Aínda que polo Día das Letras Galegas haberá que agardar un ano, esta efeméride tivo contido onte na bisbarra con varios actos organizados pola administración municipal e coletivos culturais, que aproveitaron o sábado para convocar estos eventos e atraer así aos veciños.

O grupo de teatro xuvenil "Vagalume" da parroquia lalinense de Vilatuxe estreou no auditorio a composición "O que hai que ver!", na que os rapaces da parroquia amosaron as súas táboas enriba do escenario aos seus parentes e veciños. A función comezou pouco despois das nove da noite coas nenas Alba, Luna e Débora como protagonistas dunha representación na que a música tivo grande parte do protagonismo do espectáculo. As actrices estiveron coordinadas por persoal da Escola Municipal de Teatro de Lalín (Esmutelin), que reservou esta cita para onte logo dos ensaios do trío de protagonistas da peza.

A programación do mes das Letras na capital dezá continuará o vindeiro venres no Salón Teatro coa representación da obra de Redrum Producciones "Curriculum Vitae". A comedia poderá presenciarse ás 21.30 horas e chega á localidade da man da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Está pensada para maiores de 12 anos e o custe das entradas será de 4 euros para o público en xeral e 2 para os que sean estudantes.

na igrexa parroquial agoladense celebrouse pola tarde un festival de corais, que deu comezo ás 18.00 horas. No espectáculo conxunto tomaron parte os orfeóns de Gondomar e de Ribeiros. A representación local quedou nas mans da Coral Polifónica de Agolada, que, coma sempre, concentrou a numerosos incondicionais.