A Estrada vibrou onte cos doces sons da súa lingua de alma e sentimento. No Día das Letras Galegas, as librerías fixeron descontos en libros en galego, A Fervenza de Ouzande celebrou a súa VI Ruta das Letras cunha trintena de asistentes e a poetisa Rosalía Morlán –autora de A Coitada Lúa– recordou que A Estrada é unha "terra fermosa, nobre e agarimosa, patria de grandes persoeiros" que contribuíron a facer ainda meirande unha "lingua milenaria"da que se sinte "moi orgullosa".

No Manifesto das Letras que elaborou para os actos oficiais de conmemoración do Día das Letras Galegas nos xardíns da Estrada, subliñou que, como dixo Castelao, a lingua é unha "obra de arte feita polos antergos" polo que quen a destrúe é, cando menos, un "bárbaro". Tamén tivo palabras de lembranza para os irmáns Valladares –Avelina, a "pioneira", e o "refacedor da cultura galega" Marcial– pola súa contribución ao rexurdimento das letras galegas, para Xosé Neira Vilas polo seu Memorias dun neno labrego e para Lois Pereiro como "poeta da materia, de culto". Creador dunha poesía dramática, tensa e cruda, o poeta ao que este ano se adican as Letras Galegas logrou reflectir nos seus versos a dor física e sentimental. Coa madurez que lle deu a vida, Morlán conxurou os seus demos da nenez e proclamou que "o galego non é bruto" e que "ser de aldea é un privilexio".

Acto seguido, Andrea Porto Mato leu a acta do fallo do xurado do Premio de Poesía Avelina Valladares e, deste xeito, pasou o testemuño á flamante gañadora deste ano: María Canosa Blanco de Cee, á que o alcalde José Antonio Dono entregou o talón de 2.000 euros cos que está dotado o premio. A autora de Ronca o mar –que agora publicará Edicións Fervenza– prometeu devolver os "azos" recibidos "en forma de poesía". Logo, ela e Donorealizaron a tradicional ofrenda floral ante o monolito de Marcial Valladares. A Banda de Gaitas de Barbude puxo a nota musical no evento. Máis tarde, Queremos Galego deu voz a Castelao e Lois Pereiro a través da lectura dos seus textos.