Calidade literaria, xogo escénico e cohesión da obra dramática nunha única peza que “amosa unha voz dramática anovadora”. Son atributos que o xurado encargado de fallar a primeira edición do Premio Mome de Teatro que leva o nome de Manuel Daniel Varela Buxán, o patriarca do teatro galego, atopou na obra Madeira de gañador, saída do maxín da escritora do Grove Teresa González Costa. A autora recollerá o premio na Estrada o 24 de xuño.

-Como senta ser a gañadora da primera edición do Premio Mome de Teatro Varela Buxán?

-É moi satisfactorio porque a esta peza hai moito tempo que lle dou voltas. Naceu a partires dun conto moi pequeniño que tiña dunha metamorfose. Recibir o premio no primeiro certame sempre é satisfactorio, ademais nunha terra que quero moito como é A Estrada, na que publico pezas de teatro en Edicións Fervenza. O tema me gustaba moito.-Estreará a nómina de premiados con este galardón. Que a animou a presentarse?

-O tema e, xa che digo, unha peciña que empecei a concretar para o concurso. Trata sobre todo dunha metamorfose que ten que ver coa madeira, coa árbore e co moble. E a partir desa metamofose é facer certas reflexións.

-Teño entendido que Madeira de gañador supón certa identificación do ser humano coa natureza a través da árbore...

-Si, pero detrás hai certa crítica. Pode haber unha lectura primeira que é esa identificación co mundo natural, da que non deberíamos saír. Somos parte do mundo natural. Tendemos a saír da natureza cando somos parte dela. Esa é a primeira lectura. Depois hai outras. Hai unha crítica social que espero que quede patente.

-O premio que acaba de gañar e que recibirá o día 24 de xuño vén completar un ciclo. Con el A Estrada conta xa cun premio para cada parcela literaria, ademais de posuír un certame xornalístico. Que impresión lle merece?

-Me parece que A Estrada é moi activa e ten detrás moitas persoas culturalmente moi activas. Espero que isto siga adiante. Que haxa premios tamén é moi interesante porque, ademais de darte a coñecer, pois dalgunha maneira tamén estás presente nas publicacións ou nas listas de premiados pero espero que trascenda a iso. Todo forma parte dunha colaboración cun grupo cultural que me gusta especialmente.

-É complicado para un autor adaptarse a unha temática tan concreta como a deste premio, o mundo da árbore, da madeira ou do moble?

-Si, porque isto te condiciona. Pero tiña unha historia na cabeza e isto me axudou a desenvolvela. Sempre me interesou moito o tema da metamorfose na mitoloxía. É un tema que hai tempo que me persegue. Como escribo normalmente teatro, isto contribiu a que lle dese forma definitivamente.

-Foi un aliciente.

-Un aliciente exactamente si.

-O coordinador do MOME, Xosé Luna, sinalaba que agora sería un soño ver a obra representada no Teatro Principal. É unha obra extensa, pensa que sería sinxelo pola en escena?

-Eu creo que a peza é doada, moi doada. É un só acto e o aparato escénico non é complicado. Depois, claro, depende da dispoñibilidade dos grupos. Se tivese unha compañía, seguramente a montaba pero, nunca se sabe, todo se andará.

-Elexiu como lema Sakura. Que significa?

-Cerdeira en xaponés.

-Recibiu diversos premios no eido da dramaturxia e o ano pasado gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil.Con que campo dos que ten traballado se queda?

-Seguramente coa parte teatral, que é coa que estou máis implicada porque teño máis experiencia. De todos xeitos, o ano pasado fixen unha incursión, como ben dicías, co Premio Merlín na narrativa, na que me sinto tamén moi cómoda.

-En que está traballando?

-Agora dou cursos de teatro e sigo escribindo.

-Cal foi a súa primeira incursión no mundo do teatro?

-Pois mois cedo. Empezou na universidade, en grupos de teatro en inglés, despois en grupos de teatro en alemán, depois en francés... Máis ben era para practicar as dúas cousas, a lingua e literarutura deses países en cuestión, e despois estudar o xogo escénico e todo iso. Depois foi máis tarde cando empecei a escribir pezas de teatro para montar con compañías coas que estaba ou con rapaces aos que lle daba clase.