A comarca de Deza entregouse onte á celebración do Día das Letras Galegas, con actos en Lalín, Vila de Cruces e Silleda, municipios que aínda prolongarán as honras ao idoma nas vindeiras xornadas.

Na capital, o punto de encontro foi no museo municipal Ramón María Aller, onde as poetisas Lucía Aldao e María Lado ofreceron unha conferencia sobre Cantares Gallegos, a obra por excelencia da escritora de Padrón, Rosalía de Castro, que celebra precisamente este 2013, 150 anos da súa publicación. As artistas completaron a súa intervención cun recital de versos acompañados de música en directo. A programación municipal polo Mes das Letras continúa hoxe, cunha interpretación teatral no Auditorio de Vilatuxe. Actuará o grupo xuvenil, que interpretará a peza O que hai que ver!

En Silleda, os veciños de Parada madrugaron para festexar as Letras. Xa ás sete e media da mañá as seis fontes e tres lavadoiros da parroquia lucían folios con poemas, relatos curtos e textos variados en galego. Trátase dunha iniciativa que se mantén desde 2010 dentro da coñecida como Ruta da Auga, a mesma que o próximo día 26 acollerá unha ruada a partires das cinco da tarde.

Dous foron os colectivos que promoveron actos en Vila de Cruces. Membros da asociación Novo Cruceiro colocaron frases de Roberto Vidal Bolaño -a quen se lle dedica este ano as Letras- e de autores galegos en muros e fachadas do casco urbán cruceño e entregaron tamén cuartillas con versos aos veciños, confeccionadas o xoves nun obradoiro na Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño coa artista Carlota Salgado.

Pola tarde, no auditorio Valero Guzmán de Merza, a Asociación Cultural O Arco rendiulle homenaxe a Vidal Bolaño coa lectura de textos e a entrega de premios do seu primeiro concurso de relatos curtos. Rubén Fuerte e Conchi Gómez foron os galardoados. O contacontos Celso Fernández Sanmartín, Celsiño, pechou os actos cun monólogo.

Por outra banda, hoxe ás seis, actuarán na igrexa de Agolada a coral local e os orfeóns de Gondomar e Ribeiros, tamén con motivo das Letras.