Non se lle descubrirá nada novo ao lector se eu afirmar que Terra de Montes foi, noutrora, feracísimo alcoubo de canteiros: arquitectos, mestres de obra, escultores, ponteiros, canxiqueiros, rachuidores... A nosa paisaxe loce profusamente adobiada coas tres dimensións do seu bo facer.

De entre a pléiade de artesáns da pedra que fincan as súas orixes na nosa comarca, os cerdedenses deberiamos dar razón da saga dos Monteagudo, co patrucio Pedro de Monteagudo e Piñeiro á cabeza, oriúndos da freguesía de Castro; tamén, de Pedro de Arén ou de Alonso García de Ceraxe, proxenitor de frei Martiño Sarmento, naturais da parroquia de Cerdedo; etc.

Xosé Couselo Bouzas, no seu libro "Galicia artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX", publicado no ano 1933, recupera do esquecemento outro insigne pedreiro cerdedense, o beneditino frei Plácido Camiña, leigo de San Martiño Pinario (Compostela). Frei Plácido Camiña ergueu até cotas de perfección a arquitectura barroca e neoclásica.

Segundo Couselo Bouzas, o noso mestre canteiro enxeñou e dirixiu todas as obras executadas nese mosteiro compostelán durante a segunda metade do século XVIII: a escaleira curvilínea pola que se accede ao templo de San Martiño ?inspirada na escalinata do Obradoiro?; a escaleira da sancristía deica ao coro alto; os altares colaterais da capela do Socorro; os altares de Santa Escolástica e do Santo Cristo...

Un dos seus deseños máis celebrados foi o do monumento da Semana Santa. O propio Camiña adquiriría na bisbarra da Ulla a madeira de castiñeiro para a súa elaboración. A obra sería executada, entre outros, pola man habelenciosa de Xosé Ferreiro (coautor, canda o seu sogro Gambino, da imaxe do Ecce Homo de Cerdedo).

Frei Plácido Camiña acrecentaría a súa sona de excelente arquitecto tras devolverlles a chumbada ás paredes laterais do claustro de Santo Agostiño, tamén en Compostela. Para levar a cabo tal empresa precisou inventar unha "máquina tormentaria" (cecais, unha sorte de ariete ou catapulta horizontal, destinados a percutir no muro pando), cuxa eficacia pormenorizou nun libro que, ao parecer, xamais chegou a ver a luz.

Antonio Rodríguez Fraíz, autor do monumental ensaio "Canteiros e artistas de Terra de Montes e ribeiras do Lérez" (1982), non pasa por alto a figura de frei Plácido Camiña. O crego de Campañó considérao orixinario de Samos (Lugo), non obstante, engade unha xenealoxía que non deixa lugar a dúbidas: fillo de Amaro Camiña e neto de Francisco Camiña, ambos os dous canteiros cerdedenses.

O antropónimo "Camiña" é un apelido de lugar de orixe. "Caminha" é o nome dun concello portugués, raiano coa Galiza, pertencente ao distrito de Viana do Castelo (Minho). Segundo a "Cartografía dos Apelidos da Galiza", elaborada polo Instituto da Lingua Galega, Cerdedo é o cuarto concello do país en canto á porcentaxe de aparición do apelido Camiña. A nivel do Estado, o apelido Camiña sobrancea na provincia de Pontevedra (57%). Os Camiña, non só os cerdedenses, proveñen da vila homónima portuguesa. Fundado en 1970, Camiña é, así mesmo, un poboado chileno (rexión de Tarapacá), oasis do deserto de Atacama, onde o apelido Camiña é frecuente. Os Camiña de Tarapacá testemuñan unha temperá colonización galega.

Catedráticos

Pablo Pérez Constanti, no seu "Linajes galicianos" (Boletín da Real Academia Galega nº 49, ano 1911) ocúpase de Domingos Antonio Caamiña Fortes, persoeiro do século XVIII, pertencente a unha familia cerdedense de rancio avoengo: "cristianos viejos, limpios de toda mala raza de judíos, moros y herejes, y como tales, no han ejercido oficios viles ni mecánicos, antes bien lo hicieron de los de mayor honor y lucimiento" (expediente de 1772).

