A ponte de madeira (pons tabulata), vinculada a comunidades locais, servía para relacións de corta distancia, pero non ofrecía a garantía nin a seguridade que necesitaba un comercio de maior alcance. No século X, a pesares da fragmentación territorial na que atopaba dividida Galicia por causa do incipiente feudalismo, xa se dispoñía dos avances técnicos que foran introducidos, anteriormente, polo mundo romano. As grandes vías de comunicación, trazadas en función da organización imperial, especialmente durante o mandato dos emperadores Vespasiano e Trajano, mantiñanse vivas pero, na Alta Idade Media, o mundo galaico era basicamente rural.

Neste contexto, estaba a cambiar a nosa historia, porque Santiago de Compostela convertiuse nun incipiente centro de atracción relixiosa, unha vez que as reliquias, verdadeiras ou falsas do apóstolo, foran levadas desde Iria Flavia a este novo enclave. O poder relixioso e o poder monárquico actúan conxuntamente e este burgo comeza a medrar atraendo xentes (éxodo rural) e visitantes, que impulsan un comercio cun radio de acción superior ao que existía daquela. Nesta situación, a rede de camiños pre-existente, organizada en función das necesidades locais-comarcais, comeza a articularse en torno a determinadas vías. Unha destas vías era a que pasaba por Ponte Taboada, que era o punto de confluencia de varios camiños que viñan do Sur e do Leste. Había outras pontes noutros ríos que nos indican que algo estaba cambiando en Gallaecia: Ponte Vilariño (río Arnego), Ponte dos Cabalos (río Arnego), Ponte de Pedroso (río Arnego), Ponte Asneiros ou Orneiros (río Dozón ou Asneiro) e, moito máis lonxe, a ponte romana de Ourense (río Miño). Por esas pontes pasaban os camiños que se dirixían, concentrados en Ponte Taboada, cara a atraínte Campus Estela.

Unha ponte de madeira non aseguraba o paso dos comerciantes nin dos abastecedores de materias primas, como o viño do Ribeiro, porque podía suceder que chegaran a esta engroba e a ponte estivera deteriorada ou desfeita polas razóns que foran e o comercio quedaba interrumpido. Á altura de Laxe, antes de chegar a Ponte Taboada, xuntábanse, cando menos, tres importantes camiños que se convertían nun só ao paso por Prado, moi cerca da ermida de San Martiño, que debemos encadrar no contexto do mencionado camiño. Neste lugar, Prado, existiu unha igrexa prerrománica da que se conserva, na actualidade, o basamento nas fachadas Norte-Sur, formado por sillares irregulares, acabado rugoso, emprego de abundantes cuñas (forras) e con abombamento do muro. A súa datación, segundo os investigadores, pode ser dos séculos VI-VII ou X-XI, a falta de comprobacións arqueolóxicas. Sobre esta primitiva base, probablemente anterior á ponte de pedra de Ponte Taboada, levántouse a igrexa actual en fases románica, moderna e contemporánea.

Hai un feito evidente: o aparello do basamento de San Martiño de Prado, tecnicamente, é moi inferior ao utilizado en Ponte Taboada, pero neste artigo non se pretende analizar esa realidade. Determinados lugares de culto cercanos a esta vía de tránsito, cada vez máis importante ao estar vinculada ao fenómeno da peregrinación cara a Santiago de Compostela, comezan a expandir o románico ou a sobreimpoñelo a construcións xa existentes. Un exemplo disto é a igrexa románica de Santiago de Taboada, construída no século XII baixo a advocación de Santi Iacobi, de Tabulata. A expansión do románico ao longo desta vía é outra proba da importancia que estaba adquirindo o seu tránsito comercial e relixioso.

A ponte de pedra soluciona o problema da reducida duración das pontes de madeira pero, en Ponte Taboada, supón bastante máis ca iso, segundo o comentado anteriormente. Chegou o momento do cambio, acuciado polas novas necesidades comerciais naquela realidade histórica determinada pola fabricación do "Mito Xacobeo", un mito estratexicamente ideado para recompoñer o territorio que se tiña perdido desde a época suevo-visigótica.

Na engroba situada abaixo da confluencia do Deza Superior e o Asneiro había que cambiar a ponte de táboas por unha ponte de pedras que resultara segura para a nova realidade que viña encima. As medidas da canle fluvial eran determinantes, porque a lonxitude da ponte dependía dese parámetro. Así que o mestre-canteiro director da obra optou por unhas medidas sorprendentes: un arco de medio punto de 5,30 metros de radio. Esta medida levantaba a ponte a unha altura impresionante sobre o río, nada menos que 10,60 metros, pero levaba aparellado outro problema construtivo ao que se debería facer fronte porque, no lado dereito (concello de Lalín), había que desvastar o dique de pegmatita con penedos de gran tamaño, que impedían a chegada do camiño á altura que se atopaba a ponte.

