A escasos metros da presa de Portodemouros o visitante asiste atónito a unha paisaxe de abandono e a unha mostra da dilapidación de cartos nos anos de bonanza económica. Pola marxe pontevedresa, a granxa flotante de cría de peixe e a nave que serve de almacén de apoio non son máis ca unha anécdota cando pasamos á beira coruñesa, onde as silvas case tapan o Centro Náutico ADER. Fican abandonadas á súa sorte as outrora fermosas cabanas de madeira, a cafetaría, o clube náutico e demais instalacións deportivas da que no seu día se cualificou como unha das infraestruturas máis ambiciosas de apoio ó turismo de interior. Cartos da Unión Europea, a través do Plan Leader, que pretendía ser "un eixe vertebrador do desenvolvemento turístico da bisbarra", na que debería ter base un catamarán turístico. - todo iso impulsado polas Deputacións de Pontevedra e A Coruña baixo un cómplice silencio dos catro concellos da ribeira -Agolada, Vila de Cruces, Santiso e Arzúa-, da Xunta de Galicia e incluso dunha Unión Europea que, logo de constatar que os traballos subvencionados non respondían ó concepto de "iniciativa produtiva", deixaron esmorecer responsabilidades e non esixiron a continuidade do xa feito.

O fermoso "chalet" do albergue e oficinas, xunto cos embarcadoiros flotantes, podrecen no abandono. O edificio foi saqueado, ante o seu desleixo, e arrancáronselle ventás, sanitarios, liteiras, mobiliario. Ninguén sabe que foi dos barcos a motor para control das regatas, nin de moitas embarcacións deportivas. O entorno degrádase cada día un pouco máis? Millóns de euros públicos totalmente desaproveitados, sen posibilidade xa de recuperación. As embarcacións permanecen afundidas no fondo do encoro, outras foron roubadas e algunha repousa deteriorada entre cascallos e lixo. Morto o proxecto, morreron tamén as esperanzas de moitos empresarios turísticos da zona e das Administracións locais das dúas marxes da presa, que viron nas obras unha oportunidade para un relanzamento da zona. Algo parecido acontece cunha infraestrutura similar en augas de Agolada, onde un embarcadoiro languidece á espera de actividades que ninguén promove.

Á historia pasaron as escolas de vela, o campo de regatas, a escola de remo... Ruínas de instalacións sen uso ningún son mudas testemuñas do mal facer de responsables públicos, que abordaron investimentos improdutivos dos que agora ninguén se acorda, nin tan sequera para lles pedir responsabilidades polos seus actos.

Só o museo do mel, iniciativa privada dun extraballador da presa, sobrevive na contorna. O investimento e o esforzo persoal, e ter sobrevivido no tempo, xustifica as, neste caso, escasas axudas recibidas. O museo do mel é unha illa exemplar nun mar de despreocupación e dilapidación. Pero nin sequera algo que funciona recibe a atención dos poderes públicos. Trátase dun centro de interpretación dunha especie, a abella, que é todo un bioindicador da saúde ambiental dun territorio e, polo tanto, as visitas de escolares e colectivos cidadáns deberían promocionarse para a sensibilización cidadá no coidado do medio, un medio que na zona está cada día máis abandonado e degradado.

P.D.: Portodemouros é o máis claro exemplo de que conceptos como o de desenvolvemento turístico do interior son simplemente unha afirmación "para a galería" e unha oportunidade para manexar sen control fondos públicos. Nin "depodezas", nin "patronatos de turismo", nin outros organismos análogos poñen interese na cuestión.