DANIEL FERNÁNDEZ - LALÍN
Francisco Vilariño anunciou o pasado sábado a súa demisión como voceiro do BNG de Lalín por cansanzo, aínda que seguirá á fronte da formación nacionalista durante uns días máis xa que a súa marcha non se fará efectiva ata o vindeiro pleno, que en principio estaba previsto para o xoves 24, pero que podería retrasarse unha semana. Vilariño, que dirixiu con man de ferro ao Bloque durante os últimos sete anos, deixa ao partido con 2.100 votos (16%) e tres actas de concelleiros.
Coa súa marcha chega un momento de cambios no BNG lalinense que pode acarrexar certas dificultades. Que agarda deste proceso?
–Tras a miña decisión irrevocable de deixar os cargos institucionais da política, decidín escoller este momento porque penso que é o mellor de todos, sobre todo cando tiña decidido non repetir como candidato. Deste xeito, o BNG de Lalín ten abertas todas as posibilidades e ademais creo que se atopa no mellor momento da súa historia. Estou convencido de que o Bloque vai saír fornecido con todos estes cambios.
–En principio sempre fixeron apostas pola militancia por riba de fichaxes estrela. Neste sentido que papel van xogar as dúas concelleiras Susana Rodríguez e Lupe Novoa e se cre que van seguir nos postos altos da candidatura?
–Lupe e Susana son un capital político indiscutible sen amortizar. Todo dependerá de cando se decida a candidatura, pero ao meu entender deberán estar aí indiscutiblemente sempre que elas queiran e poidan.
–Podería estar o seu recambio nalgunha destas mulleres?
–Podería ser algunha delas ou incluso outras compañeiras do partido. Pero non quero avanzar nada deste debate antes de que se decida polo conxunto da organización na asamblea prevista para esta semana.
–Ten unha grande ascendencia sobre o BNG lalinense, pero cal vai ser o seu papel no seo da organización tras a súa renuncia como edil?
–O primeiro papel quero que sexa o dunhas vacacións, preciso uns meses para desconectar. Logo, dende a humildade, farei o que me encomende o partido dende o punto de vista orgánico. As eleccións municipais están aí e hai que hacer un traballo moi duro. Para min, xa o dixen moitas veces, non ten importancia o cargo, o que realmente importa é o traballo colectivo. Eu estarei onde queira a militancia, pero nunca, nunca deixarei tirado ao BNG. Debe quedar claro que deixo de ser concelleiro, pero non a política. Esto é algo que me gusta e ademais teño a enorme fortuna de deixalo por decisión propia pese a que a organización non quería que eu marchase. Para min é un luxo e un orgullo traballar con esta xente e sempre estarei en eterna débeda con eles.
–A reformulación que fará o BNG lalinense tras a súa demisión afectará só ao grupo municipal ou tamén chegará a distribución orgánica?
–Os cambios afectarán exclusivamente ao que pense a organización que será máis acaído para un mellor funcionamento, pero tamén ao que a xente estea disposta a asumir.
–Deixando xa un pouco o futuro do partido e achegándonos ao que foron estes sete anos, con que se queda de todo este período?
–Sobre todo co traballo colectivo porque, sen entrar en termos persoais sobre a miña figura, creo que neste tempo se produciu a apertura máis importante do BNG cara a sociedade de Lalín. Estou moi satisfeito de que moita xente se sumara a este proxecto e por iso sosteño que, coa forza de toda esa xente e o aumento da militancia, o BNG se atopa na posición actual, que é a mellor da súa historia en Lalín. Para min, a liña de apertura cara a sociedade ten que seguir o mesmo camiño no futuro.
–Entrando xa no apartado da autocrítica, que sería mellorable da súa xestión á fronte do BNG nos últimos anos?
–Hai mil cousas, en todos os aspectos se produciron erros que houbo e hai que correxir. Só non se trabuca quen no fai nada. Quen non se arrepinte de nada é un completo necio.
–Chegou a sentir desasogo polos resultados electorais cun PP que mantén unha folgada maioría absoluta en Lalín sen apenas notar desgaste tras varias décadas no poder?
–Claro, é obvio, pero especialmente nas últimas eleccións porque se fixo moito traballo, a lista era moi boa e a campaña foi ambiciosa. Os resultados, aínda que os mellores do BNG na comarca, non foron os que eu agardaba e seguen sen contentarme. A organización ten que ser máis ambiciosa e conseguir que os cidadáns nos vexan como un referente. Ante os resultados do PP, temos que facer autocrítica porque a xente non é parva e vota o que pensa que é mellor. Teremos que analizar aínda máis cales son os nosos erros.
–Como percibe as vindeiras eleccións municipais
–A perspectiva dun ano é un mundo en política. En todo caso, creo que todo dependerá de que sexamos capaces de que os lalinenses nos vexan coma unha alternativa real, con capacidade de ilusionar. Está na nosa man e hai tempo para facelo, pero hai que por en marcha un traballo colectivo pensando nos nosos veciños.