Dende o domingo, ás 10.00 horas, ata o vindeiro sábado, día 17, terá lugar a X Xuntanza Obradoiro Internacional das Artes Plásticas na Fundación Casa Museo A Solaina, en Piloño (Vila de Cruces). Como directora da institución asentada na súa propia casa natal, Carmen Lareo é unha das encargadas da organización do evento.

- O museo foi fundado en 1984, con que obxectivos?

- Paco Lareo creou a fundación; empezou por un museo pequeno, cando voltou de Venezuela, coa ilusión de crear cultura no rural e que a xente tivese dereito a desfrutar da paisaxe cultural. Tomando a forxa paterna e coa súa herdanza converteuna no que hoxe é A Solaina.

- Pasadomañá arranca a décima Xuntanza Obradoiro. En que consiste o evento e que se pretende conseguir durante o mesmo?

- Dende o sábado pola mañá comezan a chegar os artistas estranxeiros. Levaranse a cabo todas as actividades do programa e os artistas traballarán convivindo. Tamén se farán rutas para que coñezan a zona. O obxectivo é a interrelación do arte e as diferentes culturas, que coñezan algo da nosa terra, e que leven unha bonita impresión.

- Este ano haberá un oco para a homenaxe póstuma á escritora Anisia Miranda, falecida o pasado 21 de outubro. Por que a ela e en que consistirá?

- Porque Anisia foi unha persoa que, aínda nacendo en Cuba, falaba galego, e todos a consideraban irmá. Estivo en Gres, escribiu contos e poesía, e traballou cos nenos da zona distribuindo cultura. Durante a Xuntanza haberá unha mesa redonda, onde se falará de Anisia, e na que participará un grupo de mozas e mozos cubanos e Dick Hernández, cónsul de Cuba en Galicia; descubrirase o seu busto, e nenos de Gres e Piloño lerán poemas dela. Haberá unha exposición dos seus libros, e entregaráselle unha medalla a título póstumo que recollerá [o seu viúvo, Xosé] Neira Vilas. Mellor homenaxeala agora, e non deixar que pasen moitos anos.

- Cales serán as principais diferenzas con respecto a edicións anteriores?

-Por unha banda, o número de estranxeiros, que estes anos andababa polos seis ou sete, e que desta volta serán doce, aínda que hai un total de 22; por outra banda, haberá máis innovación na tecnoloxía da escultura.

- Que se agarda dos artistas ?

- Unha boa convivencia de traballo, ledicia e unha boa relación con nós e entre eles. Tamén unha obra válida rematada que quedará na Solaina, e que se expoñerá dende o 6 de novembro ao 10 de decembro no Museo Ramón María Aller de Lalín.

- Ao longo do ano, A Solaina leva a cabo moitas e diversas actividades. Cales son as máis importantes e cómo se financian?

- Hai música, teatro, clases de pintura, a Forxa Literaria, a Xuntanza Obradoiro, e todo o que poida ter que ver con arte e cultura; sempre intentamos ter algo. En canto á financiación, os forxadores dan anualmente unha cota voluntaria; tamén colaboran o Concello de Vila de Cruces, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia. O premio á Innovación Cultural no Rural foi para fondos.

- Como responde o público a todos estes eventos?

- Realmente ben. Participan de forma activa e repiten sempre, xa que quedan moi contentos. Veñen do lugar pero tamén veñen dende os municipios do redor.

- Quen poderá achegarse dende mañá ata o 17 de xullo á Solaina?

- Calquera persoa, tanto durante a Xuntanza coma noutro momento. Quen o desexe pode vir ver o museo ou preguntar o que sexa. Sempre temos as portas abertas para todo o mundo, e encántanos que veña xente a Piloño e vexan esta preciosa terra.