SALOMÉ SOUTELO - LALÍN
Hoxe cúmprese un ano da inauguración, na Avenida Bos Aires de Lalín, do centro médico asistencial La Rosaleda, pertencente ao hospital policlínico compostelán do mesmo nome e que dispón dunha ducia de especialidades. O seu xerente, Rafael Silva, indica que “a pesar de que foi unha etapa dura, crecemos en pacentes todos os meses, ata chegar aos 15.000 neste primeiro ano”.
–Cumpríronse as expectativas neste primeiro balance?
–En realidade, as previsións eran un pouco máis altas pero estamos moi satisfeitos, sobre todo pola moi boa acollida de servizos como fisioterapia ou urxencias. Nesta última tratábase dunha aposta, digamos, arriscada, porque xa había dous centros operando neste servizo s, con todo, chegamos a ter unha media de oito persoas ao día, aínda que durante as fins de semana baixase un pouco. Hoxe podemos dicir que as urxencias de La Rosaleda están asentadas.
–En numerosas ocasións, vostede ten defendido a necesaria convivencia entre a sanidade privada e a pública. Cal é o perfil dos pacientes de La Rosaleda en Lalín?
–Pois deses 15.000 coido que o 65% son usuarios particulares, que demandan unha atención individualizada e que non queren agardar moito tempo por unha consulta. Quizais nos estamos extendendo máis no mercado privado que nos usuarios que veñen a través das aseguradoras, pero é que os nosos centros parten da filosofía de que é preferible atender menos pacientes se con isto se lles ofrece maior calidade. De feito, ao longo deste ano fixémoslles enquisas sobre o nivel de satisfacción aos nosos usuarios, para ir axustando as tarifas de cada especialidade, por iso os prezos de Lalín son máis baratos que os de Santiago, e éstes máis que os da Coruña ou os de Pontevedra.
–Cre que se vai seguir mantendo este equilibrio, despois de que a Consellería de Sanidade admitise que a súa tecnoloxía está obsoleta? Non haberá unha fuga de pacientes ao sector privado?
–Insisto en que van convivir a sanidade privada e a pública. Actualmente, o sector privado aporta en Galicia o 30% das camas, e hai 11 hospitais concertados en toda a xeografía galega. O mesmo vai ocorrer unha vez que bote a andar o futuro hospital comarcal de Lalín, que todos seguiremos funcionando. Os servizos privados serán compatibles cun hospital comarcal, a pesar de que segundo os nosos estudos este servizo que se proxecta para Lalín, tendo Santiago a 25 minutos, queda demasiado xusto pola súa poboación, tanto sendo un hospital público coma se se tratase dun privado.
–Tampouco hai que esquecer que estamos en crise. Afecta isto ao gasto en saúde?
–Curiosamente, no sector sanitario apenas afecta, porque a persoa que está ben xa non acude ao médico e o que está mal non repara en gastos. De aí que nós tamén esteamos adaptando continuamente as tarifas ao día a día para ofrecer uns servizos que sexan o máis asequibles posible.
–Vostede indica que fisioterapia tivo moi boa aceptación. Pasou o mesmo con outras especialidades que tamén eran precisas no Deza?
–Funciona moi ben obstetricia, cirurxía xeral ou xinecoloxía, na que combinamos a revisión anual cos bos prezos que acabo de mencionar, e de aí que en moitas ocasións teñamos as consultas cheas. Tamén tivo moi boa acollida o punto de vacinación para a Gripe A, que non o había en Lalín. En canto a fisioterapia, tivemos que ampliar os horarios e tamén as sesións. A esta especialidade acoden tanto deportistas como futbolistas con lesións ou persoas que sufriron un accidentes, ademais de persoas maiores porque, ao igual que o servizo de enfermería, ofrecemos fisioterapia a domicilio. Quero destacar tamén a afluencia durante a xornada de saúde cardiovascular, na que 400 persoas acudiron ás nosas instalacións para realizarse un chequeo. Para o ano queremos retomar esta iniciativa e engadirlle outros aspectos.
–Están previstas novas dotacións no centro asistencial?
–Si, a partir de setembro temos previsto desprazar un grupo de pediatras á capital dezá. Aínda que esta especialidade non estaba sendo moi demandada neste primeiro ano, cremos que é necesaria na zona.
–Hai un ano, xusto cando comezaron, estaban en contacto con Adeslas para un convenio. Logrouse xa un acordo?
–Non recibimos contestación por parte desta aseguradora, pero seguimos mantendo os servicios para os asegurados noutras entidades con moita representación no mercado nacional como Mapfre, La Fraternidad, Mutua Gallega, Fremap, Asisa e Caser, ademais das especializadas en pólizas de tráfico.