Nos artigos anteriores fíxose referencia ao inseguro apoio que tiña a ponte polo lado dereito (concello de Lalín), onde un penedo do dique pegmatítico, no que se asenta o viaducto, presenta unha elevada inclinación cara o río. Ese penedo sufre os procesos erosivos típicos desta rocha granitoide e vese afectado pola actividade dunha rápida corrente de auga cando teñen lugar fortes enchentas no Deza.

Tamén é necesario que se analice o que sucede no lado oposto, onde a ponte se apoia, asimesmo, no coñecido dique pegmatítico. Aquí podemos observar como o arco parte dunha rocha de gran tamaño, firmemente asentada, estable e segura, pese as diferentes fendas que se poden visualizar na súa fronte ao lado do río, que foi o que tallou de forma case rectilínea o seu perfil vertical deixando unha cara limpa (alisada). Uns metros por detrás da dovela basal do arco os penedos segmentados por fendas do dique pegmatítico, a causa dunha falla de gran alcance, cambian a súa disposición. Na vertente dereita están inclinados ao Oeste e na vertente esquerda ao Leste. Este cambio na disposición dos bloques do dique pódese apreciar no terreo ao observar a súa inclinación oposta a un lado ou a outro do río pero, no relacionado coa ponte, esa falla corresponde a unha línea na que unha parte se afundiu máis ca outra. Esta línea de afundimento temos que rexistrala dentro do tempo xeolóxico e non do histórico e, por iso, a súa afectación ao viaducto é de moi lenta evolución.

Se observamos detalladamente a ponte neste lado do río apreciamos un afundimento transversal na mesma seguindo unha fenda (falla) que afecta ao dique de pegmatita. É, precisamente, nesta falla onde cambia a inclinación dos bloques pegmatíticos dun lado respecto do outro e ata aparecen penedos desprendidos que caen en vertical sobre o nivel do río. A base da ponte afúndese nesta línea e ese descenso transmítese aos sillares da mesma, que presentan unha lixeira inclinación e aberturas. Non se trata dun problema recente, senón dunha situación herdada e, por iso, se tiveron que facer varias rectificacións acuñando con diversas forras o basamento. As últimas actuacións levadas a cabo neste punto, para deter o repisamento da ponte tiveron lugar desde que houbo unha maior presenza humana nesa zona.

Durante o período comprendido entre 1863 -apertura de Ponte Taboada II na N-525- e 1943 -cando sae no BOP (Boletín Oficial da Provincia) a concesión da central eléctrica de Ponte Taboada a Perfecto Pereiro-, a ponte románica entrou nunha fase de gran abandono por falta de uso, agás un reducido tránsito de caracter localista (veciños de Ponte e de Prado, pescadores, etc.). En 1950 termináronse os traballos da central eléctrica e desde esa data o concesionario, que levaba a corrente para Silleda, tentou que a ponte se conservara en bo estado porque lles era de gran utilidade para chegar á marxe dereita do río, onde se atopaban as instalacións hidroeléctricas. Foi daquela cando se fixo un encofrado con formigón na base para evitar que o repisamento, que xa se notaba por encima da ponte, na calzada, seguira avanzando. Os resultados desa actuación poden verse na base da ponte polo lado Sur.

Outra actuación posterior, por culpa da fenda indicada (falla), tivo lugar con motivo dunha escola-taller a mediados da década dos noventa, que efectuou operacións de limpeza da vexetación que colgaba dos sillares, tanto nesta ponte, como na Ponte Asneiros ou Orneiros de Cristimil. Tamén se reparou o lateral con novos sillares e cuñas, neste caso con cantería, similar á orixinal do monumento.

Por debaixo da ponte o río presenta unha enorme profundidade, superior a sete metros en augas baixas, pero esta profundidade concéntrase contra a marxe dereita. Observando a superficie do río, encorada pola pesqueira, todo parece indicar que se trata dunha zona de augas tranquilas, remansadas, pero a niveis profundos non é así. Cabe que nos preguntemos a que é debida esta enorme profundidade do río xustamente na vertical da ponte. Pois ben, neste fenómeno inflúen diversos factores: O estreitamento do río ao atravesar o dique pegmatítico; a existencia dunha falla NNE-SSO atravesando o dique; e unha rápida corrente de auga profunda que socava estas rochas.

