Falar da sostibilidade do sistema de pensións co argumento indecente de que é necesario corrixir comportamentos perversos no sistema que non se poden perpetuar no tempo. - para elo rebaixan as pensións e alargan a idade de xubilación, a ver se así morremos antes de recibir o que pagamos durante toda a nosa vida. Repetirnos ata a saciedade a consigna de que a nós tamén nos desgustan estas medidas de recortes pero son imprescindibles, e so as estamos adoptando polo voso ben, resulta claramente inmoral, por ser mentira. Insistir nas políticas económicas que so están a aumentar as desigualdades sociais, provocando máis e máis dor, desesperación, medo no presente e desesperanza no futuro é claramente unha inxustiza social, aproveitarse e varrer co máis débil e desfavorecido en vez de protexelo e axudalo.

Os datos e estatísticas son terribles. Taxas de paro inasumibles, xuventude irremisiblemente estragada, exclusión social e marxinación de miles de persoas, índices de pobreza escandalosamente preocupantes. A fractura da nosa sociedade entre ricos e pobres xa se está a converter na realidade coa que sempre soñaron estes rancios señores saídos dos escuros tempos da industrialización nos que a fame era a única realidade. - teño para min que resulta indecente, inmoral e dunha falta total de sensibilidade e xustiza social todas estas medidas de recortes que nos están a vender coa escusa dunha crise autoimposta da que so se están a beneficiar os artífices dela e os monicreques que temos coma representantes do pobo. Todo para o pobo pero sen o pobo. A máxima do absolutismo que rematou na guillotina, aquel invento francés, con máis dun; ollo, pois!

Tratar de convencernos de que para salvar o estado de benestar (eu pregúntome, desculpen, pero son moi incrédulo e bastante agnóstico, o benestar de quen?) son imprescindibles unha tras outra reformas e reformas, que non son tales, máis ben privatizacións e recortes sen límite: Da sanidade, da educación, da xustiza, dos dereitos acadados con sangue, suor e bágoas, durante anos e anos de loita sindical polos traballadores para mellorar as súas condicións de traballo e o futuro dos seus fillos, coa famosa reforma laboral, dos dereitos das mulleres a decidir libremente a súa maternidade e as que están por vir, dereito de reunión, expresión e manifestación, non se esquezan do que lles digo hoxe, por certo que todas elas por decreto lei, nin unha soa foi negociada ou consensuada con ningún dos colectivo afectados ou non, tan so usando e abusando da famosa maioría dos votos, que dende logo resulta estúpido negar teñen, pero que non lles confire carta de liberdade para actuar coa indecencia, inmoralidade e falta de xustiza social coa que están a facer as cousas.

Pero, saben o peor de todo? Penso e sinto que cando dentro de dous anos perdan as eleccións, os que cheguen ao Goberno non farán nada por cambiar todo isto e devolvernos os nosos dereitos a soñar cun mundo mellor, sen tanta indecencia, tanta inmoralidade e máis xustiza social.