O efecto das enchentas, supoñendo que estas foran de características similares durante os últimos 1.100 anos, viuse acentuado trala construcción dunha pesqueira, seguramente no século XVII, a uns 115 metros da ponte río abaixo. O muro de contención da pesqueira, que desvía a auga cara a orela esquerda, fixo que o nivel do río subira, aproximadamente, un metro sobre o que tiña orixinariamente cando se construiu a ponte neste angosto punto.

Cando teñen lugar enchentas, orixinadas pola elevada pluviosidade da Serra do Candán, da que procede o Deza Superior, incrementadas polo escoamento superficial da conca fluvial do Asneiro, que se forma nos Montes de Dozón, o nivel das augas sobe rapidamente e bate con forza contra o bloque no que se asenta a base do arco da ponte pola parte dereita do río (concello de Lalín). A presión, exercida polas crecidas, contra dito bloque depende de tres factores: O tamaño do penedo, a densidade do fluído e a velocidade do mesmo (auga).

Segundo o principio de Arquímedes, "un corpo total ou parcialmente sumerxido nun fluído en repouso, recibe un empuxe de abaixo cara arriba igual ao peso do volume de líquido desaloxado". De acordo con este principio, básico na hidráulica, o volume dese, aparentemente inmóbil, penedo sobre o que se apoia a ponte, sofre un empuxe proporcional ao seu volume e ese empuxe fai que experimente un alixeiramento de peso unha vez que quede sumerxido baixo a crecida do río. Esta forza recibe o nome de presión hidrostática ou de Arquímedes.

A densidade media da pegmatita é 2,65, o que significa que un metro cúbico desta rocha pese arredor de 2.650 quilogramos. No suposto de que o bloque teña un volume estimado en 30 metros cúbicos, o seu peso ao aire libre sería 80 toneladas métricas, pero sumerxido totalmente en auga reduciríase a 50 Tm. De subir o nivel do río tres metros, fenómeno natural que se ten producido innumerables veces desde que se fixo a pesqueira, propiedade do pazo de Liñares -segundo ten demostrado o investigador Francisco Rubia-, o penedo quedaría inmerso e o seu peso reduciríase nas mesmas toneladas que corresponden ao seu volume en metros cúbicos. Este alixeiramento do 38% no peso facilitaría o seu propio movemento ou oscilación (abaleamento).

Outro importante factor que inflúe na estabilidade do penedo é a densidade do fluído, tanto máis elevada canto maior sexa a súa turbidez. A densidade da auga pura a 4ºC considérase como un patrón de medida (1 centímetro cúbico = 1 gramo) pero, cando arrastra partículas sólidas en suspensión, a súa densidade pode subir ata 1,5 (1 cm3 = 1,5 gramos) e nestas condicións o bloque podería sofrir un alixeiramento do 57%, quedando o seu peso reducido a menos da metade.

Unha proba manifesta da carga de materiais que pode levar o río en suspensión témola nos sedimentos (cantos rolados de pequeno tamaño e areas) retidos na concavidade dun canoto dunha árbore (cepa) atrapado por unha "marmita de xigante" que se atopa 20 metros máis abaixo da ponte, a 1,20 metros de altura sobre o curso baixo do río. - non se trata de algo que teña sucedido hai moito tempo, dado que a cepa leva alí tan só uns cantos anos. Parece case imposible que suceda isto pero a turbulencia da auga neste lugar é tan forte que poden producirse eses fenómenos, que son, máis ben, propios dun arroio torrencial e non dun río como o Deza Inferior (o que se forma trala confluencia do Deza Superior e o Asneiro no sitio denominado Xunta dos Ríos).

O terceiro factor, posiblemente, o máis importante, é a velocidade da auga. Observando a superficie do río á altura da ponte todo parece indicar que se trata dunha zona con augas tranquilas, encoradas pola pesqueira, construída uns 100 metros máis abaixo, pero a realidade é ben distinta. En efecto, se facemos unha inspección máis detida pronto nos decatamos da existencia de rápidos movementos turbillonares debidos a unha veloz circulación en profundidade da auga, concentrada contra a marxe dereita do río. Esta rápida corrente está relacionada co estreitamento da canle fluvial, que se adapta a unha fenda orixinada por unha falla de dirección NNE-SSO que atravesa o dique de pegmatita por este punto.

