As fermosas instantáneas de Cerdedo que o británico Iain Colquhoun [Ian Caghún] escolmou para os seus ensaios fotográficos "O pouso do tempo" (Morgante, 2011) e "Galicia rural" (Morgante, 2012) déronme azos para, de novo, largar o aparello en caladoiros bibliográficos pouco esburgados. Velaquí o noso quiñón: unhas patelas de fresca carioca enrodelada.

Cadrando co reinado de Isabel II e o Goberno de Narváez, no Diario de Sesións do Congreso dos Deputados, con data 17 de novembro de 1849, recóllese un chusco incidente acontecido o 18 de outubro do mesmo ano, na Consolación (A Estrada), cando se procedía á escolla do deputado de distrito. Concorrían á elección os candidatos Francisco Tames Hevia e Manuel Gómez Díaz.

Tras a primeira xornada de votacións, o candidato Tames obtivera 63 sufraxios e o candidato Gómez, 62. Posto que o número de electores do distrito era de 150, se lle deu continuación ao proceso o día 19.

A iso das tres da tarde do día 19, fixeron acto de presenza no dito colexio electoral Domingos Cadavide e Xosé Porto, ambos os dous veciños de San Xoán de Cerdedo, coa intención de exercer o seu dereito. Algúns dos secretarios escrutadores e algúns electores presentes no acto enleáronse nunha acalorada porfía, pois se sospeitaba que Domingos Cadavide xa emitira o seu voto na xornada anterior.

O alcalde presidente, desexando restablecer a orde, reclamou a intervención da garda civil. Nese intre, un dos secretarios escrutadores, querendo mediar na pelexa entre un elector e un outro secretario, ergueuse de súpeto e, de xeito involuntario, chimpou a urna ao chan, escachando o recipiente e ciscallando as papeletas. Visto o desaguisado, non poucos expresaron con vehemencia a necesidade de anular os comicios.

Axuntadas as papeletas, o presidente da mesa desestimou o seu escrutinio, deixando ao arbitrio da Comisión de Actas do Congreso a repetición da frustrada xornada electoral e a proclamación de deputado. O anecdotario que mestura Cerdedo con urnas electorais é rico e divertente, pois todos sabemos quen está detrás dos que están.

No mesmo ano de 1849, adoptouse en España o metro (dezmillonésima parte do cuarto do meridiano terrestre) como unidade fundamental de lonxitude (Lei de 19 de xullo), aínda que o Sistema Métrico Decimal, iniciativa e convenio dimanados da Francia revolucionaria, non se implantará obrigatoriamente e para todas as transaccións comerciais até xullo de 1880 (R. D. de 14 de febreiro de 1879).

Porén, A. García Ramos, no capítulo XVIII "Pesos e medidas" da súa "Arqueología jurídico-consuetudinaria-económica de la región gallega", publicada en 1912, consigna que para os concellos de Cerdedo, Forcarei e A Estrada seguen rexendo as seguintes mesuras: "Medida superficial: o cuartillo de 21 centiáreas [26 centiáreas-20 decímetros, na Estrada]. Ferrado para áridos (trigo e centeo): 15 litros. Ferrado para áridos (millo): 20 litros. Líquidos: o moio: equivalente a 8 olas; ola líquidos o moio, equivalente a 16´35 litros; cuartillo líquidos o moio, equivalente a 0´52 litros".

A implantación do Sistema Métrico Decimal –"Para todos os tempos, para todos os pobos"– incidiu xaora na praxe científica e, en concreto, nos labores cartográficos desenvolvidos naquel tempo. Neste senso, os estudos xeolóxicos de Guillerme Schulz foron pioneiros.

O nº 5 dos "Cuadernos del Museo Geominero" (2005), recolle un artigo de J. R. Vidal Romaní intitulado "La obra de Guillermo Schulz en Galicia". Wilhelm Phillip Daniel Schulz (1805-1877) foi un enxeñeiro de minas de orixe alemá que consagrou a súa vida ao servizo do Estado español. A súa primeira encomenda foi a elaboración da carta xeolóxica da Galiza ("Mapa Petrográfico del Reino de Galicia") do ano 1834 e a "Descripción geognóstica del Reino de Galicia" –memoria da anterior–, do ano 1835.

