois, a autoridade aludida segue sen mover un músculo para tentar paliar o estrago? Teñan por certo que a imaxe que de nós estamos a ofrecer é lamentábel.

A maiores, é responsabilidade de Forcarei que un dos viais do parque eólico asoballase uns 20 m do aliñamento lítico (coñecido popularmente polas Pedras Ghiadas) que dende a Mámoa de Xestido conduce deica o Castro Grande. Este elemento tampouco se atopaba entre os inventariados no informe de impacto arqueolóxico.

Amais, a Forcarei incumbe esencialmente o espolio que se leva cometendo coa cachotaría do muro do pasteiro do Seixo. A apertura de pistas, o tránsito indiscriminado de vehículos e a ausencia de gardaría favorecen o roubo reiterado destas pezas.

Polo que respecta ao concello da Lama, a escasos 90 m do santuario rupestre da Cruz do Seixo que, aínda hoxe, os veciños da Barcia do Seixo lle atribúen a condición de chan sagrado, ergueuse outro aeroxerador. A área de remoción (soterramento de cableado) non se limitou á base do mesmo senón que se estendeu ostensibelmente lomba arriba. A cruz (con certeza, medieval) figura entre os elementos inventariados polo informe de impacto arqueolóxico.

Por outra banda, a escasos 100 m da célebre Portalén e a uns 25 m da colosal pedrafita do Marco do Vento, fincouse outro aeroxerador. Alén dos prexuízos inflixidos sobre os bens de natureza arqueolóxica, o afeamento da paisaxe é indiscutíbel. Nin Portalén nin o Marco do Vento constaban nos informes de impacto arqueolóxico (do Marco existía bibliografía). Tamén, en territorio do concello da Lama, o milladoiro nomeado Onde Morreu o Home esvaece baixo a matogueira.

Finalmente, no que concerne ao concello de Cotobade, alguén se debera responsabilizar da destrución doutro milladoiro, o Moreón das Pedras, que se localizaba na redonda da Fonte da Urce, e dos prexuízos causados tanto ao marco da Santa Mariña, deslinde das antigas xurisdicións de Montes, Cotobade e Caldevergazo, coma ás rodeiras do Campo Xuncal (antigo camiño real). A reconstrución da ermida da Santa Mariña, de orixe medieval, levouse a cabo sen as preceptivas catas arqueolóxicas.

Conclúo facendo miñas as reflexións da profesora Cacheda: "O desenvolvemento excesivo e desorganizado dos plans eólicos é unha boa mostra da pouca capacidade de xestión e planificación por parte dos gobernos autónomos, demostrada a través da aprobación de diferentes plans estratéxicos, ignorando a configuración da rede de espazos naturais ou o seu uso como unha arma estratéxica máis (páx. 12)". Ou o que é o mesmo: "Van as leis para onde queren os reis".

O deplorábel estado do patrimonio arqueolóxico non é senón outro sinal inequívoco da prostración na que se some o noso pobo, embuchado de inmundicia televisiva, mangoneado polos que fan da política un chope e apadumado pola suposta ausencia de referentes éticos e alternativas rexeneradoras. Polo que a min respecta, afeito estou a predicar no deserto.