Aínda que se creou hai só dous meses, A Escudería de Clásicos O Toxo de Lalín xa conta con 40 socios nas súas filas. Todos eles -e contando coa colaboración do centro comercial Pontiñas- organizan a I Semana do Clásico en Lalín, dende este sábado ata o día 22. Durante esa semana expoñeranse cerca de 15 coches antigos no Pontiñas e o último día está programada unha ruta polos diferentes lugares da comarca, na que poden participarán todos os vehículos históricos que queiran apuntarse. Dende a escudería preténdese xuntar a preto de cen persoas neste evento único na localidade lalinense.

-Como xorde a iniciativa de crear unha escudería de vehículos clásicos?

-Foi idea dun grupo de seareiros que notábamos unha ausencia de promoción do clásico dentro da localidade. A primeira reunión que tivemos foi en Vilatuxe, de aí o apelativo de “toxo”, posto que o nome da parroquia provén dese arbusto e tamén queriamos buscar algo que o relacionase con Galicia. Na nosa escudería hai tanto xente nova coma maior e o que buscamos é organizar rutas, exposicións e rallys de promoción histórica.

-Nesta primeira exposición no Pontiñas, que tipo de vehículos se van a mostrar?

-Expoñeranse vehículos históricos, como un Citroën C11 do ano 1957 ou un Cadillac do 62. Tamén se mostrarán automóbiles históricos con algún palmarés deportivo, como un Renault Alpine que correu en Asturias no Campeonato de España dos anos 70. Por último, tamén expoñeremos históricos populares como os Seat. Barallamos a opción de incluír motos na mostra, pero aínda non está confirmado.

-Ademais da mostra, está programada unha ruta para o día 22, que vehículos poden participar na expedición?

-Todos os que queiran, tanto coches, coma motos, camións ou incluso bicicletas antigas. Só teñen que ter os papeis en regra. Ademais facilitaráselles un seguro de responsabilidade civil de 600.000 euros. Tamén contamos coas pertinentes autorizacións de tráfico, servizo de grúa e co acompañamento de dous axentes.

-Esperan moito aforo?

-O noso obxectivo é reunir a cen persoas, e polo de pronto, xa contamos con 50 dorsais. Queremos xuntar ao máximo número posible e para iso tamén nos publicitamos mediante a páxina www.mangallo.org. A través dela estamos contando con moita xente de toda Galicia, dende Vigo, Pontevedra, Moaña, Lugo e A Coruña, e incluso de fóra da comunidade, pois hai varias persoas de León e Asturias que xa están inscritas.

-Parece que cada día está a aumentar a afección aos vehículos clásicos...

-O clásico está de moda, pero esperamos que non sexa algo pasaxeiro, senón que se consolide, posto que cada vez hai máis seareiros. Coma toda afección, a cuestión é dedicarlle tempo e tamén algo de diñeiro. Ter un coche antigo é igual que ter un bebé, todos os días estás invertindo diñeiro nel, pero é unha recompensa.

-E no seu caso, o seu fillo é...

-Un Seat 124 2000 de 1977. Atopeino en Lugo todo destrozado e durante anos estíveno arranxando e adicándolle tempo. Localiceino grazas a Internet, unha ferramenta fundamental neste mundo dos vehículos clásicos. Tiven que pedir pezas a Estados Unidos e saíronme moito máis baratas que aquí, e iso que había que pagar as taxas.

-E mirando en Internet, nota un aumento da tradición automobilística do clásico en Galicia e no resto de España?

-Os dous países nos que se move máis o tema do clásico son Italia e Inglaterra, que contan con referentes inmportantes como a Vespa ou Ferrari, no caso dos italianos, e a Royal Einfield en canto aos ingleses. En Sudamércia tamén, de feito teñen a Carreira de Históricos Panamericana. En Galicia e España, esta afección vai en aumento, pero aquí, por culpa do franquismo, tampouco houbo moita cultura automobilística e iso nótase a día de hoxe.

-Para aumentar esa cultura, tedes pensado algunha actividade ademais da ruta por Lalín?

-En decembro estamos planeando facer un curso de condución en vehículo histórico con tracción traseira e un de rally de regularidade histórica. Para iso contaremos coa colaboración de Jesús Ferreiro, veciño de Melide e campión de España de Clásicos en Vecolicidade. El organiza o II Rally Galicia Histórico e no tema dos clásicos é como o Messi en fútbol, por iso é un placer contar con el e dámoslle as grazas. Ademais, o Concello de Antas de Ulla contactou connosco para organizar unha concentración para o ano.

-E como obxectivo final?

-A nosa meta é pór en marcha o I Rally de Regularidade Histórica do Cocido, un evento onde non se corre. É unha especie de Dakar, onde che dan un “roadbook” (libro de ruta) no que aparece a ruta a seguir e a velocidade media que hai que respectar en cada momento. É importante resaltar que non se corre e a velocidade máxima son 50 quilómetros por hora. O esencial é o ambiente, as vivencias e disfrutar do coche, que é a última finalidade.