Cans e cadelas disfrazados de abellas, vampiros ou sevillanas poderán verse o vindeiro 17 de febreiro no Pontiñas Gadis de Lalín na primeira edición de Cani Entroido da protectora "Peludos sen fogar" de Lalín. Cristina Rodríguez, que xunto coa súa irmá Estefania creou este refuxio de animais abandonados, explica que "todo o que se consiga será para a protectora e para os gastos dos animais que temos agora recollidos". O entroido canino do día 17 agarda xuntar a cans de toda a zona cun custe de 2 euros por participante, tal e como sinala Cristina. "Fixemos a rifa dos 100 euros no Pontiñas para non ter que cobrar entrada á xente que queira presenciar o entroido dos cans", desvela unha das promotoras da idea.

Rodríguez pensa que poden ser moitos os que se animen a participar no Cani Entroido do Pontiñas. Para facelo poden anotarse a través da dirección do correo electrónico do refuxio (peludossenfogar@hotmail.com) ou no mesmo día do certamen. Precisamente, a promotora do evento pensa co mellor sería que sexa o mesmo día do entroido cando os participantes fagan a inscripción dos seus cans. Cristina que é máis doado cobrar os 2 euros a cada dono dos cans que facelo a través do enderezo electrónico da protectora de cans e gatos de Lalín. A cofundadora do refuxio xa ten decidido os disfraces dos seus cans para o Cani Entroido de Lalín. "Aisha", un cruce de Podenco de dous anos, irá de sevillana, mentres que "Tais", un cruce de Mastín, levará unha camiseta.

A tarefa levada a cabo en "Peludos sen fogar" céntrase nestes días no coidado de tres cans. Cristina Rodríguez indica que "agora temos dous cans en acollida e outra cadela que fomos rescatar á que lle estamos buscando casa". Cristina tamén lembra como fai pouco foron "recoller un Akita e dous boxers, aínda que no caso do Akita apareceron os donos porque, as veces, é fácil dar cos donos sempre que os cans leven a correspondente acreditación e, tamén, se nota si o can está coidado nada máis atopalo e velo".

As irmás Rodríguez crearon o refuxio de animais de Lalín en decembro de 2012. O proxecto conta cun perfil propio no Facebook e naceu coa idea de convertirse nunha "segunda oportunidade" para que cans e gatos abandonados atopen un novo fogar antes de ser trasladados a canceira de Meis, que utiliza a Deputación para retirar todos os animais abandonados dos concellos adscritos ó programa.