A finais do mes de agosto de 1888, El Diario de Pontevedra informaba os seus lectores dun caso insólito, protagonizado por Dominga Recamonde Xil, muller de 39 anos de idade, veciña da parroquia forcareicense de Millarada.

Consonte afirmaba a interfecta e aseveraba a súa familia, Dominga Recamonde levaba unha década sen inxerir alimentos sólidos e líquidos. O xaxún ou inapetencia principiaron tras superar un acceso de febres tifoideas que a piques estivera de pór fin á súa vida: "Déranme por morta, xa me taparan a cara cun pano. Á fin, sandei e restablecinme, pero xa nunca fun boa. Un ano despois da enfermidade, devolvía todo canto tomaba e xa por último deixei, por completo, de comer e beber. Así estou haberá dez anos".

O día 5 de setembro, o xornal lugués El Regional facíase eco da nova, reproducindo o ditame do doutor Bernardo Feixoo Poncet ?asinado o 31 de agosto?, polo cal, cualificada a doenza de "histerismo", recomendaba o ingreso da paciente no Hospital de Pontevedra para ser sometida a estudo: "Con objeto de observar este caso curiosísimo e intentar su curación, conceptúo que debe ingresar en el hospital de esta ciudad, debiendo acompañarle su madre a fin de prestarle determinados servicios".

Naquela altura, o centro hospitalario de Pontevedra localizábase no antigo edificio de San Xoán de Deus (derrubado no ano 1896), estremeiro coa praza de San Román (hoxe, praza de Curros Enríquez) e as rúas Real e Don Gonzalo.

Había tempo que nos concellos de Cerdedo e Forcarei a delongada abstinencia de Dominga Recamonde acaparara as conversas de adro e taberna. O pobo acreditaba que a muller "vivía en graza de Deus".

Dominga Recamonde, en calidade de coello de Indias, xa fora obxecto de esculca morbosa por parte das forzas vivas da comarca: "Confirmábase el hecho cada vez más, porque fueron repetidas las ocasiones en que algún médico o algún sacerdote del ayuntamiento, queriendo cerciorarse de la verdad de la versión, sometía a experiencias a la Dominga, experiencias que, según parece, en todos los casos han llevado el mayor convencimiento al ánimo del que las realizaba". Lida tal cousa, é normal que nos preguntemos pola natureza das ditas "experiencias".

Non todos foron doados de convencer. O alcalde cerdedense, Francisco Cachafeiro, un dos homes fortes da familia Riestra en Terra de Montes, desconfiaba da actitude da súa veciña, polo que se enleou nunha aposta cos seus amigotes: "Yo no quería dar crédito a lo que se hablaba de esta mujer, hasta tal punto que había apostado con otros amigos a que si la dejaban a mi cargo, me comprometía a demostrar que Dominga comía y bebía como cualquier otro mortal".

Francisco Cachafeiro recluíu na súa casa a Dominga Recamonde por espazo de once días: "La rapaza no quiso acceder en un principio a los deseos de mis contrincantes, pero ya al fin estos la convencieron y Dominga Recamonde se prestó al examen. La recibí en mi casa. La encerré en una habitación que tuve buen cuidado de vigilar, y al cabo de once días, la saqué de ella, pudiendo advertir que salía exactamente en el mismo estado en que había entrado. No quise hacerla permanecer allí más tiempo, a pesar de un huésped que sale tan barato, se puede tener en casa toda la vida sin que gaste siquiera agua de la fuente...".

Estes parágrafos deixan translucir o inhumano proceder da autoridade caciquil, donos da vida e da morte dos seus súbditos, serodio feudalismo. Ben se comprende que o boticario Constantino Gamallo e os agrarios cerdedenses tivesen o alcalde Cachafeiro na moa do cabo.

Unha vez satisfeita a súa curiosidade, o propio Cachafeiro trasladaría a Dominga Recamonde ao Hospital de Pontevedra o día 30 de agosto de 1888.

Previa ao seu internamento, El Diario de Pontevedra require a Dominga Recamonde para unha entrevista. Dominga, faltosa de forzas, na compaña da súa nai, viaxa a cabalo dende a aldea de Millarada até a redacción do xornal en Pontevedra (rúa Riestra nº 38), para cebar a rexouba dos da capital. A muller, tras máis de 40 km de mal camiño, chega exánime. O xornalista, en pago, sométea a un terceiro grao.

"-¿Se siente usted mal?¿No come usted absolutamente nada?¿Y bebe? ¿Y no siente usted necesidad de comer?¿Siente usted dolores?¿Saliva usted?"