En canto aos efectos da velocidade de circulación da auga no río, temos varios exemplos que poñen en evidencia este feito, a parte da comprobación experimental feita no río cunha sonda. Unha proba é a existencia dunha marmita de xigante situada na marxe dereita, á chegada do río á ponte. Esta marmita, composta por dous corpos con fondos a distintos niveis, presenta unhas dimensións considerables: un diámetro de 0,90 metros e un fondo total de 2,20 metros (marmita superior 1,50 metros e marmita inferior, que chega ao nivel do río, 0,70 metros).

Outra marmita, neste caso sorprendente, é a que se localiza xustamente por encima do bloque de apoio da ponte, a 2,30 metros de altura sobre o nivel básico do río. A existencia desta marmita pon en evidencia que a circulación da auga no río non deixou libre dos seus efectos a este penedo solto, tan importante na estabilidade do viaducto. A rápida circulación da auga nesta angosta fenda (falla NNE-SSO) tivo un reflexo consecuente na formación das marmitas da marxe fluvial.

Tamén é importante ter en conta a testemuña dun submarinista, segundo declarou un veciño da localidade silledense de Ponte, que tentou sacar, infructuosamente, do fondo do río, os sillares do peitoril do camiño da ponte (lado de Lalín) derrubado no ano 2010, por circunstancias que requiren unha análise concreta. Nun deses sillares estaba gravado un reloxo de sol aproveitando a favorable orientación do lugar. Segundo afirmou ese mergullador, non lle foi posible chegar ao leito do río, tanto pola súa enorme fondura como pola forte corrente que o arrastraba contra os penedos sumerxidos e tivo que desistir, por esa causa, da tentativa. O sillar que tiña marcado ese gnomon posiblemente teñamos que dalo por perdido para sempre na soidade do profundo pozo fluvial.

A todo isto podemos obxectar, en contra do principio de Arquímedes, aplicado a este caso concreto, que o peso da ponte sobre o bloque pegmatítico de apoio na marxe dereita compensa, sobradamente, o alixeiramento que poida experimentar nunha enchenta grande, por moita turbidez que teña a auga. - isto seguramente sexa así, pero a separación que se observa nalgúns perpiaños da base, por repisado, ten que ter algunha axplicación debida a unha causa ou a varias (fenómeno multicausal). Asimesmo, debemos ter en conta o efecto que poden producir, ocasionalmente, os troncos de árbores secas que caen ao río e son transportadas durante as enchentas, chocando, posteriormente, contra os penedos das orelas ou son retidos, exercendo un empuxe multiplicado. Observando polos arredores podemos atopar innumerables exemplos de restos de árbores flotantes detidos contra obstáculos (penedos, arbores de ribeira, etc.) na marxe do río. As arbores arrastradas polas crecidas dos ríos teñen provocado algunhas catástrofes, feito que se pode comprobar consultando as hemerotecas.

Sen embargo, a alteración química da pegmatita a traveso das fendas dos penedos, especialmente nas que están máis tempo húmidas, como esta da base da ponte, afecta á súa estabilidade. O proceso de meteorización provoca un desagregado dos minerais, empezando polos feldespatos, moi abundantes na pegmatita. En consecuencia, socavado o bloque na superficie das diaclasas horizontais, tende a buscar unha nova posición de equilibrio e rebaixase nun movemento gravitatorio lentísimo que ten que afectar á estructura da ponte modificando a súa estabilidade. O proceso de alteración das pegmatitas, así como o bloque de apoio da ponte, é un fenómeno natural que leva actuando durante miles de anos e non ten nada que ver coa alteración que poidan sufrir os sillares graníticos da ponte, que debido á súa forma regular deben experimentar unha alteración máis uniforme.

A ponte, como estructura construída con pedra labrada de cantería, depende, para a súa estabilidade, dos cambios que poidan ocorrer nos penedos da cimentación, que son os que soportan o seu enorme peso.