Domingos A. Caamiña Fortes foi catedrático de Anatomía, presidente da Academia Médica de Compostela e pai de Xoán Bautista Caamiña, á súa vez, médico, catedrático de Física e xornalista de ideoloxía liberal. Pérez Constanti, botando man da súa "Historia del periodismo santiagués" de 1905, engade: "periodista liberal de los más batalladores en la prensa compostelana del primer período constitucional. Perseguido cruelmente por los "serviles", a pesar de haber hecho pública retractación de sus doctrinas, murió expatriado".

Xoán Baustista Caamiña foi o director da "Gazeta Marcial y Política de Santiago", xornal compostelán que saíu á rúa durante os anos 1812 e 1813. O seu segundo número (publicado o 5 de febreiro de 1812) recolle o primeiro artigo en lingua galega aparecido nunha publicación periódica. O escrito no que se estrea o galego como lingua xornalística leva por título "Carta recomendada". O texto, en prol das teses liberais e da soberanía popular fronte ao absolutismo, aparece asinado por Ramón González Senra, probabelmente, un pseudónimo do propio Xoán Baustista Caamiña.

Se o cerdedense Xoán Bautista Caamiña propiciou a introdución da nosa lingua na prensa escrita, outro cerdedense de Tomonde, o devandito crego Antonio Rodríguez Fraíz (1912-1995) foi o primeiro en empregala para misar. Victorino Pérez Prieto, en "Galegos e cristiáns. Deus fratresque Gallaeciae" (1995), lémbrao deste xeito: "foi o pioneiro da Liturxia en galego ao celebrar outro 25 de Xullo (xa en 1961!) unha Misa en memoria de Castelao, en Buenos Aires, introducindo o galego en tódalas partes da celebración onde non era preceptivo o latín". Denantes, outro cerdedense, o polígrafo ilustrado frei Martiño Sarmento (1695-1772), adiantado na defensa da normalización lingüística, comporá un libro integramente en galego, "Coloquio de 24 galegos rústicos" ou "Coplas de Perucho e Maruxa" (1746...), un século antes da recuperación da nosa lingua para a literatura da man dos escritores do Rexurdimento. Na edificante restra de relixiosos galeguistas, non me perdoaría preterir outro ilustre cerdedense de Folgoso, o cóengo Manuel Espiña Gamallo (1933-2010), tradutor dos Evanxeos á lingua galega.

Para ser berce de tanto galeguista exemplar, é incomprensíbel que, en Cerdedo, ao longo das últimas décadas, se teña perpetuado á fronte do Concello un partido político de recalcitrante postura galegófoba.

Heroes de guerra e músicos

Por outra banda, Luís Camiña, subcomandante da Alarma de Montes, foi un heroe da Guerra da Independencia (séc. XIX).

Mi padre Manuel Solla, nado na aldea de Abelaíndo, levaba o Camiña por segundo apelido. Os Camiña de Abelaíndo andaron sempre polos "Gheiteiros", por mor dun devanceiro músico (quizais, do século XIX) do que chegou a nós un punteiro –tonalidade dó brillante?, rescatado dun pavoroso e malévolo incendio de motivacións ideolóxicas (corría o ano 1933). A peza foi atopada, hai tempo, no faio da reconstruída casa familiar.

Algúns estudosos da nosa onomástica defenden que o topónimo Camiña (ou Caminha) é de natureza fitonímica, é dicir, inspirado no nome dun vexetal: a "camariña", "caramiña" ou a súa forma sincopada "camiña", arbusto da familia das empetráceas (Corema album), abondoso no litoral: Camariñas, Pobra do Caramiñal... son outros fitotopónimos equivalentes. Como se comprobou, na documentación antiga, non é raro bater co apelido grafado con duplo a "Caamiña", o primeiro paso da súa evolución.

É coñecida a expresión "Vou pra Portugal", empregada cando, vencido polo sono, un conduce os seus pasos cara ao leito. Alguén, sorprendido, preguntaranos: Pra Portugal!?, ao que se lle deberá responder: "Si, vou prá camiña".