Non posuímos unha descrición polo miúdo do réptil acuático coñecido vulgarmente pola Bichoca. Apenas, nestes últimos anos, unha ducia de informantes souberon ou quixeron achegarlle luz ao enigma.

Dos que deron razón, tres afirman tela visto "cos seus propios ollos", os máis din (ou din que din) que non é conto e que ten a conca do Lérez en por súa. Os que certifican o seu avistamento non son troiteiros -o que é unha garantía-. Todas tres testemuñas coinciden en que as súas extraordinarias dimensións elevarían o animal á categoría de monstro.

Xuntos todos os datos, deducimos que a esquiva Bichoca é un ofidio de hábitat fluvial, aínda que de costumes anfibios. Os informantes non se aveñen á hora de determinar se existiu (ou existe) un só exemplar -daquela, perdurábel-, ou unha manda deles.

Os que dan por bo o censo de varios espécimes argüen a evidencia do costeleiro (capricho erosivo?), visíbel baixo as augas do pozo da Torre, na fondeira de Arén (detalle que corroboramos), vestixio fósil, seica, dunha Bichoca extinta. Estes reforzan a súa tese explicando que as marmitas de xigante talladas no leito rochoso do piago son obra do cobreguear da serpente, causante ademais do temíbel redomuíño (ou ola).

A Bichoca foi, que se saiba, enxergada en tres relanzos do curso fluvial: o pozo Sangoento, no río do Seixo, o pozo dos Anguieiros, no Lérez, e o citado pozo da Torre, no río do Castro.

Sorprendidos na tona da auga, estes exemplares de imprecisa cor verde escura acadaban na súa sección intermedia un diámetro semellante "ao do eixo do carro". Apreciouse que, de cabo a rabo, o lombo da criatura se adobía cunha crista vermella, como de galiña, máis prominente na cabeza. Algún mitólogo observaría nesta característica unha afinidade xenética cos basiliscos.

Din que, como as baleas, así que atinxe a superficie, funga, expulsando polas ventas unha sonora bafareira. O seu ollar é penetrante e hipnótico, como así o asevera esta adiviña: "Unha señora deitada nun prado, vestida de pano labrado, nin era pano, nin era seda, e o que a ve pasmado queda".

Insistindo no tamaño, as testemuñas non ben saben estimar a lonxitude da serpe (cecais, uns 10 m.), xa que nunca se ollou toda ao cumprido fóra do seu elemento. Porén, sospéitase que, de cando en cando, o leviatán se estrica á raxeira nas leiras ribeirás ou se enrodela nos ameneiros, obrando a muda da camisa. Sábese dun arteiro que, cos retallos da pelica, amañou un fol para a mestura.

No cotexo con outros bestiarios mitolóxicos, son rechamantes as similitudes co ser nomeado carbunco. Xoán X. Teixeiro Rei ("Seres galegos das augas", 2002) achega unha descrición: "Son uns animais fabulosos que aparecen de cando en vez aboiando entre as augas das cidades ou puzos asolagados (...) Estes carbuncos semellan, pois, vencellados ás serpes das augas doces, ou aos galos serpes europeos que posúen unha ollada extraordinaria, coruscante e de lume. Algúns botan luz ou lume polas pedras que posúen nalgunha parte da súa cabeza onde reside o poder senlleiro do animal".

A Bichoca é, basilarmente, piscívora, manténdose a base de troitas, anguías ou salmóns (suponse que non estoxará ras, lontras e auganeiros), mais, nalgunha anada ruín, adoecida pola fame, puido xaora acometer no gando, aproveitando o seu desprevido abeberar. Hai mesmo quen lle apón a non esclarecida desaparición dalgún paisano, emboscado pola becha, cando a bota da auga ou a quenda do muíño.

Postos a fixar a súa taxonomía, coidamos acaída a científica denominación de Eunectes lerensis, xa pola crer emparentada coas anacondas (Eunectes murinus), coloso endémico dos matos ecuatoriais, xa por reinar na bacía do Lérez.

Contan que un veciño de Abelaíndo, bo nadador e mozo destemido, bateu no fondo do pozo Sangoento co niño do réptil, aquelado con xógaras e coíños. O mergullador tornou á superficie cun dos ovos (dato que confirmaría a remuda da especie). O amarelento endego presentaba unhas dimensións semellantes á posta do avestruz. Xa na casa, fixo con el unha tortilla. O xantar provocoulle tal anoxo que, ao pouco, pereceu de inanición, pois o estómago non lle toleraba compango ningún.

Na aldea da Cavadosa recollín que no dito pozo Sangoento, a Bichoca vela un lampexante tesouro, composto pola ferraxe dun carro do país mais un arado e unha grade (todo de áureo metal). Nunha fatídica manobra, a parella de bois que empurraba a carga brandeou de mans, envorcou e, a tombos, precipitouse polo cavorco de Costoa abaixo. Dende aquelas, a riqueza fica sepultada na sima do goio.

En Meilide, até hai pouco, tíñase por costume facerlles fumazos ás bichocas. Medida precautoria de amplo espectro, posto que neutraliza a influenza de toda sorte de cóbregas. O aldeán, no soarego da primavera, dispuña nalgunha leira próxima á vivenda unha morea de frouma e garabullada á que lle engadía un mañuzo de herbas escolleitas -que se sabían herpetófugas-. Modernamente, enriquecíase a cacharela coa adición de pneumáticos vellos. A fumeira densa e fedorenta disque mantén afastada a alimaria inmunda da facenda.

De antigo, as correntes fluviais son consideradas lugares máxicos e, de adoito, detentoras dunha ameaza indeterminábel. Aínda sen ter experimentado en carne propia a estarrecedora emersión da Bichoca, a xente -mormente os nenos- gárdase da fatal atracción do líquido fluente e doutros perigos intrínsecos (remuíño, fame do río, lexión de seres fabulosos...) facendo choutar na pela da auga unhas pedriñas finas e chás chamadas caparríos. Os caparríos deben pular sen afundirse, como pouco, até tres veces, para o esconxuro acadar efectividade.

A Bichoca deixouse ver sempre no inverno, cadrando coas cheas. No verán, por mor da mingua dos caudais, debe migrar a mar aberto. Hai anos que non se teñen novas do animal, pois, hai anos que os ríos non enchen consonte o seu natural, signo inequívoco do chamado cambio climático.

Alá polo verán do ano 2000, enfrascado no inventario dos muíños da parroquia de San Xoán, houben vadear en solitario o treito do Lérez que discorre baixo o túnel da estrada xeral, por acadar os Anguieiros, na confluencia co río do Castro. Non desboto o poder da suxestión, mais, somerxido de medio corpo na opacidade das augas e de medio corpo na escuridade do paso subterráneo, asegúrolles que sentín un aloumiño maino e delongado arreluar as miñas pernas espidas. O traxecto, como comprenderán, fíxoseme eterno.

Xa no ano 2009, integrando o colectivo Serpe Bichoca -bautizado en lembranza da fabulosa cóbrega-, colaborei na realización dun documentario verbo do acervo lendario do monte do Seixo. O "tráiler", ao dispor na Internet, foi visionado, neste tempo, por máis de 3.000 persoas. Malia estar convocada, a discreta Bichoca non se presentou á rodaxe.

Para quen poida interesar, a uns 3.000 km de distancia cara ao norte, nas Highlands escocesas, os veciños da ribeira do lago Ness levan séculos tirando proveito dun supervivente xurásico coñecido mundialmente por Nessie.