O Entroido comezou onte con forza na bisbarra dezá con moitas actividades e centos de veciños disfrazados nas rúas para dar a benvida a unha celebración na que a transgresión imponse sobre a vida cotiá do resto do ano. As máscaras, carrozas, charangas tomaron as rúas dos concellos da zona para lembrar aos veciños que quedan aínda por diante tres días de intensa actividade cun obxectivo común: a diversión e a troula por riba de todo.

A localidade trasdezá da Bandeira celebrou onte o seu día grande do Entroido co tradicional Alto dos Xenerais, no que centos de veciños e visitantes desfrutaron cos "vivas" que lanzaron os protagonistas desta festa, que xa deixaron verse antes do acto central, que arrancou ás seis da tarde. A parranda na Bandeira comezou cedo; pouco despois do mediodía coa música nas rúas para que ás 16.00 horas saíran os xenerais acompañados das máscaras e parrandas que amenizaron a festa. No concurso de comparsas, carrozas e charangas, participaron numerosos veciños, aínda que a entrega dos galardóns non estaba prevista ata a medianoite ou a madrugada de hoxe. Logo do Alto dos Xenerais infantil -que se organiza desde hai uns anos- os persoeiros deste Entroido tradicional citáronse na Praza da Feira para comezar os atranques. A festa rematou a altas horas da madrugada no pavillón, cunha verbena amenizada por dous grupos musicais.

En Lalín, como é tradición desde hai anos, a asociación O Naranxo foi a encargada de coordenar os dos principais actos do día. No Vermú de Señoritas, no que cada ano participan máis veciños -os homes vestidos de mulleres e viceversa- fixeron o seu tradicional paseo desde o café Camilo para continuar polos bares do casco urbano. As saias curtas, os beizos pintados e a maquillaxe por riba da barba dalgúns homes sorprendeu a moitos veciños e visitantes atraídos polo barullo que argallaron nas rúas e bares os disfrazados. Este ano ata había algún caracterizado de noiva.

Xa pola noitiña tivo lugar a procesión de Santo Torrisco de Siracursa, na que se cantaron polos bares as coplas satíricas que os feitos máis destacados do ano pasado. Ao ritmo da música tradicional, nos locais cantáronse composicións como: En Lalín non hai deshaucios/ tampouco hai preferentes/ seica imos ben de traballo/ vendo como vota a xente. Hainos que están sen traballo/ e andan pensando ser narcos/ agora que imos ter praia/ pra facer os desembarcos.

Noutro orde de cousas, hostaleiros da rúa da movida de Silleda -Cartagena- amosaron o seu malestar polo operativo policial montado na madrugada de onte, no no que participaron numerosos axentes. Os empresarios din que, aínda que non lles constan arrestos, a presenza das forzas da orde fixo que a maioría dos clientes optase por marchar para a casa, "un día no que podemos facer algo de caixa".