O castro de Arén é un depósito arqueolóxico da Idade do Ferro (máis ou menos 2.000 anos de antigüidade), localizado na cimbra do cotarelo do San Miguel (Arén-Cerdedo).

Os vestixios do poboado prehistórico abranguen uns 7.000 metros cadrados de superficie, erguéndose 425 metros sobre o nivel do mar. Consta no rexistro de Patrimonio dende o ano 2001 e, aínda que non foi prospectado, estes predios abondo satisfixeron o devezo dos espoliadores. Foi Rodríguez Fraíz quen lle deu novas do xacigo a Filgueira Valverde que o engadiu á "Carta arqueolóxica da provincia de Pontevedra" do ano 1955.

Tense noticia do achádego de cerámica, muíños circulares de man (a metade dunha dormente gárdase baixo o patamal dunha vivenda, no lugar de Barro), unha arquiña de pedra, escouras férricas de fundición e até un posíbel ídolo, tamén de pedra, de pequeno tamaño, representando un cuadrúpedo (quizais, un cabalo), xoguete de crianzas, hoxe en paradoiro descoñecido.

F. Bouza Brei, no número 249 do "Boletín de la Comisión Provincial de Monumentos Históricos y Artísticos de Ourense" (ano 1939), adiantaba: "Interesa consignar que en el (...) lugar de Arén existe un castro circundado en parte del río que más adelante confluye con el Lérez, rico en hallazgos cerámicos y en leyendas, entre ellas la curiosa formulilla de la conocida de las minas: Castro de Arén, tres minas ten: unha de ouro, outra de prata e outra de alquitrén que é a que garda as outras tamén".

O castro de Arén esténdese baixo a agra denominada Os Castros (unhas oito parcelas) que, noutrora, entre outros froitos, forneceron o fogar de excelentes tubérculos. Dende a esculca dos Castros, cara ao sudoeste, obtense unha bela panorámica do val de Cerdedo.

Os propietarios dos Castros, venerábeis anciáns, téñenme contado que, durante os labores de labra, exhumaron involuntariamente innúmeros obxectos ("telliñas, pedras feitas, pelouros de cores rechamantes..."). Sementeira tras sementeira, colleita tras colleita, foron amoreando estes materiais nun foxo, aberto nun curruncho da leira. Que secretas marabillas non conterá o buraco!

Os propios tamén referiron que, en determinados lugares da chaela castrexa, ao bater coa sacha ou ao choutar, soaba oco, afortalando nos aldeáns a convicción de que as entrañas do outarelo están cribadas de galerías. Do mesmo xeito, testemuñan ter visto a terra, rebos ou sementes sumirse na fondura por gretas insospeitadas.

O espazo que, orixinariamente, ocupaba o "oppidum" foi, en época histórica, alterado por mor da construción do templo na honra do San Miguel (e camposanto anexo) e, cando menos, dúas videndas.

O rueiro do San Miguel fundouse á beira da citania, na orientación sudoeste. As lombas norte e leste, de forte pendente, verten cara ao río do Castro que, na fondeira, discorre trazando unha reconca.

Aínda que tal o pareza, o castro de Arén non lle deu nome ao río, xeneroso afluente do Lérez, senón o castro de Montes (San Miguel de Presqueiras), poboado da Idade do Ferro, despois fortaleza dos xuíces meiriños e, na actualidade, senlleira capeliña baixo a advocación da Nosa Señora. Canta historia acugulada naquel outeiriño, cinguido polo río do Castro (mellor, dos Castros), corrente fluvial que ten o nacedoiro na Santa Mariña de Presqueiras, na aba leste do monte do Seixo.

En terra de Cerdedo, tres castros aproveitaron un contraforte montuoso de fondal ribeirán para se instalaren: o castro de Arén (Cerdedo), o castro do Pego e o castro das Cercas (Parada). De considerarmos -á espera da preceptiva cata arqueolóxica- o Coto da Roda (Parada) un poboado do Ferro, este faría o número catro.

