CRISTINA PICHEL - LALÍN
Hai 40 anos, a rúa Xeneral Franco de Lalín era unha parada obrigatoria para os novos. Nela congregábanse despois de comer para tomar o café da tarde e botar unha partida, porque antes, as tardes nos pobos eran para xogar ás cartas. Na céntrica rúa, os cafés tiña uns poucos donos. El Español, Bahía ou Submarino rifaban polos clientes, pero había un bar ao que non lle podían facer competencia: O Zara. "No Zara reuníase o 70% da xente de Lalín; era o café de moda", recorda Gumersindo Peña, un íntimo amigo dos propietarios do Café Zara.
Os falecidos Manuel Ramos e Elvira Peña fundaron o café arredor da década dos 60 e mantiveron o negocio ata os anos 70. Ramos, nado en Vilatuxe o 18 de abril de 1931, traía consigo unha tradición hosteleira, posto que xa na súa parroquia natal tivera un bar de moita fama, que sempre estaba concorrido cada oito de mes, coincidindo coa feira nos Carballiños. O home transmitiulle esta tradición hosteleira á súa muller Elvira tan pronto casaron e de alí a uns anos fundaron o Café Zara en Lalín.
Ramos abriu un café para mozos e ganouse a moitos compañeiros. Gumersindo recorda as súas excursións aos Ancares, a onde ían todos os anos cun grupo de amigos. "As nosas farras eran de carallada; iamos ás festas e xogabamos ao tiro ao prato", lembra o amigo.
O hosteleiro era unha persoa moi coñecida en toda a comarca porque, ademais de servir no bar, tamén traballaba de inspector do leite para Larsa, o que lle garantiu a presenza de todos os gandeiros da zona no seu café. Os días 3 e 18 de cada mes –días de feira– o café reunía a case toda a xente de Lalín, que pasaba as mañás e as tardes intercambiando opinións entre sorbo e sorbo. Aínda así, Gumersindo recorda que moitas veces non tomaban nin un café, "porque non había cartos nin para iso", senón que se reunían no vello local e xogaban ao dominó ou ao tute, mentres non lles chegaba a hora de acudir ao traballo.
O íntimo compañeiro do matrimonio afirma que, por aquel entón, os grandes homes de Lalín, como Laxeiro ou os Alleres, frecuentaban o café, aínda que eles tamén se podían permitir o luxo de acudir ao casino. "Hoxe calquera pode ser socio do casino, pero daquela había que ter categoría e non admitían a calquera. Só ían os señoritos, mentres que nós acudiamos ao Zara", declara Gumersindo. E lembrando ao Café Zara, é imposible non acordarse de que foi un dos primeiros en ter televisión.
A homenaxe esperada
Elvira Castro finou un 23 de setembro de 1979 e o seu home faleceu dez anos despois, un 18 de novembro. Xa moito antes de que Elvira se fora, o Café Zara cerraba as súas portas. Esta vez, e despois de case 40 anos, as Festas de Santa Marta, organizada por varios hosteleiros de Lalín, recordará a este emblemático café. O día 29 celebrarase unha misa ás 13 horas, seguida da procesión da patrona dos hosteleiros. Logo procederase a homenaxear aos donos do café e ás 15 horas está programada a comida. Ao longo da xornada, varios grupos de música honrarán as tardes de café no Zara.