O gando ao seu coidado nunca se viu acosado polos lobos

17.03.2013 | 00:00

O gando ao coidado da Muralla nunca se viu acosado pola lobada. A cadela, ventando pola redonda unha manda esfameada, ceibaba un longo e agudo ouleo ouuuuu! ("non ousedes, estes animais están ao meu cargo"). O can fero mantíñase, ben por deferencia, ben por caución, afastado do seu territorio.
Os aldeáns sospeitaban que a Muralla fixera un pacto cos lobos e que mesmo os comandaba. A cadela ficou preñe unha vez e aquela camada encheu Abelaíndo duns cadelos alobados, estirpe de lobicáns, trazos xenéticos que aínda hoxe se albiscan nos cánidos da parroquia.
O cauto avó Xosé, aínda que vía a súa cadela abondo competente, cinguiulle ao pescozo unha grosa carranca de coiro e cravos. Moito me aledei cando, hai tempo, nunha das miñas revistas ao tesouro etnográfico da casa do "Gheiteiro", achei pendurada dos muros da corte, canda os temoeiros, o colar espiñento da Muralla. Gárdoo coma ouro en pano.
A Muralla atinxiu a idade dos dez anos. A súa sona traspasara as fronteiras da aldea. Para os de Cerdedo deixou de ser estraño ver aparecer pola rampla a cadela que, turrando dun carriño e coa saquetiña dos cartos amalloada á coleira, cruzaba con prudencia a estrada xeral camiño da tenda de ultramarinos.
Un infausto día, a Muralla non veu durmir á soleira da porta. Tampouco respondeu aos berros enlaiados do meu avó. O pobo organizouse e foi, monte a través, na súa procura. Atopárona morta, en hora mala, no regueiro das Laceiras, onde fora beber, adoecida pola inxesta dun cebo envelenado armado para os lobos. Deus lles dea igual morte aos envelenadores e a todos aqueles que se asañan coa nosa fauna doméstica ou salvaxe.
Os despoxos da cadela Muralla foron soterrados ao pé do carballón das Revoltas, digno panteón para a que foi raíña dos rabaños do Seixo. Fóra alma, a cadela Muralla demostrou máis xuízo, nobreza e goberno ca moitos que chegaron a cinguir coroas.

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


 
Enlaces recomendados: Premios Cine