ALFONSO LOÑO - LALÍN/CRUCES
O Entroido arrancou con forza na comarca e, aínda que restan moitos celebracións nos vindeiros días, a súa presenza xa se fai notar desde a semana pasada. Onte foi o día grande do Entroido de Merza, que conta cunha grande tradición nesta parroquia de Vila de Cruces, e que representa o Entroido máis tradicionais.
Os veciños de Merza comezaron a primeira hora da tarde a botarse á rúa, posto que para as tres estaba previsto o comezo do desfile de charangas e carrozas, acompañadas dos disfraces de pequenos e maiores. Entre as carrozas destacou unha que representaba un matadeiro de galos, lembrando así o proxecto do goberno local de por en marcha un centro de estas características no polígono de Cumeiro, contra a vontade da oposición. Tamén foron algúns os veciños que se disfrazaron destes animais. O caso Gürtel, ou outros acontecementos máis próximos foron algúns dos temas de actualidade que abordaron os Xenerais no "alto", xa ás 17.00 horas. Os cabaleiros, ataviados cos típicos traxes desta celebración da zona do Ulla, estiveron acompañados logo dos Mouros, o Escribano ou o Frade, que fixo o seu habitual sermón. Ao marxe da festa, que se prolongou ata a noite, o coletivo organizador; O Vello dos Cornos, fixo un concurso con premios para os dous primeiros clasificados, nas categorías de carrozas e grupos.
En Lalín, a asociación O Naranxo organizou a chamada "Subida de Santo Torrisco de Siracusa", que consistíu en levar a imaxe desde o Café Barriga Verde ata A Casa do Antón, onde estará ata o sábado de Entroido para sair de novo en procesión. Os participantes, que comezaron a festa xa antes das 20.00 horas, estiveron acompañados por músicos e a Rondalla de Brántega. A comitiva, de preto duns trinta membros, fixo sendas paradas no restaurante Os Arcos e A Casa do Gato, onde repasaron algúns das cancións de melodías e letras clásicas e composicións tradicionais galegas. O sábado os devotos de Santo Torrisco volverán reunirse para sacalo en procesión polos bares de Lalín, onde se cantarán as tradicionais coplas de Entroido, coas que faise un completo repaso en ton satírico aos acontecementos do ano.