CRISTINA PICHEL - LALÍN
Alá polo ano 70, Liza Minnelli cantaba iso de que a vida é un cabaret. Hoxe, xa non o é, porque agora, “Life is a Paripé”, segundo a compañía de teatro Obras Públicas. O seu novo espectáculo, que leva por título tal lema, non chega a ser un musical como o foi Cabaret, pero tampouco é teatro tradicional. Iolanda Muiños, César Goldi e Carlos Mosquera, Mos, unen música, teatro e “cachondeo” para lograr un show 100% paripé. Hoxe actuarán no Barriga Verde a partir das 22.00 horas. A entrada para gozar dun espectáculo tan singular custa 4 euros.
–¿Como nace Obras Públicas?
–É unha compañía moi nova, pois tan só levamos traballando xuntos dende principios de ano. Eu son de Narón, ao igual que Iolanda, coa que xa traballara antes. César é de Santiago e nunca fixera nada con el, pero a verdade é que conxeniamos moi ben, non só a nivel de teatro, senón tamén de música.
–Porque o seu espectáculo non é só teatro...
–Non, o show vai moito máis aló. Sempre introducimos música dentro dos sketchs que facemos. Ás veces tocamos temas coñecidos, como pode ser “The Wall”, de Pink Floyd, pero cambiámoslle a letra e adaptámola ao que queremos contar nós. Aínda así tamén temos cancións compostas por nós. Porén, as obras son traballo de José Luis Prieto, que dirixe a compañía.
–Presentan “Life is a Paripé” como 33% música, teatro e cachondeo. ¿Que prefire?
–Sen dúbida, o cachondeo. A vida é realmente un paripé, porque do que dicimos ao que pensamos hai un mundo e nós queremos representalo nos escearios. O segundo sketch do espectáculo, “O reencontro”, fala precisamente diso. Trátase dunha parella de mozos que din unha cousa, pero realmente pensa outra, que o público escoita pero eles non. De aí que “Life is a paripé”.
–O espectáculo componse de 11 sketchs. ¿Son independentes entre si?
–Cada sketch conta cunha presentación determinada e trata unha cousa diferente, aínda que todos teñen un paripé. O que pretendemos é montar un espectáculo a modo de disco de vinilo, con 11 cancións diferentes. Non chega a ser un musical, aínda que a presenza da música é importante. Cada un temos tres monólogos, pero ademais, eu tamén toco a guitarra. Goldi fai o mesmo ao piano.
–¿Todo en clave de humor?
–Efectivamente. Todo o argallamos en clave de comedia, para facer rir a todo o público durante 75 minutos. Actuamos exclusivamente para que a xente o pase ben. Moitas veces identifican as obras teatrais como algo aburrido, pero o que nós facemos non ten nada que ver co teatro tradicional.
–Actúan en bares e en grandes escearios como o Salón Teatro de Santiago. ¿Con que se queda?
–Este espectáculo está pensado para este tipo de currunchos. Nos grandes teatros non quedaría igual, porque é un show para batallar. Por agora, tampouco pensamos en levar o espectáculo fóra de Galicia, posto que pretendemos queimar todos os proxectís aquí.