A chegada dos novos propietarios coincide cunha etapa de expansión na produción froito das altas cotizacións acadadas polo volframio principalmente, momento no cal Fontao era un fervedoiro. Estes prezos elevados atraeron xentes de diversos lugares, os cales, á marxe da disciplina da empresa e na busca no preciado mineral, se mesturaban cos mineiros e cos presos que redimían as suas condeas na mina en base ao programa de redención de penas polo traballo, ao cal estaba suscrito a empresa dende 1940 e que durou ata 1943. Neste momento vendedores de todo tipo de xénero, taberneiros, estraperlistas, contrabandistas, espías, mulleres de vida alegre e moral moi relaxada, o exército, a Garda Civil e incluso Os Corcheiros fan presenza en Fontao ao calor da incesante producción do volframio.

Debido ao seu elevado prezo, o volframio desbancou nestas datas á laranxa como produto estrela das exportacións españolas. 1942 e 1943, foron os anos de maior demanda de volframio da Segunda Guerra Mundial, momento no que a Société des Étains de Silleda emprega unha gran cantidade de man de obra, incluindo mulleres na sua plantilla, circunstancia que non é ben vista polas autoridades, especialmente no caso de mulleres casadas. En 1944, a demanda internacional de estaño e volframio diminuíu, caendo a produción. Ao principio da guerra o mercado do volframio español foi preferentemente Alemaña, para pasar entre 1941 e 1942 aos aliados nunha política de acaparamento co obxecto de evitar que chegase a mans alemanas.

En 1945 a produción de volframio en Fontao sufre un forte descenso pola paralización do mercado tras o fin da guerra. Aínda así, a explotación de Fontao era a máis importante da provincia, tal e como se recolle na Estadística Minera, sendo ademais a empresa mellor preparada de Galicia para ofrecer volframio de calidade. En 1947, o grupo mineiro de Fontao segue encabezando a produción provincial de estaño e volframio, desaparecendo moitas das minas anteriormente competidoras.

Guerra de Corea

A produción de estaño redúcese en 1949. Pola contra, a produción de volframio aumenta, igual que as exportacións. En 1950 comeza a guerra de Corea, circunstancia que trae consigo o rexurdimento da demanda de volframio e o aumento do prezo do mineral.Corea, un dos grandes produtores mundiais de volframio, como consecuencia da guerra, practicamente suspendeu as exportacións, o que aumentou a cota do resto de países produtores.

En 1951 Fomento Hispania faise con todas as concesións situadas no xacemento de Fontao e a súa contorna inmediata mediante compra. En 1952 retómase a actividade na mina Angelita, que levaba parada dende 1918, construíndose un novo pozo vertical.

O poboado

En 1954 a obtención de concentrados de estaño e volframio diminuíu sensiblemente respecto da do ano anterior, aumentando o precio do estaño e baixando o do volframio, perdendo a Société des Étains de Silleda o liderato na produción, recuperando nos anos seguintes a hexemonía que sempre ostentara. Neste mesmo ano os Cort planificaron a construción dun poboado en Fontao destinado aos seus obreiros, do que as obras se iniciaron ao ano seguinte e concluiron en 1958.

En 1955 a produción de concentrados da Société deas Étains de Silleda diminúe e o volframio continua o seu declive. En 1957 a Société des Étains ocupa de novo o primeiro lugar entre os grupos mineiros da provincia. En 1958 é a única empresa mineira activa de Pontevedra, inaugurando ademais un novo lavadoiro que substituíu ao antigo, deseñado por César Cort Gómez-Tortosa e realizado pola sociedade Carnivent, de Torrelavega.

O declive

En 1959 o prezo do volframio mantívose baixo, pero con tendenza á alza pola desaparición dos stocks estratéxicos e a diminución da produción mundial. En 1960, a produción en Fontao aumentou, así como a lei do volframio in situ, pero os prezos empezaron a mostrar síntomas de debilidade.

En 1962 o prezo do wolframio experimentou unha baixada considerable, xa anunciada o ano anterior, e a súa influencia foi tan grave que a Société des Étains de Silleda mostra a súa intención de pechar a explotación. O 9 de maio de 1963, a empresa vese obrigada a parar as explotacións subterráneas de Fontao.

En 1965 a familia Cort constituíu a empresa Oberón, S.A., adquirindo as concesións a Société des Étains de Silleda a Fomento Hispania, S.A. Deste xeito, en 1968 a empresa iniciou un novo período de actividade durante o cal se explotou por minería ao descuberto o xacemento ata 1974, momento no que cesa definitivamente a actividade extractiva ata os nosos días.