Os traballos de Schulz, xermano asimilado, colocaron o país galego na vangarda do coñecemento xeolóxico da época en Europa. Como diría J. Ordaz (1978), o mapa de Schulz constituíu "durante case un século a única referencia xeolóxica de conxunto" do noso territorio.

Vidal Romaní argumenta que o labor desenvolvido por Schulz na Galiza foi ímprobo. Guillerme Schulz acometeu case que en soidade os seus traballos. O xeólogo percorreu a xeografía da nosa terra, a pé ou a cabalo, sen o auxilio de cartografía axeitada, xa que o loado mapa de Domingos Fontán (1788-1866) publicaríase após concluídas as súas investigacións. Xeneroso e desinteresado, Schulz fixo descuberta de importantes xacementos de minerais (ouro, wolframio, estaño, lignito...), postos, a posteriori, en explotación.

Segundo Vidal Romaní, os cadernos de campo de Guillerme Schulz poden considerarse como a primeira guía de turismo rural da Galiza. Nas súas páxinas manuscritas, faise descrición pormenorizada, verbigracia, dos establecementos hostaleiros onde o científico se goreceu das inclemencias meteorolóxicas, onde aliviou a fame ou onde se entregou ao sono tras a angueira esgotadora. Polo que respecta á hospedaxe en Cerdedo (anos 1832-3), Schulz escribe: "En Cerdedo fixen alto por mor dos cabalos e da calor, aínda que só atopei unha boa corte na casa de Palmeira. Din que hai pousada na casa do Capelán".

Nos seus cadernos, redactados nun castelán ateigado de galeguismos, ofrécese, asemade, un retrato, ás veces agre, da paisaxe humana da Galiza decimonónica, pois, os naturais, desconfiantes das intencións do estranxeiro, non lle brindaron moita colaboración, ora omitindo ou falseando información ora desencarreirando os seus pasos. Mais tamén se fai gabanza da laboriosidade do pobo galego e, en especial, dos nosos artesáns da pedra.

No tocante á riqueza mineira de Terra de Montes, Schulz refire nos seus cadernos de campo a visita á mina de estaño de Presqueiras (Forcarei) e á mina de prata de Folgoso (Cerdedo): "Pola tarde dei unha volta por Presqueiras e Folgoso para ver en que estado se atopaba a mina de estaño e recoller noticias certas sobre o asunto da mina de prata de Folgoso. A mina de Presqueiras estivo parada todo o verán, só rebuscaron uns mozos os grans que atopaban en superficie e poden ter xunto deste xeito unhas 400 arrobas; amais, ten o encargado orde de parar tamén isto e cortar con esta limpa –probabelmente, porque van entrar novos socios... En Folgoso recoñecín o sitio que citan os autores neciamente como unha mina de prata. É terreo micáceo no que hai unha masa subordinada granítea; en algo viron, cando abriron o camiño, algunha pirita arsenical, nunca houbo máis indicios. Ademais, instruíume xente inédita que non había mina ningunha en laboría nesta parroquia".

O depósito de Folgoso ao que Schulz fai mención coñécese co suxestivo nome de mina de Carballo Escuro. Nas miñas andanzas etnográficas, recollín na zona unha lenda de mouros e metais preciosos: "No Carballo Escuro, os mouros encovaron un rico tesouro, mais de alguén o anceiar, cumpriralle bater coa mina de ouro ou coa de prata. Se bater coa mina de alcatrán, o lume arrasarao todo ao seu redor".

É evidente que a información que levou a Schulz a Folgoso se baseaba no recorrente mito popular da mourindade entesourada. Aínda hoxe, moitos cerdedenses –eu entre eles–, refractarios aos excesos racionalistas, defendemos a existencia do arxénteo filón de Folgoso, xa que, consonte se di "Corre o ouro para o tesouro". Se os mouros votasen...