O estreitamento do río ao atravesar o dique pegmatítico, formando unha engroba, chama bastante a atención a calquera viaxeiro que se aproxime a esta pintoresca paisaxe, pero é un fenómeno natural que se repite noutros lugares nos que concorran parecidas circunstancias. Un dos casos máis chamativos ao respecto é a engroba de San Xoan da Cova en Ponte Ulla, cando o río Ulla atravesa o enorme filón de cuarzo do Pico Sacro-O Castro. Nos nosos ríos tamén temos outras engrobas, pero na de Ponte Taboada hai elementos patrimoniais engadidos á paisaxe natural.

A canle do río Deza ten unha anchura media, antes da súa chegada á ponte, de aproximadamente 12-14 metros, pero ao atravesar o dique redúcese a 5,30 metros. Esta reducción, en términos relativos, cercana ao 60%, compénsase hidraulicamente cunha marcada profundización da mesma. As condicións naturais deste lugar estratéxico foron aproveitadas para trazar unha importante vía de paso histórica.

Outro fenómeno de carácter xeolóxico determinante nas condicións físicas do lugar é a Falla Occidental do Carrio, que marca un alineamento de dirección NNE-SSO, de 13 quilómetros de lonxitude, entre Ponte Taboada I e o Monte das Penas (Oeste de Fornelos, Vila de Cruces). Este accidente tectónico segue un trazado rectilíneo desde As Dezas, en Praduxao, ata o citado Monte, escalonando a Serra do Carrio (altura máxima en Penarredonda con 827 metros). Entre As Dezas e Ponte Taboada I, a falla fragméntase en dúas partes, coincidindo a fenda con cambios de similar dirección no río Deza. Entre o lado occidental e o oriental da falla hai un desnivel significativo, que se aprecia na zona da ponte, sendo máis elevado o bloque oriental (concello de Lalín). Así, Coto de Nares, cercano ao Pazo de Liñares, ten unha altura máxima de 445 metros fronte a 415 metros acadados en O Rodo, ao Oeste da aldea de Ponte. Entre ámbolos dous puntos o río Deza transita por Ponte Taboada I a unha altura de 347 metros. O desnivel relativo do río respecto do Coto de Nares é de case 100 metros, mentres que do lado de Silleda non chega aos 70 metros.

Esta falla atravesa en Ponte Taboada I o dique de pegmatita, no que cambia a disposición do laxamento marcando, ao mesmo tempo, unha clara disimetría a cada lado do río.

Como consecuencia desta falla ábrese unha foxa no leito fluvial, pola que circula a corrente a gran velocidade a niveis profundos, sendo tanto máis rápida canto maior sexa o caudal do río. A profundidade do río neste punto chega a 7,40 metros sobre o nivel máis baixo das augas, segundo medicións efectuadas con sonda recentemente. Esa fondura non se localiza na parte central da canle senón desprazada contra a marxe dereita. Proxectando este punto no perfil lonxitudinal da base do leito do río, apreciase que se trata dun "pozo negro", no que o seu fondo estaría á mesma altura que o leito do Deza na confuencia do arroio de Santa Lucía, 1.375 metros máis abaixo de Ponte Taboada I. Unha profundidade producida por un sobreexcavado inexplicable se non concorreran as dúas circunstancias indicadas: A fenda ocasionada pola Falla Occidental do Carrio no dique de pegmatita e a velocidade da auga que erosiona de forma turbillonar estas rochas filonianas.

Aquí, en Ponte Taboada, a existencia dese pozo negro é real e, aínda que non leve ese nome tan chamativo, ten atraído a atención de moitos viaxeiros que observaron o lugar con certo temor, porque non é moi normal que se constrúa unha ponte alí onde o río é máis profundo. Parece como se os construtores do viaducto quixeran levar aos transeúntes (camiñantes, mercaderes, ...) a un lugar idóneo para emboscadas, algo que, seguramente, ten sucedido en máis dunha ocasión. Baste recordar ao efecto o que nos teñen comentado os historiadores cando se refiren á trampa que lles tenderon as forzas galegas a determinados destacamentos do exército napoleónico no momento que tentaban atravesar este tenebroso lugar. - nunca mellor dito o de "tenebroso", porque concorren varios feitos que o corroboran. Este é un sombrío lugar afundido no encaixamento dun río no que, por diferencias térmicas entre o fondo do curso fluvial e o espacio aberto onde se rompe o perfil da vertente, se forma unha repentina néboa que tupe o ambiente, cunha frecuencia anormal. Tamén corroboran esa situación a sensación de altura sobre o río, que se experimenta cando nos acercamos ao peitoril na cima da ponte ou cando baixamos ao pé do arco do viaducto e tentamos ver, inutilmente, o fondo do profundo río. Non pretendo analizar isto, pero na longa historia desta ponte teñen pasado moitas cousas, para ben ou para mal.