Javier Loureiro García - Presidente da Asociación Cultural Entroido de Santeles-Val do Ulla
SILVIA ALENDE - A ESTRADA
Na tarde do pasado sábado, a parroquia estradense de Santeles convertiuse na primeira do municipio en dar forma ao tradicional Entroido do Ulla. Tras oito anos de parón, a localidade volve mostrar agora toda a súa forza e imaxinación nun dos festexos máis típicos da zona. Faino da man da Asociación Cultural Entroido de Santeles-Val do Ulla, que colle o timón da organización dun ritual que o próximo día 16 percorrerá as rúas estradenses. Así o relata o presidente desta entidade, Javier Loureiro.
–O Entroido do Ulla é unha tradición propia da zona. Antes de nada, podería indicar cales son os seus principais rasgos definitorios?
–Sobre todo que se trata dun Entroido entre Xenerais e Correos, aos que logo se lle suman outras carrozas.
–No caso do de Santeles, hai algunha diferencia respecto a outros Entroidos das parroquias próximas?
–O propio do Entroido de Santeles é que os homes van no Coro dos Bonitos e levan uns mantos e na cabeza un sombreiro chamado chanverjo. E as mulleres van de moradana, co traxe tradicional galego. Polo demais, son moi similares aos demais da zona do Ulla.
–Dende cando hai constancia da celebración do Entroido de Santeles?
–É de toda a vida, hai mais de cen anos que se celebra esta festa na parroquia. Únicamente houbo un pequeno parón nestes últimos oito anos, pois ata este ano o de 2002 fora o último Entroido.
–Cantas persoas se encargan de organizalo?
–Na actualidade somos oito persoas, integradas na Asociación Cultural Entroido de Santeles-Val do Ulla, que naceu o ano pasado.
–Contan coa implicación tamén dos máis mozos do lugar?
–Pois si, neste Entroido participan dende nenos de tres ou catro anos ata veciños de máis de sesenta.
–Garantido pois o relevo xeracional…
–Totalmente. Traballamos para manter viva esta tradición, para que o Entroido non vaia morrendo pouco a pouco. Este ano por exemplo, catro nenos de entre oito e dez anos estiveron aprendendo as coplas dos atranques.
–Falaba ao comezo da particularidade de contar cos Correos e Xenerais. En que consisten os famosos “atranques” destes personaxes?
–É unha oposición, unhas coplas nas que un ataca e o outro defende. Fálase da actualidade, das xuntas parroquiais, do alcalde... Primeiro pasan os Correos, que van abrindo o paso, e logo entran os Xenerais.
–Este que explica é o procedemento que se segue en tódolos Entroidos?
–Depende un pouco de cada zona, non é fixo. Aquí por exemplo un Correo pode ir á par dun Xeneral.
–No que se refire aos discursos, cúmplese a máxima de que a mellor improvisación é a que está preparada?
–Normalmente os atranques están preparados, a non ser que haixa que improvisar algún, que tamén se fai. Sobre todo, fai falla que a persoa estea un pouco ao día de diferentes temas.
–Remata hoxe (por onte) a primeira edición do Entroido de Santeles tras ese parón de oito anos. Satisfeitos cos resultados?
–Si, porque a xente participou toda e a verdade é que houbo moi boa festa. Aínda que rematamos en Santeles, o próximo Martes de Carnaval, o día 16, estaremos na Estrada outra vez mostrando todo o noso conxunto de Xenerais, carrozas e banda de música á xente. É unha actuación coa que estamos moi ilusionados.