"Adeus mil e non miles", advertía un coñecido dito popular, inspirado, quizais, na décima centuria (cuarteta 72) de Miquèl de Nostradama, agoireiro primus inter pares: "O ano mil novecentos noventa e nove, sete meses, do ceo virá un gran rei do terror..., etc.". Como para non inquietarse.

"Adeus mil e non miles" e, con todo, os cuadrantes, as clepsidras e os bulbos de area lles deron paso aos mecanismos -como o de Antikythera, estudado por un meu parente, Derek John de Solla Price- e estes, aos reloxos de cuarzo e aos atómicos...; e creuse domeado o tempo. Entrementres, a Terra seguiu completando a súa volta arredor de si e arredor da súa estrela, puntual, impávida, rindo nas barbas dos que teimaron e teiman en acoutar o intanxíbel.

Sobrevivimos, sen apenas mancadura, o holocausto nuclear, o colapso informático, a crise financeira e, recalcitrantes, o fatídico almanaque maia (que algúns vedoiros confundiron co molde dunha galleta María).

Amañeceu o día 22 de decembro de 2012. Raiou o sexto sol, sobordando cachazudo o monte do Seixo. En Cerdedo: -Tudo bem? -Tudo bom!, e todo é susceptíbel de mellorar se, aínda por riba, atinamos co algarismo da lotaría.

O 2012 foi un bo ano para Cerdedo. No segundo trimestre, consonte as previsións, superouse a cifra dos 15.000 empadroados. Lonxe fica a fatídica sangría demográfica. Non podía acaecer doutro xeito, as ambiciosas políticas de recuperación económica que se puxeron en práctica nos últimos tempos acadaron os resultados apetecidos. Moito nos felicitamos ao comprobar que até o derradeiro euro proveniente da Europa foi investido pensando no ben común.

A aposta decidida polo sector primario converteu o noso distrito en patrón de referencia, en modelo a seguir. Hai unhas semanas, asistimos á inauguración doutra explotación leiteira en Quireza en réxime de cooperativa. Xa van media ducia neste trienio. A renegociación do status da Galiza no marco da UE foi definitivo. A ampliación da cota láctea e a fixación duns prezos dignos do produto en orixe erixíronse en factores decisivos.

Apelando á liberdade de mercado, non hai quen compita co leite galego e, nun alarde de chauvinismo, co leite de Cerdedo; tampouco non, coa carne, abondosa calidade propiciada por unha escrupulosa e diversificada selección gandeira e unha óptima recuperación dos nosos pasteiros. Alí onde non chegou o parcelamento, actuaron as organizacións veciñais.

Quen nos ía dicir, noutrora, que aquela vaguidade de sufragar con fondos municipais o pastoreo de mil cabezas de caprino para conter a matogueira desbocada ía ser o xérmolo do rexurdimento económico cerdedense.

Non só de leite cru vive a humanidade, polo que, en Cerdedo, no eido do sector secundario, se traballa de firme en prol da transformación in situ das nosas materias primas. A consolidación do macropolígono industrial de Terra de Montes, ben comunicado e mellor dotado da tecnoloxía de vangarda, atinxiu a vertebración do territorio, permitindo, entre outras bondades, que os derivados lácteos (mormente, o queixo de cabra) se convertesen nunha das xoias das nosas exportacións. Abofé, a comarcalización efectiva do país obrou un antes e un despois. Moito comenenciudo acubillaba a vetusta estrutura dos 315 concellos, un insaciábel fol rachado.

Polo que atinxe á xestión forestal, estanse a concluír as tarefas de erradicación do eucalipto. O esforzo e o diñeiro investidos nestas décadas non foron en van. As lombas montesías, exoneradas da peste, locen hoxe un aspecto envexábel e, en breve, as fábricas de taboleiros e mobiliario do parque empresarial recibirán a primeira corta proveniente dos nosos plantíos sustentábeis. A onerosa ditadura das papeleiras é tan só un triste recordo. Que fale a cidadanía de Pontevedra que hogano goza en plenitude do seu revitalizado esteiro.

Non podemos máis ca gabar as axudas que se lle veñen outorgando ao emprendemento racional dende as distintas administracións da República, grazas ao respaldo crediticio da rexurdida banca pública. As subvencións en materia de agricultura ecolóxica animaron a moita xente nova, mesmo estranxeira, a fixar a súa residencia en Cerdedo. É unha ledicia escoitar os recén-chegados estrearse na nosa lingua, outrora perseguida pola morriña neofranquista. Urxen diversas obras de ampliación na maioría dos centros escolares.

A pioneira lei municipal que proscribía a edificabilidade namentres non se habilitasen e habitasen todas as vivendas tradicionais remudou primorosamente as aldeas, convertendo aquela montaña xa non en apetecíbel segunda residencia, senón nun val paradisíaco onde facer por vida.

No tocante á Cultura, superada a síndrome do pobo esfameado, o Museo Arqueolóxico de Cerdedo (MAC), rexistrou este ano un notábel incremento do número de visitantes. A nova colección de pezas expostas, froito das recentes escavacións dos depósitos de Castrodiz e do castro de Arén, actuaron de irresistíbel reclamo. O ano que vén inaugurarase nas Raposeiras (Meilide) o Museo Padre Sarmento que, amais do legado do frade, acollerá, nunha das súas dependencias, a aula de interpretación da Montaña Máxica, consumándose, deste xeito, un proxecto longamente arelado. O sector terciario, xaora o turismo, experimentou un desenvolvemento extraordinario ao combinar a calidade do servizo cos múltiples atractivos culturais da zona. A boa especie véndese soa.

Xa se ten licitado o labor de retirada do ferrovello daqueles primeiros parques eólicos, testemuñas dunha época de salvaxe depredación medioambiental. Os aeroxeradores privativos fornécennos hoxe de enerxía limpa e barata, ao abeiro da nacionalización da electricidade decretada para a Galiza.

Con estas expectativas, en Cerdedo non lle hai medo á fin do mundo. A coñecida profecía apocalíptica do Tecelán de Carballás que se identificaba coa ruína e abandono das aldeas vaise ter que pospor sine die. A derruba do penedo da Laxamoura en avalancha por riba dos lugares -outro sinal da fin dos tempos- haberá que deixala para peor ocasión. Hai quen propugna -tal é a bonanza- retomar o abandonado proxecto do ferrocarril, dotando a Cerdedo da súa correspondente estación bimodal.

Outros, os nostálxicos, na sobremesa da cea de Noiteboa, desempoarán o álbum das fotos antigas, por aquilo de fustrigarse cos remorsos: a democracia mangoneada, os quinteiros desertos, o labradío comesto pola fronde, o patrimonio abandonado, a operación "bombilla frouxa", a esmola da oprobiosa deputación... Insisto, tan só un triste recordo. Malia os agoireiros, outro Cerdedo era posíbel.

Aquí remata este inocente conto de Nadal. Tornemos agora á crúa mais esperanzada realidade. Unha nova maioría traerá prosperidade a esta terra: unha maioría de galegos da cerna, sen complexo de inferioridade. Quen mellor ca nós para defender o noso. Eu, autonomeándome prognosticador, enuncio outra profecía: "Anos mil, volven as augas ao seu carril". Hoxe é o primeiro día do resto da nosa vida.