Camiñar ao carón de Vicente Blanco é unha regalía. Este home, experto en materia forestal, é moi coñecedor do terreo que pisa e dos espécimes que o poboan. Vicente Blanco, orixinario de Alfonsín, ofreceunos abonda distinción daquel territorio.

A maiores dos apuntamentos científicos, Blanco abobía a súa conversa con infinidade de ocorrencias retranqueiras. Cando tentabamos acadar o primeiro dos nosos obxectivos, avanzando dificultosamente por entre a inclemente toxeira e laiando por unha desbrozadora, Vicente apostilou que tal e como estaba o monte, ao camiñante lle cumpría máis o "fociño" ca o "fouciño". Abofé que, en ocasións, tivemos que abrirnos paso expoñendo as partes máis insospeitadas da nosa anatomía.

Cadrou falar de cogomelos -Presqueiras sabe moito de talofitas-, e, neste eido, a experiencia de Vicente púxose novamente de manifesto. Valla esta mostra: "Todos os cogomelos son comestíbeis, non obstante algúns só se deixan comer unha vez". É unha verdade que convence, escusamos máis comentarios.