Para solucionar este problema tiveron que construir unha rampa de 35 metros de lonxitude e cunha altura máxima de 5,50 metros para conectar o camiño coa ponte e romper varios penedos da fronte do dique de pegmatita ou "dente de cabalo". O dente de cabalo é unha pedra dura, moi díficil de traballar pero rompible en bloques angulosos de tamaños variados, debido ás fendas entrecruzadas existentes. Na actualidade aínda se pode ver a fronte dos penedos que tiveron que rebaixar contra o camiño da rampa, que no seu interior conserva como base firme de apoio a estrutura rochosa, fortemente inclinada en dirección ao río Deza. Isto pode comprobarse, facilmente, facendo unha pequena incursión polo túnel da central hidroeléctrica, que atravesa en diagonal o interior da rampa.

Antes da construcción desa rampa, na época das pontes de madeira, o camiño de acceso baixaba moi empinado cara a ponte, cunha pendente estimada do 20%, sendo unha dificultade máis coa que se atopaban as carruaxes. A construción de dita rampa mellorou moito o acceso, pero o muro de contención ou paramento, que tiveron que levantar, non se fixo coa técnica construtiva da ponte, posiblemente, por causas económicas. Neste caso utilizouse o material do entorno e o muro levantouse en tosca cachotería a base de "dente de cabalo" e gneis ("a pedra das paredes"), rocha moi utilizada na mamposteria de casas, muros e valados.

As dificultades que tiveron que vencer para construir a rampa de entrada polo lado dereito do río, a causa dos penedos do dique de pegmatita, non se presentaron do lado oposto (concello de Silleda) porque, nesta parte, as pendentes son menores a causa do afundimento producido pola Falla Occidental do Carrio, como se ten comentado anteriormente.

As pedras que se atopan nos arredores da ponte non serven para un traballo de perpiaño ou sillería e, por iso, os construtores do viaducto tiveron que transportar o material, posiblemente, de varios puntos cercanos, todos eles nos montes do concello de Silleda.

O afloramento granítico máis cercano, no Monte Valiños, atópase a uns 600 metros de distancia en liña recta. Outro importante lugar para a extracción de pedra de cantería puido ser a Devesa de Covas a un quilómetro de distancia, sen embargo, o lugar que tradicionalmente ten suministrado pedra para as construcións do entorno, incluídas as parroquias de Suroeste de concello de Lalín, ao outro lado do río Deza (marxe esquerda), ten sido a zona do Coto dos Outeiros, na parroquia silledense de Oleiros. Aquí a distancia en línea recta é maior, dous quilómetros e medio pero, tanto a calidade, como a facilidade de extracción do material, convertían este nun sitio moi apropiado.

Cando se construiu a ponte románica, no século X, os posibles lugares de suministro de cantería estaban intactos porque non tiña habido un período de construción importante no pasado remoto, agás o período castrexo, que a penas modificou as reservas. Así que calquera razonamento que nos faga pensar que no pasado se sacou a pedra dun determinado lugar, porque se arrincou ata o presente, é un razonamento non deductivo. Debemos pensar ao revés: os lugares nos que se arrincou a pedra no presente son lugares que foran elexidos no pasado e, tendo isto en conta, o máis probable é que a pedra da ponte románica de Taboada proceda dos montes de Oleiros. Outro argumento a favor é que o granito empregado na ponte é idéntico ao desta zona petrográfica.

I. Ponte Taboada (románica) é un símbolo histórico para dous concellos limítrofes pero os símbolos tamén sofren o paso do tempo e están suxeitos aos procesos evolutivos que, neste caso concreto, derivan cara o seu deterioro irreversible seguindo as inexorables leis da Natureza.

II. A evolución do dique de pegmatita, utilizado como base de apoio da ponte románica, condiciona o seu futuro e todos os procesos de carácter xeomorfolóxico que teñan lugar nestas rochas repercuten na súa estabilidade. Tanto as fendas do penedo (diaclasas) como a existencia do extremo dunha línea de falla repercuten no estado da ponte.

III. O paso do tempo tampouco perdoa porque non admite excepcións, así como a evolución histórica das obras feitas polos seres humanos. Unha obra que resultou imprescindible durante mil anos entrou en desuso trala Revolución Industrial (retrasada en España). Do tránsito por camiños pasamos ao tránsito por estradas e tivemos que construir novas pontes, pero tamén apareceron outras formas de transporte, como o ferrocarril. Ante estes novos desafíos houbo que responder coa creación doutras infraestruturas máis axeitadas.

IV. Do seu desuso pasamos á súa valoración como Ben Patrimonial, como unha reliquia arquitectónica de beleza singular adaptada harmonicamente ao medio físico no que se localiza.

V. Desde o punto de vista etnográfico, Ponte Taboada ten sido testemuño de innumerables episodios que quedaron ocultos no tempo ou teñen deixado restos no fondo do río ou nos aluvións que están a nivel de central hidroeléctrica ou dentro da pesqueira, neste caso os máis recentes.

VI. A razón da construcción desta ponte está relacionada co novo tipo de comercio que se centraliza no burgo de Compostela, onde a Igrexa e a Monarquía Galaico-Asturiana sitúan as importantes reliquias dun apóstolo, que será un símbolo específico para a cristiandade occidental.

VII. Ponte Taboada, pese á súa espectacular monumentalidade, está completamente integrada na paisaxe e ningún detalle desta ponte se aparta do "patrón estético" daquel lugar.