Na liña do exposto na primeira parte, para que unha explotación poida ser rendible ten que ser autosustentable, o que implica ser pouco dependentes, producindo o que nos fai falta. Pero facer isto supón un xiro tan grande que nin se pode mencionar nese sistema cuadriculado. Que lle falen aos gandeiros de producir sen penso e de cumprir o ratio de sostibilidade. Iso si que sería produción de calidade, con leite de calidade, sen rebentar as vacas con penso que fai que dean leite ata polos cornos. Un leite que se produce nun animal que come unha mestura de produtos de dudosa procedencia que na maioría dos casos son modificados xeneticamente.

Pero, quietos parados, para chegar a ser competitivos e poder producir calidade temos que pasar polo tema da fincas, bueno, no caso de Galicia non temos fincas, temos recunchos nos que nin sequera chegaría a virar un tractor. Pero hoxe aínda se pode ver a moitos agricultores novos e vellos que non queren oír falar da palabra parcelaria. Agora ben, para eses catro recunchos temos unha de tractores que mete medo. Na nosa mentalidade de galegos, se un veciño compra un tractor de 100 cv (suficiente para un 70 % das explotacións), o outro vai e cómprao de 120 cv (o que a xente chama asociarse debe ser iso). Así, chegamos a un punto no que hai particulares que teñen tractores máis grandes que as propias empresas que se dedican a facer traballos desa índole.

Os galegos somos así e coas cooperativas pasa o mesmo; unha meirande parte non ten sentido, e non estou dicindo que sexan uns órganos inútiles. De feito, son unha ferramenta moi útil pero que ten que ser ben xestionada. Que sentido de existencia ten unha cooperativa cando calquera provedor externo lle surte a mesma mercancía ao agricultor a prezos máis baratos? A verdadeira esencia sería pelexar e defender aos socios garantindo os mellores prezos e servizos. Pero iso non ocorre e nunha gran maioría dos casos as cooperativas son entes de negocios per se. A proba está na ostentación da silla presencial e resulta que en moitos casos esas pelexas polo poder parécense ás que ocorren na coñecida serie de televisión La que se avecina. Existe, polo tanto, unha ansia de poder con resultados moi difusos, particulares, de trampolín ou similares.

Cos sindicatos, ídem de lienzo, moito bombo e platillo pero fóra diso, que queda? Onde quedou a finalidade real de axudar?

E, por último, o tema estrela, o goberno. A verdade é que pouco se pode dicir das políticas agrarias, somos tan bos que lle cedemos o poder a Europa e aínda para colmo o pouco que nos queda non se sabe aproveitar. O que tiña que facer o goberno era acabar coas subvencións e subirlle dunha vez por todas o prezo do leite a un valor real de mercado a todas aquelas explotacións que cumpran cos compromisos de sostibilidade e que realmente poidan manter o que van producir. A utopía só se acabará se o verdadeiro gandeiro controla o mercado dende o principio ata o final, dende o teto da vaca ata a boca do consumidor, con garantías, sen intermediarios e sen penso. Isto é real pero fai falta unha política que o suxeite e que lle dea validez, pero, como di o refrán, que bo cabalo sería se tivese un bo xinete.

Chegado o final, sería interesante poñer unha curiosa comparativa: un litro de Coca Cola que beben millóns de persoas en todo o mundo vale 1,15 euros, un litro de leite co que medramos e nos alimentamos e que beben outros tantos millóns de persoas no seu almorzo ou no café, 0,30 euros. Beber para crer.