-"Non, señor. Por iso, cando me confeso e comungo, a partícula que me pon na boca o señor cura non a podo pasar e a teño dous ou tres días, ata que se vai consumindo coa calor", nos respondió en el dialecto del país".

"-En la aldea creerán que es causa de milagro lo que a usted le pasa.

-Non sei o que eles pensarán.

-¿También sted cree que eso es un milagro?

-Para Deus non é milagre. Milagre é para o mundo".

O reporteiro de El Diario conclúe: "El caso es extrañísimo. Es una histérica a quien se debe estudiar por si acaso, antes de declarar que es la autora de una engañifa con la cual no conseguiría nada. Podrá no ser nada. Pero no es imposible que sea cierto".

O xornal compostelán La Gaceta de Galicia, seguindo tamén o ronsel de El Diario de Pontevedra, lle dedicará durante días espazo ao asunto da xaxuadora. Na edición do 1 de setembro, lemos: "Desde ayer hállase en Pontevedra, con objeto de consultarse a una junta de médicos, y de que puedan examinarla cuantas personas lo deseen". A cabeceira luguesa El Eco de Galicia contribúe a espallar a noticia. Na edición do 14 de setembro titula: "Una maravilla de la naturaleza" e engade: "Este interesante caso, que tanto preocupa a la clase médica gallega, y que deja atrás a los célebres ayunadores Tanner, Succi y Merlatti...".

O "milagre" de Dominga Recamonde acabará dando a volta ao mundo. O xornal madrileño El País (4-9-1888), citando a La Crónica de Pontevedra, escribe: "El caso es extraordinario, pero no nuevo en Galicia, donde una mujer conocida por la vieja de Gundián vivió treinta y tantos años en las mismas condiciones que la Dominga Recamonde". El Eco de Galicia, pola súa banda, amentará a Xosefa da Torre, a enferma de Gonzar, que botara 34 anos sen probar bocado. De Gundián (Vedra) até Gonzar (O Pino), apenas 40 km.

El Eco de Cartagena (6-9-1888), reproduce a noticia en portada, na sección "Variedades": "A pesar de esto, no se trata, como pudiera acaso creerse, de un extraño y notable caso de catalepsia, sino de una persona que vive perfectamente despierta y en el pleno goce de todas sus facultades mentales y movimientos".

Na outra beira do océano, o xornal neoyorkino The Recorder titula "Remarkable case of fasting": "...there has just been admitted to the Pontevedra hospital a female hysterical patient, Dominga Recamonde by name".

Anos despois, Prudencio Landín Tobío lembrará o asunto no seu libro De mi viejo carnet. Crónicas retrospectivas de Pontevedra y su provincia (1949), baixo o epígrafe "A muller que non comía nin bebía". Landín interrógase: "¿Se trataba de una simulación caprichosa, con fines desconocidos? ¿Era un afán de celebridad mal entendida? ¿Se concebía científicamente la existencia de una persona años y años sin alimentación suficiente?..."

Prudencio Landín anota que, durante a súa estadía hospitalaria, Dominga Recamonde escoitou estonteantes ofertas económicas (até 24.000 pesos) en troco de exhibir, como mono de feira, a súa "habilidade". "Todo ese diñeiro de nada me vale no estado en que me atopo" -seica, contestou a doente.

Polas páxinas de De mi viejo carnet, sabemos que non quedou galeno na Boa Vila e arredores sen auscultar a Dominga Recamonde, vítima de canto experimento argallaba a ciencia da época.

Resignada á súa sorte, Dominga só desexaba tornar ao acougo da aldea, farta de tanto trastorno inútil. Lonxe de procurar remedio ao seu mal, o persoal médico afanábase en espiala, tentando desmontar o que crían andrómena.

A medida que se foi espallando a noticia, a xente, ben por curiosidade ben por devoción, arremuiñábase arredor do hospital, arelando coñecer a singular muller. En prol da seguranza e da operatividade, foi preciso pechar as portas do establecemento.

Trece días despois e no medio dunha grande expectación, Dominga Recamonde abandonou o sanatorio pontevedrés, levando consigo os 45 kg de feble humanidade cos que ingresara.

Serpente de verán, nunca máis se soubo de Dominga Recamonde. Moito nos abraia este baleiro informativo, xa que a historia reborda excepcionalidade.

Que foi da xaxuadora de Millarada? Ficará no lugar alguén que nos poida dar razón do seu destino?