ALFONSO LOÑO - LALÍN
O grupo Linho do Cuco sacará á venda nuns días o seu terceiro disco "3", no que esta formación de recoñecidos intérpretes ambiciona conseguir a consideración dos interesados pola música tradicional, pero que entenden propostas novidosas sen ningún tipo de prexuizos. A consolidación desta agrupación, que ven precedida de éxitos coma o do obtido no recoñecido Festival Intercéltico de Lorient (Francia) en 2008, chega cun cedé no que exploran a tradición, as composicións clásicas das bandas de música ou na fusión do son da guitarra flamenca coa gaita, a zanfona ou o acordeón diatónico.
Carlos Quintá, Benjamín Otero e Michel Touriño presentaron onte no local de Tarabela un avance deste traballo, gravado nun estudos de Ponte Caldelas. Aínda que se trata dun disco de estudo, o proceso de gravación fíxose cos músicos tocando xuntos e só se incorporaron ao montaxe as colaboracións de Óscar Fernández Sanjurjo (Os Cempés ou Bonovo) e Pedro Pascual (Marful).
En "3" o público atopará pezas tradicionais logo arranxadas pola banda "que, tamén pretenden invitar a bailar aos que o escoiten", destacou Quintá. Entre os 11 temas hai composicións europeas ou outras como o "Ei Moneixas", do representativo grupo de gaitas Os Dezas de Moneixas e que logo tocou tamén en moitas ocasións Froitos do Deza. "Este disco chega en pleno proceso de maduración e logo dun cambio cualitativo importante. É un disco para que o público o disfrute e o saboree", dixo Benjamín. Touriño destacou a aposta por introducir a guitarra flamenca de Iván García neste traballo, que na súa práctica totalidade se dará a coñecer no concerto do sábado ás 21.30 en Lalín.
Carlos Montilla, representante da productora Nonsí?, apuntou que a xira de presentación de Linho do Cuco prevé concertos en Santiago de Compostela (18 de marzo), A Estrada (26) e o 8 de abril en Lugo. Pablo Doval, Darío González, Pablo Pardo, Xián Herrera, Pablo Bernárdez, e Pedro Romeo son os demais membros desta banda formada por músicos de Lalín, A Estrada e Antas de Ulla.