Castros como o da Devesa, en Oleiros, e mámoas como as de Mourelos e Campo das Latas (Silleda) ou Lagoas (Cortegada) están hoxendía catalogadas grazas ao labor desinteresado de Julio Rivas Ramos. A súa devoción pola natureza, a súa sensibilidade cara o patrimonio e un moi agudo sentido da observación permitiron a este silledense de Laro descubrir varios xacementos prehistóricos que viñeron enriquecer o patrimonio cultural de Trasdeza. Nin presumiu diso nin reclamou mérito algún en vida. Pero esta faceta súa é lembrada desde onte nun mural elaborado polo coñecido artesán Antonio González Abal na rúa Tras das Eiras, na fachada traseira da súa casa e enfrente do edificio no que residiu o propio Julio Rivas.

Foi, precisamente, no seu piso onde o emprendedor de Laro apareceu morto o pasado día 8 de maio, a consecuencia dun infarto. O seu repentino falecemento aos 43 anos de idade causou unha grande sorpresa e consternación en Silleda. Vinculado durante anos ao negocio familiar, Cometal, había un tempo que dirixía a súa propia empresa, Metaldume, no polígono industrial Área 33, tamén dedicada á fabricación e colocación de estruturas metálicas, aínda que a menor escala.

A unha persoa sensible, amante do patrimonio. In memoriam. Julio Rivas Ramos. Maio de 2013. Tal é a sinxela pero sentida dedicatoria coa que Antonio González Abal e a súa dona, Lucía Ares Fondevila, quixeron honrar a memoria de quen fora seu amigo e estreito colaborador en proxectos de recuperación patrimonial como o levado a cabo en torno ao Castro de Toiriz (Silleda). A súa casa familiar loce na súa fachada posterior un colorido debuxo inspirado no petroglifo da Pena das Cazolas, situado en Laro e inventariado polo arqueólogo, tamén silledense, Xulio Carballo Arceo. O feito de que a creación artística de González Abal -comezada tempo atrás- recollese motivos do xacemento rupestre de Laro, parroquia natal de Julio Rivas, e a súa proximidade á vivenda deste levou ao autor a pensar en dedicarlla a xeito de homenaxe póstumo. Demasiadas casualidades para ser casualidade. Así que, logo de falar cos seus pais, que deron expreso consentimento, completou a obra e engadiulle a dedicatoria.

Os que desde onte pasen pola rúa Tras das Eiras poden contemplar a fantástica recreación de Abal e saber que legados do pasado, exemplificados alí no petroglifo da Pena das Cazolas, perdurarán no tempo grazas a persoas como Julio Rivas Ramos.