A revista "National Geographic" no seu número de maio, inclúe un inspirador artigo intitulado "As caras da Lúa". Jeremy Berlin, redactor de "NG", ofrécenos un breve percurso por diversas culturas e tradicións, sintetizando aquilo que a humanidade ve bosquexado nas "sombras" faciais da lúa chea. Os científicos -uns estragafestas- atallan calquera elucubración denominando a superficie escura "mares lunares", unha vasta extensión de terreo chan e deprimido.

Ao artigo ben lle acaería o título "As caras da cara da Lúa", pois, como é sabido e por mor da súa síncrona rotación coa Terra, o noso satélite sempre nos mostra a mesma face. A Lúa inviste o mesmo tempo en xirar sobre si ca en completar a súa viaxe orbital arredor do noso planeta (case 28 días). A lúa mantén a outra face oculta aos ollos da humanidade, sexan cales sexan as coordenadas terrestres des onde a observemos. Polo tanto, a dama da noite engaiólanos, contúrbanos, posúenos, inspíranos, abálanos e deválanos, despregando só a metade do seu poder de encantamento.

Aínda que todos os humáns partillamos a mesma fasquía lunar, coa axuda dun telescopio decatarémonos de que os habitantes do hemisferio norte enxergamos no hemisferio sur lunar, por exemplo, a rechamante cicatriz do astroblema Tycho, un dos cráteres máis característicos da orografía selenita, bautizado na honra do astrónomo Tycho Brae. Pola contra, os terrícolas do hemisferio sur perciben o mesmo accidente orográfico no hemisferio norte do astro veciño.

Dende a teogonía grecolatina até o monolito alieníxena do tándem Arthur C. Clarke-Stanley Kubrick para "2001: A Space Odyssey" (1968), a Lúa, e de xeito especial a lúa chea, ten sido manancial inesgotábel de mitos e lendas. Cómpre engadir que boa parte da humanidade, a mesma que di observar tal ou cal cousa impresa no pergameo lunar, descoñece (ou pon en dúbida) que o 20 de xullo de 1969 o home puxo por vez primeira o pé naqueles ermos poeirentos.

Lemos en National Geographic que, para moitos pobos europeos, as nódoas lunares representan un home vellouco carrexando ao lombo un feixe de leña. Segundo a tradición xudeu-cristiá, a súa angueira non ten acougo, xa que, por incumprir o precepto do descanso dominical, Deus o condenou a traballar eternamente.

Na India crese que as pegadas da deusa Astangi Mata (denominación hindú da nosa Moura) sobrancean naquela agrisallada epiderme. Nai de dous xemelgos, a deusa enviounos ao ceo, transfigurándoos no Sol e na Lúa. Astangi Mata, despediuse agarimosamente da pequena Chanda -a Lúa- e, ao acariñarlle as meixelas, deixou gravadas as mans na faciana da súa filla.

Os estadounidenses albiscan os trazos esenciais do rostro dun home, o home da Lúa: ollos, nariz e boca.

Dende o arquipélago das Hawaii enxergan unha muller -Hina- que tece para os deuses, confeccionando as teas coa cortiza dun baniano, árbore sagrada. "Mahina" significa "lúa" en hawaiano.

Os neocelandeses achegan o relato de Rona, unha muller que ousou aldraxar a Lúa. O astro, en castigo, recluíuna no seu orbe a perpetuidade. No afastado oriente acreditan nun coello de longas orellas. Para os xaponeses, o coello moe arroz nun almofariz para, coa fariña, cociñar unhas saborosas tortas. En China e Corea, o coello elabora nunha marmita o elixir da inmortalidade. Este animaliño tamén está presente no imaxinario das culturas centroamericanas.

Posto que todo depende dos ollos con que se mire, a restra de interpretacións é interminábel. Así e todo, nesta aluarada galería non pode faltar a proposta galega e, en concreto, a visión que do asunto temos os indíxenas de Terra de Montes.

Nas aldeas da revolta do Seixo, os naturais contan do vínculo existente entre o rato Rabisaco, roedor endémico da peneda do Castro Grande ou Outeiro do Castro, e o plenilunio. Do rato ao coello non hai moito treito.

O Castro Grande é un prominente afloramento granítico que abrangue dos hectareas de superficie. A rocheda do Castro Grande finca a estrema dos concellos de Cerdedo e Forcarei. Na súa aba de levante, O Castro presenta unha rocha de forte pendente, sucada ao medio por unha fenda en zigzag. Na parte central, ábrese un buraco por onde se di que, en noites de lúa chea, contra á medianoite, asoma o fuxidío Rabisaco.

Así o recollín no lugar da Cavadosa, en Abelaíndo, en Meilide... Cando a Lúa loce completa no firmamento, o lueiro espile o letargo deste pequecho e rebuldeiro animal.

Cómpre non confundir o rato Rabisaco, identificábel cun lirio ou leirón (Glis glis), co rabisaco, mamífero carniceiro (Genetta genetta), tamén coñecido por algaria ou rabilongo. Ambas as dúas criaturas estarrican un longo e peludo apéndice caudal que serve para denominalos. A cor gris da peluxe do rato e o seu pequeno tamaño contrastan co maior porte e a pelame apigarada da algaria.

Daquela, nas noites de luar, o Rabisaco abandona o tobo e rebole pola rasteña aos choutos. De tal xeito que, o derradeiro pincho válelle para acadar a lúa e nela se nos representa. Ao entender dos aldeáns, o rato, esfameado, pega no queixo que, rechamante, se exhibe no alzadeiro da noite. Xa coa lambetada nas poutas, non demora pasala polo dente até facela desaparecer. Como ben se comprende, o Rabisaco é o causante da mingua da lúa.

Tamén se di que, cadrando co luar enteiro, todo aquel que trasnoite ao pé do Castro Grande acabará sendo testemuña do reloucar do Rabisaco. De tal cousa acontecer, a boa sorte apegarase ás sentinelas coma pez. Por se interesar, a vindeira lúa chea cae no domingo 23 de xuño.

O rato Rabisaco non é, naquel territorio, o único ser mítico relacionado coa lúa e o seu devir. Na aldea cerdedense de Carballás e nas forcareicenses de Presqueiras, Cernadelo e Ratel contáronme do longo sono dun xigante, coñecido polo home da leghua, que ao acordar axota a maiola estricando os brazos. O mangallón, coa punta dos dedos, amosega a lúa, propiciando o seu devalo. A durmida do home da leghua delóngase, xa que logo, un mes.

Preto do lugar de Carballás, localízase o Outeiro das Lúas Novas, unha morea de cachote proveniente dos estragos causados na lúa polo xigante foupeiro. Teñan por seguro que as andanzas do home da leghua dan para outro artigo. De as enrestrar, os lectores de Faro de Vigo serán agrazados coa primicia.

Todos estes relatos fálannos da relevancia que o noso satélite tivo, e aínda ten, para as comunidades labregas, sempre atentas ás evolucións do astro para dar comezo á sementeira, proceder á esterqueira, á decota, á matanza, á salgadura..., mesmo para cortar unllas, cabelos e barbas; reminiscencia de cando o tempo, en ausencia de almanaques, se media sumando luadas e primaveiras.