O ceo estaba nubrado e amenazaba chuvia. O chan da centenaria carballeira cheiraba a húmido, pero, aínda así, os carballos de Barcia recibiron onte aos 600 maiores que acudiron, ao igual que todos os anos, á súa festa, á XVIII Romaría Interxeracional de Lalín. Os autobuses comezaron a chegar ao redor das 11.00 horas ao campo, mentres os organizadores remataban de colocar as mesas, as cadeiras e os diferentes servizos.

O evento comezou cunha misa que, malia estar programada para as 12.00 horas, empezou cun pouco de retraso, demora que aproveitou a Banda de Música de Vilatuxe para dar un pequeno pasarúas ao son da canción Rolandito. Tralo remate da ceremonia relixiosa, dita banda amenizou a mañá cun concerto, mentres os cociñeiros remataban de preparar a comida. O xantar estivo composto por empanada, polbo á feira e carne ao caldeiro, todo isto acompañado por cuncas de viño e tamén por rosquillas e café para rematar.

Cos postres chegaron as homenaxes que cada ano se conceden á muller e ao home de máis idade, aos de máis anos na emigración e ao matrimonio con máis anos de casados, sempre de entre os maiores da comarca. O alcalde de Lalín, José Crespo, a secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, e maila concelleira de Servizos Sociais, Paz Pérez, foron os encargados de entregar os agasallos. O premio á muller de maior idade recaeu en Carmen Rozas Iglesias, veciña de Santiso de 94 anos de idade, mentres que Antonio González Ferreiroa, de 95 anos e veciño de Barcia, recibiu o agasallo por ser o home máis vello da festa. Os premios á muller e ao home con máis anos na emigración recaeron en Amelia Varela García, que pasou 54 anos na Arxentina, en Avellaneda, e hai cinco anos que regresou a terras galegas; e en José Quintero Fraga, que viviu 57 anos no país sudamericano.

Por último, tamén recibiron agasallos o propio Antonio González Ferreiroa e a súa muller, Amalia Fernández Gómez, posto que os seus 69 anos de matrimonio convértenos na parella con máis anos de casados. Antonio e Amalia casaron con 26 anos e residiron toda a súa vida en Barcia, onde tiveron sete fillos. Hoxe en día, xa contan con trece netos e catro bisnetos.

Tralos premios, Crespo destacou que "esta romaría chega á súa maioría de idade cumprindo os obxectivos para os que fora creada, isto é, celebrar un día de confraternidade entre os nosos maiores cun festexo ao estilo de antes". Ademais, tamén subliñou "o bo labor" que dende os Servizos Sociais se levou a cabo para poder realizar este evento. Neste traballo de organización, os bombeiros, as ambulancias e Protección Civil tamén xogaron un papel fundamental dende a primeira hora da mañá.

Pola súa banda, Susana López Abella agradeceu o convite e tamén puntualizou o gran traballo dos Servizos Sociais lalinenses, cualificándoos como "un privilexio do que se benefician moitos de vostedes". A xornada proseguiu cunha verbena na que participaron as pandereteiras de Zobra, o grupo de gaitas Os Xuncos de Santiso e o humorista Xacobe Pérez. Os centenarios carballos de Barcia descansan por este verán á espera da xuntanza de 2011.