Dicía Paulo Coelho que "o mundo muda co teu exemplo, non coa túa opinión". Por seguir coa "fraseoloxía", sostén Salman Rushdie que "verdade é o que a maioría ve como verdade, pero a maioría tamén pode mudar de opinión ó longo da súa historia".

Danme pé ambas as dúas citas sobre a opinión para asinar hoxe un "ata pronto" desta sección nas páxinas de FARO. Espero que só sexa un ata pronto e que a intensidade das miñas actividades profesionais na xestión de gabinetes de prensa de empresas me deixe retomar pronto esta sección que, na distancia de Compostela, me permite (e obriiga) ademais estar ao día da actualidade da miña vila. Como di Coelho, o mundo muda co exemplo de cada un, co traballo ben feito e a axuda á sociedade na que vive.

Tomo este descanso con regusto a decepción, por ver que a miña vila "non levanta cabeza". Decepción e tristura non exenta da satisfacción de ter contribuido, modestamente, a denunciar accións escandalosas, relacionadas coa política lalinense e a escasa contribución que os políticos desta terra están a facer pola súa recuperación. Decepción por ver a escasa reacción cidadá que se produce.

Teño, neste tempo, vivido e experimentado situacións raianas no esperpento, dende a construción do novo concello, até a non construción da planta de lixo na veciña Irixo, pasando por ducias de investimentos improdutivos e ideas de político-bombeiro, que se apunta ao populismo no canto de ao pragmatismo.

Tampouco me gusta o futuro. No económico, desmantelado industrialmente e en plena "fuga" de capitais cara a outros países e cidades próximas. No político, cunha oposición que se mira o embigo, nun proceso de decadencia continuada, incapaz de conectar coa maior parte dos lalinenses, sen capacidade para renovar as súas ideas e comunicarse co cidadán. Canto ó goberno, máis do mesmo. Cun alcalde pechado en si mesmo, escasamente práctico nas súas liñas de goberno nas últimas dúas lexislaturas, que fuxe do contacto cos vecinos e que fai descansar o futuro da vila nunha autocomplacencia incomprensible. Tan mala ou peor parece ser a perspectiva da "romanización" futura. Dá vertixe que o futuro pase polas mans da "dedocracia" que acabe por impoñer ó deputado Román Rodríguez, viceportavoz parlamentario, fiel escudeiro da alcaldía e eficacísimo home dos recados parlamentarios do conselleiro de Política Territorial, que estes días deixou pasar unha oportunidade de ouro para ficar calado e estendeuse en opinións, cando menos discutibles, sobre as razóns da perda de poboación de Lalín nos últimos anos e, máis recentemente, sobre o liderado que ostenta a vila en materia de vivendas baleiras.

Lalín perde habitantes nunha sangría á que tentan pór remedio "tarde, mal e a rastro" e, de seguir a situación, vai ser "tarde, mal e nunca". Caer dos 20.000 suporá non só perda de ingresos do Estado, Xunta e a Deputación; conleva perdas de ingresos por impostos directos e indirectos, de atractivo comercial... Suporá volver ó Lalín da predemocracia. É ese o Lalín "romanizado" que nos espera?

P.D.: Que non se entenda mal o uso das miñas frases de cabeceira. É preciso ter e dar opinión, e dar exemplo. - como queira que os nosos políticos non o dan, será tempo de que todos dean a súa opinión; e que o que moitos dimos por bo durante anos, o empecemos a pór en dúbida e, con novas opinións e actitudes, mudemos a nosa propia historia. O meu agradecemento aos lectores e, especialmente, á redacción de FARO en Deza pola súa colaboración permanente, pola comunicación e pluralidade que aportan, pois fan unha necesaria e impagable contribución á sociedade de Deza e axudan a facer país. Saúde e sorte!