CRISTINA PICHEL - LALÍN
Xamón, pan e viño volverán a ser os protagonistas da festa gastronómica de Bermés (Lalín), que o vindeiro 14 de agosto celebra o seu duodécimo aniversario. Durante a súa xa dilatada traxectoria foi gañando adeptos, ata rondar as 2.500 persoas o ano pasado, o que a converte na segunda cita culinaria máis importante de Lalín despois do Cocido, segundo afirma Manuel Sánchez, un dos responsables da comisión. Os quilogramos de xamón preparados ascenden a 300 e tamén se ofrecen pan e viño en abundacia, aínda que este último, "con moderación", recomenda Sánchez. As bandexas do curado, pensadas para dúas persoas, custan 12 euros e inclúen a bebida e o acompañamento. Non fai falla reserva previa, tan só para aqueles que traian as súas propias mesas. A festa empezará ás 21.00 horas no campo da Praza Matemático Rodríguez cunha charanga –aínda sen fixar– que amenizará a cea. Posteriormente, as orquestas Máster e Glamour acompañarán aos festeiros durante toda a noite.
A comisión de festas móstrase moi esperanzada con esta festa tan tradicional que engaiola a todo o mundo. De feito, varios mozos da zona levan moitos anos axudando aos organizadores do festexo á hora de montar as mesas e de servir a comida. Este ano, á parte de realizar os traballos de campo, esta mocidade animouse a entrar na comisión, para forxar un relevo entre os seus membros. Dous veciños da zona, Iván Reboredo e Santiago García, están desenvolvendo actividades de xestión xunto con Manuel Sánchez e Ildefonso Rodríguez, os dous tradicionais responsables da celebración. "Este ano están a aprender o traballo, pero para o próximo organizarán eles a festa", declara Sánchez.
Despois da cea e da troula do sábado, os veciños de Bermés continuarán coa festa os dous días seguintes. O domingo homenaxearán á súa patrona, Santa María, cun pasarrúas ás 11 horas da man da Banda Popular de Muimenta. Ás 13 horas oficiarase unha misa na igrexa parroquial, que estará acompañada por unha coral aínda sen determinar. A sesión vermú contará coa participación da banda, que tamén repetirá actuación pola noite en compañía da orquesta Caché.
O luns, San Roque recibirá o seu particular festexo. Celebrarase unha misa ás 13 horas que tamén estará acompañada por unha coral. A orquesta Nebraska amenizará a sesión vermú e a verbena da noite.