Ao pé do farelo

Non se pode enganar a todos todo o tempo

07.03.2013 | 07:39

Pois si, aínda que non o pareza, non é posible enganar a todo o mundo todo o tempo, por moi ladino que se sexa.

O país está que mete medo, a xente está que bota fume. Imos, irremisiblemente, camiño dos seis millóns de inocentes desempregados. A nosa xuventude alcanza xa taxas de desemprego e falta de posibilidades e desánimo inasumibles, inxustas e impensables hai tan so un ano. O aumento da desigualdade social resulta xa un feito innegable. A realidade das bolsas de pobreza e da xente que roza ou xa está inmersa nos parámetros definidos pola OCDE para ser considerada "pobre" é unha vergoña da que deberiamos estar todos nós conmovidos e motivados a facer cambiar urxentemente a derrota na que sumerxiron a nosa sociedade ilusionada e esperanzada no cambio. O ar fresco que ían traer estes pais da patria, resultou coma unha piña cunha apetitosa aparencia por fóra, pero cando a abres está chea de podremia polo corazón.

Tan só nun ano, a sociedade do noso país pasou dos brotes verdes dunha crise máis ou menos económica á depresión, a angustia e o medo no que nos ten inmerso o goberno do PP, o Sr. Rajoy e os seus cuates. Chegaban coa man tendida, recórdano?, ofrecíanse á negociación, ao dialogo, ían escoitar a todo o mundo e negociar e consensuar o mellor para todos. Unha máis das moitas mentiras con que conseguiron o poder, o único que realmente lles importa, e se non ás probas me remito... Con quen consensuou o ministro Wert a reforma da educación, se ten en contra á totalidade da sociedade educativa: alumnos, mestres e asociacións de pais/nais? A quen escoitou o ministro Gallardón, para implantar contra vento e marea a reforma da xustiza, conseguindo o nunca visto, a unión de letrados, secretarios, xuíces e usuarios? A quen consultou a ministra Mato, para impoñer contra todos e contra todo a privatización da sanidade? Que intereses particulares económicos e de quen defende? Dende logo, os dos cidadáns non, diso non hai dúbida. Acaso consensuou a ministra de Traballo a máis inxusta e dura reforma laboral que se deu xamais na historia moderna do país?

Nin unha soa vez aceptaron unha soa opinión de ninguén, pero o peor é que nin sequera a pediron. Están a gobernar por decreto e co uso e abuso da maioría parlamentaria que acadaron coa mentira nunhas eleccións baseadas no engano e, polo tanto, falsas. Menten coma cosacos e sen nin sequera ter un asomo de dignidade, e á cabeza o noso ínclito presidente, Sr. Rajoy, que incumpriu sistematicamente todo o seu programa electoral e mentiu unha e mil veces en todas e cada unha das súas promesas.

non imos falar do tema Bárcenas e a bomba de reloxería que ten ao seu carón o presidente. Como pode deitarse a durmir, coa conciencia tranquila, cando sabe o que ten ocorrido durante anos no seu partido? Como pode pedirlle sacrificios aos máis desfavorecidos, aos que xa non lles queda nada, nin sequera a esperanza, cando é consciente do que está a suceder un e outro día cos casos de corrupción de xente que debería ser modelo de honestidade, integridade e transparencia? A actual política do PP parte claramente dunha ideoloxía: liberdade de mercados, ricos e pobres, privatización total e absoluta e que cada quen se apañe como poida, mentres eles estean arriba.

Pero ollo, insisto, non se pode enganar a todo o mundo todo o tempo e aqueles sistemas que se impoñen polo medo e a forza -medo á enfermidade, medo á miseria, medo a quedar sen traballo, medo ao que ten o poder de facerche dano- tarde ou axiña se desintegran baixo a marea violenta dos descamisados, os caladiños, os miserables, os que nada lles deixaron e, como nada teñen que perder xa, tanto lles da tamén perder a vida. Todas as revolucións historicamente empezaron así, señores meus.

Calendario laboral y escolar 2016/2017

Calendario laboral 2017 en Galicia

Calendario Laboral 2017 en Galicia

Aquí tienes a tú disposición todos los días festivos en  Vigo y en Galicia , así como el Calendario escolar 2016/2017 .

 

GALICIA EN VINOS

Galicia en Vinos

Todos los vinos de Galicia

Consulta aquí todos los vinos de las cinco denominaciones de origen de Galicia


 
Enlaces recomendados: Premios Cine