O poboado fantasmal das Cortellas esténdese á beira dun treito abandonado da estrada Pontevedra-Ourense –antigo camiño real– antes de atravesar o rueiro de Pedre. Hai unhas décadas, as reformas efectuadas na N-541, posibilitaron que o tráfico rodado acadase os lindes do concello de Cerdedo sen negociar a revolta da ponte do Barco (uns 2 km de arrodeo). A ponte é vao do río do Barco ou dos Cabaleiros, afluente do Lérez.

Tras as obras, os automobilistas aforramos un revirado e malfadado quilómetro, xa que, cómpre non dar a esquecemento, foi na aconchegada contorna da ponte do Barco onde, en agosto do 36, unha partida de fascistas locais torturaron e deron morte aos veciños Francisco Arca e Severino Bugallo, homes leais á República. Seis anos despois da súa inauguración, impertérrita fronte á intolerancia, aínda reina a lápida que ergueramos grazas ao contributo do canteiro amigo Xosé Neto "Xidavante", en memoria e honra dos mártires cerdedenses.

Unha trintena de ruinosas casoupas érguense, como dixen, á dereita da antiga estrada, dirección Cerdedo. O conxunto principal ocupa unha superficie aproximada de 7.000 m2 de laxedo, devindo en matogueira. A mouta foi, recentemente, pasto do lume. O casarío edificouse sobre a laxeira, reservando o terreo de mellor calidade –choído con valos de pedra– para o cultivo.

As Cortellas sérvense de dous carreiros enlousados –que as atravesan de norte a sur– para ben comunicar o quinteiro co monte. Nas lousas, alíñanse fondas as rodeiras do carro. Cara ao norte, discorre a auga dun manancial. Cara ao sueste, o desnivel atinxe os 500 metros de altitude.

Malia que, no eclesiástico, As Cortellas e a súa redonda se adscriben á freguesía de Pedre (Santo Estevo), polo civil, e por mor dun controvertido corremento de marcos, o usufruto das lombas montesías correspóndelles hoxe aos comuneiros das parroquias do estremeiro Cotobade. Emporiso, As Cortellas sempre serán As Cortellas de Pedre.

Os afloramentos graníticos que salfiren a paisaxe forneceron os canteiros de material construtivo. No terreo circundo, son abondosos os penedos trabados polo punteiro e as cuñas de carballo, empregados na racha da pedra.

O topónimo, As Cortellas, levaríanos a pensar en construccións subalternas destinadas á estabulación de porcos ou gando miúdo, mais, se visitaren o lugar, decataranse de que a súa denominación ou é despectiva, por mor do reducido tamaño das dependencias habitacionais, ou ben fai referencia ao seu posterior emprego.

Antano, nas Cortellas, viviu xente. O grao de deterioro das estruturas só redunda na antigüidade do poboado, con certeza, medieval. Nas Cortellas, o ser humano compartiu teito cos animais. Na face interior dalgúns muros aprécianse os buracos nos que, sobre pontóns, asentaba o sobrado. No nivel inferior, acomodaríase o gando.

Ao meu entender, As Cortellas de Pedre constituíron, xacando, un populoso asentamento. Descoñécese cal foi a causa do seu despoboamento –cecais, a peste?–. O seu abandono propiciou o desmantelamento e carrexo de materiais construtivos cara a outros lugares. Hai quen pensa que As Cortellas configuran o poboado fundacional da parroquia de Pedre. Ao fío e segundo o Nomenclátor, o topónimo Cortellas nomea na Galiza catro entidades de poboación, pertencentes aos concellos do Incio e O Vicedo, en Lugo, e Ponteareas e Soutomaior, en Pontevedra.

Posteriormente, a gandaría itinerante reutilizou as edificacións, adaptándoas á nova función co erguemento de paredes divisorias. As construcións orixinais, cecais, unhas cincuenta, deron cabida a máis de cen habitáculos nos que se gardaban ovellas. Na década dos corenta –a famenta posguerra–, abandonáronse definitivamente. O seu afastamento dos núcleos habitados dificultaba a vixía da facenda encortellada, a mercé do ladroízo acirrado pola escaseza. Árbores de bo porte, invaden hogano as estancias.

Paga a pena achegarse ás Cortellas de Pedre, abesullar intramuros, percorrer os seus resíos, malia que o seu estado de acabación poida pór en perigo a integridade do visitante; daquela, prudencia. Mal non viría un mínimo investimento que desbravase aquelas lombas e consolidase algúns muros.

Feito o pedimento, arrédome do lugar asubiando "Danza das Cortellas", peza acaída das cantareiras Leilía, beneficiarias, coma moitos, da admirada Manuela Cortizo Medal: Palmira, lará, Palmira; Palmira, lará, trastrás...

A bandida Pepaloba e a súa gavela acubillábanse na aldea

É conto vello que, acubillados nas Cortellas, a bandida Pepaloba e a súa gavela facían conclave. Ao abeiro daqueles pardiñeiros, acougaban, repartían o botín, dábanlles alento ás cabalarías, sandaban algunha ferida e facían nova escolla de pazos e reitorais. Os canteiros da bisbarra, en homenaxe á ardideza desta lendaria fuxitiva do XIX, ao enfeitaren a obra co ramo, con orgullo, exclamaban: "Aprobado pola Loba nas Cortellas de Pedre!". A retranca arghina facía brincadeira co dobre sentido da palabra "corte": institución política e cubil.

As Cortellas localízanse, aproximadamente, a un quilómetro en liña recta do tamén abandonado Casal de Pedro Touriño, nas Fortosas, cara ao sudoeste, aldea cuxo despoboamento data do século XVI, tras a acometida da peste negra. Así mesmo, As Cortellas distan un quilómetro da aldea de Pedre, en liña recta cara ao nordés.

Dende o punto de vista arquitectónico, As Cortellas caracterízanse pola súa robusteza, en contraste coas pequenas dimensións da superficie habitábel. Chama a atención o bo tamaño e concerto da cachotaría empregada nalgunha das paredes. Non hai apenas vestixio das cubertas, dispostas mormente a dúas augas. Polo xeral, nas Cortellas, a porta principal vese precedida dun cerrado de cachote –nalgúns casos, aportalado–, a xeito de curral. Nas paredes, abríronse xanelas e bufardos –nalgúns casos, abucinados–. Nas soleiras e capialzos, son visíbeis os batentes e os furos da couzoeira. Nas xambas, labráronse cruces e calvarios; tamén, os topes do tarabelo. No interior, non faltan lacenas e pousadoiros. Botamos en falla cambotas ou tornalumes.