Na Solaina de Piloño conviviron dende o pasado domingo 16 artistas procedentes de moi distintos lugares do mundo por mor da X Xuntanta Obradoiro Internacional das Artes Plásticas, que chegou onte ao seu fin. Ao longo de todas estas xornadas, os creadores adicáronse a traballar nas súas obras, que cederon á Solaina e que serán expostas no museo da capital dezá. Pero non só se centraron nesta labor senón que visitaron diferentes lugares da comarca de Deza e da xeografía galega, dos que os estranxeiros quedaron abraiados.

Ocupando cada recuncho da casa fundación, as obras reclaman protagonismo ao visitante. Composicións, pinturas e esculturas son reflexo de historias únicas contadas polas mans de cada autor. Gavin Malone, de Australia, deu forma a Stones soup (sopa de pedras) unha escultura de máis dun metro de alto e dous de largo feita con madeira, lá de ovella, patacas e pedras, xa que empregou unicamente "materiais que proveñen da terra"; con ela intenta representar a tensión entre o home e a muller. Álex Ferreiro, artista dezao que participou na xuntanza, levou a cabo Fibra sensible, Tres en raia e Organismo, esta última, feita con carbón e acrílico sobre cartón fino, é unha composición de varias láminas nas que plasma detalles do museo cruceño que cre que pasan desapercibidos para a maioría; confesa que son tres obras "orgánicas" e que a máis fermosa de todas as experiencias desta semana foi "a convivencia cos meus compañeiros e o lugar". Nesta valoración coincide cos demais participantes, que loan e agradecen á Solaina a oportunidade e a experiencia que lles brindan cada dous anos.

Durante a mañá as obras foron colocadas para seren visitadas. E, pola tarde, tivo lugar o obradoiro A moda é arte, con Lidia Poza e as primas Paula e Marta Montoto, e un estampado de deseños de Carmen Barcala e María Porto (Saturna Modas), con Monique van Steen e algunha participante como modelos. Tamén se achegou a artista aurosá Marta Rial.

Continuaron os actos cun sorteo dun cadro doado por Lucía Dubra, e a entrega de diplomas aos participantes e das medallas Amigo da Solaina a Xosé Luis Rivas Mini, Mero Iglesias e Carlos Loureiro. Paco e Carme Lareo encargáronse do acto de clausura, representando a todo o equipo anfitrión. Un ágape, no que non faltaron as filloas de Xosé Molina, de Merza, e a música dos Dezas de Moneixas pecharon a velada.