O topónimo Arén posúe etimoloxía prerromana. A raíz *arn- achega o significado de "valiña fluvial", presente noutros hidrónimos e orónimos galegos como Arnela, Arneiro, Arnoia...; Arán (val catalán), Arno (río italiano), etc. Existe outro Arén na parroquia de Samieira (Poio-Pontevedra) e aínda outro na de Cabovilaño (A Laracha-A Coruña). A maiores, J. Caridad Arias fala de Arawn, céltica denominación do Señor do Inframundo, moi acaída como se verá.

A aldea de Arén foi berce de ilustres persoeiros: o arquitecto Pedro de Arén (século XVII), enxeñeiro das torres da catedral de Ourense, e Xosé Cachafeiro, ardido labrego que, a comezos do século XX, defendeu perante a xustiza o dereito de rega dos veciños fronte a cobiza das hidroeléctricas.

O castro de Arén é, con certeza, o poboamento orixinal da parroquia de Cerdedo. Daquela, os oriúndos de San Xoán todos temos algo de arencos (ou arenancos). Este sentimento de pertenza fíxoseme patente cando, atopándome en cas dun veciño de Arén, houben atender o teléfono. Aquel que chamaba demandou razón do meu paradoiro. Eu respondinlle que estaba en Cerdedo. De inmediato, fun corrixido polo meu anfitrión: "Non estás en Cerdedo, estás en Arén".

Este mesmo sentimento tamén o percibín no lugar de Cavenca (lar de cavencos ou caveancos). Ambas as dúas aldeas foron, antano, cabezas de parroquia (San Miguel de Arenancos e san Salvador de Caveancos). Os templos de Arén e Cavenca rexeron espiritualmente aquel territorio moito antes de que o camiño real envorcase en exclusiva a reitoría cara á outra marxe do río.

Malia que, consonte o sinalador, a capela do San Miguel se adscribe ao século XVIII, cremos que o edificio se remonta ao século XVII (ou mesmo ao XVI), pois foi fundado polo crego Antonio de Arén, tío do devandito Pedro de Arén.

No interior da capela, gárdase unha fermosa talla de inspiración gambiniana: o san Miguel contendo a Lucifer ("Quis ut Deus?"). No conxunto, a figura do demo non desmerece nada á do arcanxo. Ambas figuras, o ben e o mal, representan primorosamente aquilo que John Burnet destila do pensamento heraclíteo: "a unidade dos contrarios que converte a súa loita en harmonía".

Conta a lenda que o templo de Arén cumpre dúas funcións: venerar o santo (e o seu cortexo) e mais servir de fecho ao soterrado alxube onde san Miguel cativou o diabo. O anxo triunfante non extinguiu o demoño -axente necesario-, senón que o recluíu nunha cela, supeditada á capela. Disque, a porta do cabozo está pechada cun cadeado de sete chaves (número elucidativo). O anxo esparexeu as chaves pola contorna para dificultar a solta do príncipe das tebras. A primeira chave chimpouna ao pío da fonte do San Miguel. A segunda, pousouna so unha tella do muíño do Bico. A terceira, agachouna baixo un dos peares do pasadoiro do Souto (o sinalado coa inscrición JF "Xuízo Final"). A cuarta guindouna ao pozo da Torre. A quinta penduroulla da carranca ao Turco da Pilara (can fero, escorrentador de franceses). A sexta chave ocultouna tras a pedra armeira dos arencos (brasón da casa de Elsita) e a sétima é a chave da porta da capela.

Sospeitase que os servos do maligno deron coas chaves e, xa que logo, o mal alanca, de novo, ceibo polo mundo.

Se houber vontade de escavar o castro de Arén, a postal resultante acadaría gran semellanza coa do castro de Cervantes (Lugo): unha inxel capeliña a carón dunha constelación de casiñas arredondadas. O castro de Arén converteríase, sen dúbida, nun dos atractivos máis rendíbeis de Cerdedo. Por unha vez deixariamos de abrir os telexornais a golpe de lumes asasinos, fatua caridade, escachiza de flora autóctona, hackers apandadores e magostos de pesadelo. Fágase a luz en Cerdedo!