ALFONSO LOÑO - SILLEDA
O BNG da bisbarra coordenou a estadía en Silleda estes días de 14 das 24 delegacións internacionais que participarán hoxe nos actos co gallo do Día da Patria que promove a organización nacionalista. O secretario de Relacións Exteriores e Emigración do Bloque, Gonzalo Constenla, acompaña aos membros das agrupacións integradas no coletivo Alianza Libre Europea (ALE), entre os que se atopa a súa ex presidenta e antiga deputada europea belga, Nelly Maes.
Constenla, o responsable comarcal, Alberte Maceira; o portavoz municipal silledense, Matías Rodríguez da Torre, e responsable do partido en Trasdeza, Óscar Ares, acompañaron onte aos primeiros participantes durante unha visita ao mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro. Ata esta zona tamén se achegaron membros doutras organizacións políticas, que se aloxan estes días no hotel Oca Katiuska da capital trasdezá. No grupo que estará na localidade ata mañá, hai representantes de Esquerra Republicana de Catalunya, de Unió Mallorquina, Partit Socialista de Mallorca-Entesa Nacionalista, Partido Nacionalista Vasco, Eusko Alkartasuna, Nafarroa Bai, Ararar, Coalición Canaria, Chunta Aragonesista, Partido del Bierzo, Bloco de Esquerda, Partido Verde Europeo, Alianza Libre Europea ou o Frente Popular de Liberación Palestina.
As delegacións chegaron a Silleda ao longo do día de onte e xa pola tarde desplazáronse a Santiago de Compostela para participar nos actos de homenaxe a Rosalía de Castro e Castelao, ademais de visitar o Museo do Pobo Galego. Logo, os políticos interviron nun encontro con membros da executiva nacional do Bloque, no que se analizaron estratexias comúns de cada unha das agrupacións integradas na ALE, que celebrou recentemente un congreso. O grupo regresou pola noite a Silleda, para partir a primeira hora desta maña de novo cara a Santiago. A organización convidou aos asistentes á manifestación con motivo do 25 de xullo que rematará, como é habitual, na Praza da Quintana compostelá. O xantar de confraternidade terá lugar nunha das carpas desta celebración e as delegacións convidadas a Silleda desplazaránse logo ao Festigal que, organizado pola Fundación Galiza Sempre, cumpre este ano a súa novena edición.
Pola tarde, algúns membros da delegación terán a oportunidade de coñecer outros atractivos turísticos de Silleda como o Castro de Toiriz ou a Fervenza do Toxa.