Pego ("pegho", no falar gheadista de Cerdedo) é unha voz patrimonial que provén do latín pelagu(m), "auga desbordada". O vocábulo "pego" designa en galego os lugares profundos dos ríos, adoito escenario de míticas epopeas. Piago, pozo ou goio son termos sinónimos.

O pozo do Pego, no río Lérez de Parada, tamén é coñecido co nome de pozo Negro, facendo fincapé na súa natureza abisal. Construída uns centos de metros, río arriba, da ponte nova (infraestrutura da estrada Folgoso-Parada), a ponte vella do Pego (estrutura de pedra e madeira) salvaba a corrente mesmo á beira do abismo enlagado. A ponte vella xa viñera substituír uns máis antigos pasais. O asoballador encoro de Fenosa upou o nivel das augas e, hoxe en día, todo se adiviña tras o seu veo espellizo.

Amais da ponte, naquela mesma localización, a hidroeléctrica enlagou uns bañeiros de pedra que, en tempos, o pobo empregaba para tomar as augas caldas que gurgullan dunha burga ribeirá.

É coñecida en Cerdedo a lenda do tesouro de dona Ghurina, raíña de mouros. En tempos recuados, o apostolo Santiago, a lombos da súa alba cabalaría, zafreou a fortaleza nomeada Torre dos Mouros, cidadela de seixo des onde a coroada e os seus súbditos se afanaban na prospección aurífera da vaganta. En desbandada, a mouramia ocultou a sulago no pozo do Pego unha boa porción das súas alfaias, entre elas, unha grade de ouro.

O emboscado relanzo da ponte vella do Pego foi, noutrora, un dos lugares escolleitos pola bandida Pepaloba para levar a termo as súas algueiradas.

Neste marco propiciatorio tense documentado a presenza doutra enigmática e monstruosa criatura: o Cancodrilo ou Cancodrulo.

Tras escoitar unha descrición pormenorizada do Cancodrilo ("metade can, metade caimán") imaxineino, literalmente, como un gran crocodilo a quen a natureza antolladiza o dotara dunha extremidade capital semellante á dun cánido.

A diferenza da Bichoca, o Cancodrilo impúlsase, na terra, empregando as súas catro patas ben poutadas e, na auga, co apoio dun rexo apéndice caudal. Temos anotado, así mesmo, que tras as omoplatas, o réptil artellou un par de ás, como de morcego, que lle permitirían engalar. A súa facultade para o voo non se sostén dende o punto de vista das leis físicas, posto que estes apéndices estarían moi pouco desenvolvidos en relación co seu peso e morfoloxía, porén o Cancodrilo suca o ceo coa gracilidade dunha gatafornela. Malia o moito descoñecemento, propomos, no eido taxonómico a denominación Canis crocodylus.

Conforme outros pareceres, os accesorios alíferos agrómanlle cando atinxen a idade adulta e, daquela, "éntralles a babilonia (ansia, febre) por marchar" e migran xalundes. Este costume -de tal xeito expresado- lémbranos o vezo das cocas ou dragóns (coma o arrepío que pasea a vila de Redondela polo Corpus) que de vellos desenvolven ás e parten cara a Babilonia, cidade da antiga Mesopotamia, lugar que simboliza o inferno: "Para Babilonia vou, malia do que me viu e non me matou!". Unha vez alí, transmutan en carballas ou penedos.

O Cancodrilo, fero carnívoro dotado de boas fauces e voracidade alobada, cubriría a súa anatomía, a excepción da cabeza, cunha grosa pel escamenta. Descóñecese se a súa gorxa é quen de emitir ladros ou ouveos, mais, pola contra, sábeselle capaz de enviar enteiros ao bandullo cabalos e vacas de bo ano.

De non escolleren Babilonia como destino, as cocas e as serpes velloucas tiran cara ao mar. Nas profundidades abisais acocoran ricos tesouros. Contan en Cerdedo que a raíña moura dona Ghurina encomendoulle ao xigante Testadunto que mirase polas xoias afundidas no Pego, namentres voltaban e non na súa procura. Adiantándose ao regreso da mouramia, o pobo foi quen de esconxurar o mangallón co seguinte recitado: "Xighante, polo poder do ouro mouresco, vai río abaixo cara ao mar xuntarte cos teus parentes e déixame feliz!". Existiría algún trazo de consanguinidade entre o xigante Testadunto e o Cancodrilo?

Outro dos procederes máis rechamantes do Cancodrilo é o de alancar feito unha roda, postura que adopta ao trabar a punta do rabo coa boca.

Os veciños de Parada que saben e quixeron contar vencellan o monstro, indefectibelmente, coa contorna da ermida do Pego. Ben, o monstro ou os monstros, pois, coma no caso da Bichoca, non se está certo se o Cancodrilo é un ou moitos avistados polo selleiro.

A ermida do Pego e o seu resío foron, en tempos, eremitorio. A capela do Pego (sécs. XVI ou XVII) construíuse baixo a advocación da Nosa Señora da Purificación (ou Nosa Señora do Pego). É evidente que o que se pretendía purificar, por divina intercesión, era aquel "cu do mundo" ateigado de monstros diabólicos: Bichocas e Cancodrilos rebuldando no caldo termal proveniente do mesmo averno. Boa profesión de fe facían aqueles anacoretas! Cómpre engadir que, hai uns 2.000 anos, os castrexos xa escolleran aquel contraforte para se asentaren.

Así como o cobreguear da Bichoca se some na brétema das suposicións, as andainas do Cancodrilo son moitas e moi retorneadas. Fágolles, a seguir, un resumo das que, polo momento, chegaron ao meu coñecemento.