Nun entorno espectacular como o do mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro os Encontros de Música Tradicional organizados pola asociación Santa Ferreña volveron a acadar o obxectivo desta cita: a divulgación da música propia, a festa, coñecer algunhas das tradicións e pasar unha xornada entre amigos.

Pasada a unha da tarde un grupo de músicos da bisbarra foi o encargado de abrir a festa coa música de gaitas e percusións tradicionais. Con máis retraso do previsto arrancou logo a procesión na honra de Santa Ferreña, acompañada dos cabezudos da compañía lalinense Viravolta. Coas gaitas afinadas e as percusións con tensión axeitada os músicos interpretaron pezas coñecidas, mentres maiores e pequenos collían pandeiretas, cunchas e outros instrumentos para acompañar aos gaiteiros que, en grupos, animaron os primeiros intres da celebración.

Coa festa xa encamiñada abríronse as exposicións. "Os nosos tesouros", estivo acompañada por títeres do Museo Galego da Marioneta lalinense. Na feira de artesanía concentráronse numerosos profesionais que traballaban o coiro, abalorios, xoguetes, cerámica ou títeres, polos que se interesaron moito un grupo de portugueses, gregos, polacos ou estonios que estaba previsto acudiran a esta festa. Os presentes foron acomodándose en grupos de amigos para o xantar popular, polo que a organización estableceu un prezo por persoa de 13 euros.

Xa pola tarde houbo xogos tradicionais para pequenos e maiores. O contacontos lalinense Celso Fernández Sanmartín presentou o seu espectáculo "Ouro Mudo" e a empresa Tesouros Novos organizou unha visita guiada ao mosteiro. Ademais a compañía teatral Tantatutanga Teatro represetou para os presentes o traballo "Doña Urraca", na que no fío argumental trataba desta personaxe histórica. A música e a festa non rematou pola tarde e, como di o lema da celebración Foliada ata que o corpo aguante,algúns o día quedoulles curto para esta celebración á beira do mosteiro de Carboeiro e a carón do río Deza.

Capador de Muras

Entre os fieis dos "Encontros" non estivo este ano o forcaricense Ramiro Cortizo. Coñecido como O Capador de Muras este músico era unha das estrelas da festa. Cortizo faleceu a finais do mes pasado, pouco antes da cita de Carboeiro.