ROCÍO GARCÍA - SILLEDA
A 22ª edición da Romaría da Tortilla de Laro, cun presuposto de 40.000 euros, agarda reunir este ano a máis de 10.000 persoas. Membros da Asociación de Amigos da Tortilla presentaron onte no Centro Cultural de Laro a cita gastronómica do 6 de agosto na carballeira da parroquia trasdezá. Na presentación estiveron os membros da Asociación Aspadeza e algúns dos 22 usuarios encargados de realizar o cartel deste ano. Por isto e como mostra de agracemento os Amigos da Tortilla fixeron entrega dun agasallo á directora do centro, Ángeles Baldonedo, dunha copia do cadro á vicepresidenta da asociación, María Taboada, e un diploma a cada socio. En representación do Concello de Silleda acudiron a alcaldesa Ofelia Rey e o edil Javier Presas, que permaneceron, ao longo de todo o evento, nun reservado segundo plano, posando incluso para a foto nun discreto lateral do grupo.
O día 6, ás 21.00 horas, será o chupinazo, e a continuación o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, será o encargado de dar o pregón. A charanga Apeles e os grupo de gaitas Os Xuncos, os Trasnos e A Carballeira amenizarán as primeiras horas da noite. As orquestras Fórmula e Tokio continuarán coa verbena. Segundo José Antonio Presas, un dos 15 membros da comisión organizadora, haberá máis de 2.000 racións de tortilla e 1.000 litros de viño gratis para quen merque a taza e a cunca de barro. Piden que ninguén aparque na carballeira, e que todos recollan o seu lixo. Agardan tamén que para o seu 25 aniversario a Romaría da Tortilla sexa declarada de IntereseTúrístico Nacional.
Tanto o sábado como o domingo haberá misa solemne á unha da tarde na honra de San Salvador. O día sete na verbena nocturna estarán as orquestras Televisión e Sabanna. O día 8 a sesión vermú correrá a cargo do grupo de gaitas Os Dezas que tamén tocarán pola noite co Dúo Máster. O domingo pola tarde haberá tiro de corda, carreira de sacos e a partir das 19.00 horas o partido de fútbol de solteiros contra casados.