XAN SALGUEIRO - LALÍN
Ata corenta e tres formacións de música popular viron nacer Deza e Tabeirós-Terra de Montes durante os séculos XIX e XX, segundo recolle Enrique Alvarellos Iglesias (A Coruña, 1931-Lugo, 2004) no seu libro Bandas de Música de Galicia, publicado en 1986 por Editorial Alvarellos. A obra, que leva quince anos agotada, vai ser reeditada en 2011 en formato dixital e a demanda, isto é, sacaranse do prelo as copias que se soliciten, explica Quique Alvarellos, fillo do autor e actual responsable da editora. Tras dez anos de investigación, o autor, moi ligado a Lalín por ter pasado a súa nenez en Soutolongo, chegou a documentar 433 bandas en Galicia, das que na década de 1980 só subsistían 75. Cunha grande tradición musical, a provincia de Pontevedra lidera o ránking histórico, con 133 bandas encontradas (35 delas vivas nos anos 80), seguida de Lugo, con 113 (9 en activo daquela), Ourense, con 94 (10) e A Coruña, con 93 (21). Nas dúas bisbarras do noreste pontevedrés mantéñense activas unha decena de agrupacións, case a metade en Lalín.
O concello máis grande da provincia é tamén o que máis bandas tivo. "No hay municipio gallego en donde tanta agrupación bandística haya habido como en Lalín. Hubo parroquias con máis de una y familias en las que el padre pertenecía a una banda y el hijo(s), a otra(s)", apunta o polifacético fundador da Editorial Alvarellos. Ata 18 agrupacións aparecen recollidas na súa obra, das que tres subsisten hoxe cos seus nomes orixinais e unha cuarta, a de Prado, está en fase de recuperación. Nalgúns casos trátase dunha mesma formación que variaba a súa denominación en distintos momentos da súa historia ou que mesmo recibía dous apelativos distintos coetáneamente. E é que os cambios de nome eran moi frecuentes nas agrupacións populares, polo xeral en función do lugar de ensaio ou da residencia do director. Os cambios de local a miúdo tiñan que ver coa proximidade ao domicilio da maioría dos músicos. En calquera caso, as bandas lalinenses documentadas polo escritor, editor, profesor e tamén músico son: Bendoiro (1923-1949), Bermés (1925-1973), Carragoso (1882-1961), Cercio (1904-1953), Filgueira (1862-1898), Goiás (1882-1961), Gresande (1879-1943), Lalín (1962), Mato (1904-1953), Muimenta (1880), Noceda (1859-1924), Palio (1904-1953), Penela (1927-1955), Prado (1927-1930, agora refundada como Lira), Soutolongo (1933-1936), Vilatuxe (1943), Xanxurdo (1879-1943) e A Xesta (1908-1954). Tamén aparece nomeada a de Gregorio entre as máis vellas, pero poucos datos hai sobre a súa traxectoria. José Ángel López Gutiérrez menciona que algúns dos seus músicos irían parar á de Bermés no seu traballo sobre a agrupación La Unión, da parroquia homónima, publicado no segundo anuario Descubrindo Deza, editado polo Seminario de Estudios de Deza no ano 2000.
A continuación sitúase A Estrada, con oito formacións recopiladas: Arca (1897-1920), A Estrada (1869, a actual Municipal), Nova Ribeira (1950, hoxe Cultural da Estrada), Orazo (1879-1949), Remesar (1942-1957), Ribeira Nova (1911-1948), Ribeira Vella (1880-1953) –as dúas últimas fusionáronse e funcionaron como Banda da Ribeira durante cinco anos– e Vea (1897-1953).
Silleda tivo media ducia de formacións desde o século XIX en adiante: Bandeira (1982), Cira (1850-1961), Nova Cira (1984, esmorecida ao pouco tempo), Lamela (1863-1915), Silleda (1888-1974) e Silleda Nova (1985), aínda que as dúas últimas poden considerarse unha soa, a actual Municipal de Silleda.
En Agolada son cinco as bandas documentadas: Artoño (1951-1965), Baíña (1942-1963), Brántega (1864-1956), Cultural de Brántega (1982, rebautizada hai anos como Municipal de Agolada) e Ventosa (1862-1959).
Tamén en Vila de Cruces figuran cinco bandas, incluíndo a de Ponteledesma (1985), xa que, malia á súa ligazón co concello coruñés de Boqueixón, tén a súa sede na parroquia cruceña de Gres. As outras recollidas por Alvarellos son: Camanzo (1910-1955), Cruces (1897-1936), Merza (1828) e Piloño (1907-1941).
En Cerdedo figuran as de Cavenca (1922-1933) e Cerdedo (1851-1955).
Rodeiro, Dozón e Forcarei non teñen ningunha agrupación na única historia publicada das bandas de Galicia, se ben no municipio de Terra de Montes hai un grupo de música que toma como base a escola municipal.