cuarto crecente

O novo paradigma

17.03.2013 | 04:29

Vivimos a agudización dunha crise que, se ben tivo unha orixe económica e financeira, foi abrindo outras frontes nos eidos político e social cunha virulencia inimaxinable nos seus comezos. Trátase dunha recesión que desborda o propio sistema e que afecta de maneira especial as clases máis desfavorecidas, aquelas que, sen teren ningunha responsabilidade na súa aparición, vense obrigadas a sufrila dun xeito lacerante.

Unha vez máis, ese chamado Estado de dereito, que se debería afanar na defensa dos máis necesitados e garantir a súa estabilidade, víralle as costas e abandónaos á súa sorte. Tal é o caso dos desafiuzados, que deben deixar as súas vivendas e quedar na rúa coma se fosen a escoura social. Non vale argumentar, como fan algúns políticos, que os verdadeiros responsables son os bancos, xa que, aínda que isto é certo en gran medida, o Estado ten autonomía suficiente como para poñer fin a unhas decisións inxustas que xa levaron a varios afectados a matarse.

Pero a xestión da crise afecta tamén, e moi negativamente, a outros sectores. Estes últimos días, mentres asistiamos nos medios de comunicación á elección dun novo papa en medio dunha gran teatralidade e opulencia, o Goberno de Núñez Feijóo retiraba o comedor gratuíto a 20.000 escolares galegos, polo que as familias deberán pagar entre 18 e 81 euros ao mes. Ao mesmo tempo, nalgúns grandes hospitais os enfermos permanecen arrombados nos corredores por falta de camas.

Mentres que as series de televisión constrúen unha realidade engaiolante e moi diferente á que vivimos a gran maioría de nós, o certo é que as xentes do común aspiran tan só a cousas sinxelas como ter un traballo fixo, unha boa educación para os seus fillos, unha sanidade rápida e eficiente e unha casa onde poder vivir sen a ameaza de ser arrincados dela calquera día pola forza.

A xente honesta tamén ten dereitos. As leis e as garantías constitucionais non se crearon para protexer aos criminais e aos especuladores, senón para dar liberdade aos homes e mulleres que tratan de saír adiante con dignidade. Eles non queren para as súas familias un mundo corrupto no que todo estea á venda, incluso a decencia; por iso se fai necesario poñer fin a un sistema que cae a anacos e elaborar un novo discurso que teña á ética como eixe principal. Urxe un cambio de paradigma, é dicir, unha mudanza na maneira en que a sociedade organiza e interpreta a realidade.

Non fai falla sinalar o camiño a seguir. Cada persoa ten unha parte de responsabilidade na construción dese modelo diferente de convivencia. Os beneficios dos que gozamos ata o de agora e que nos están sendo arrebatados non son o agasallo de ninguén. O seu logro é obra de xentes que dedicaron a súa vida a loitar por dignificar a vida dos traballadores e traballadoras mediante una dura actividade política ou sindical.

Faise necesario polo tanto defendermos esas conquistas, porque son nosas e temos dereito a elas. Permitir a privatización da educación, da sanidade ou doutras parcelas da vida hai tempo socializadas, significa perder dun patrimonio comunitario que será moi difícil recuperar no futuro.

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


 
Enlaces recomendados: Premios Cine