ALFONSO LOÑO - LALÍN
O museo municipal de Lalín acolleu onte a presentación do libro "55 mentiras sobre a lingua galega", que se deu a coñecer de xeito simultáneo noutras 60 vilas galegas e do resto do mundo. A publicación recolle as impresións de distintos autores sobre a situación do idioma diante das reformas que promove o goberno galego e que, para o coletivo Prolingua deixan ao galego nunha situación de clara desvantaxe con respecto ao castelán. Os membros desta plataforma na bisbarra dezá Rafael Cuiña, Marta Negro e Alberto Granja presentaron ao numeroso público que acudíu ao museo unha publicación que non só aposta por ennobrecer o noso idioma, senón que tamén por enriba da mesa algunhas das aseveracións e mitos que sobre ela se crearon.
Máis que unha presentación ao uso, a cita convertíuse nun foro de debate no que interviron moitos dos presentes. Entre eles, Jesús Acevedo, un mestre de Laro (Silleda), co autor da publicación. Público e relatores coincidiron na necesidade de por en valor o galego nuns momentos nos que o seu peso específico no eido social e educativo perde forza. Falouse das aseveracións interesadas sobre a nula conveniencia de empregar o idioma autóctono de Galicia no ámbito educativo e a preocupación que existe en torno á aplicación do chamado "Decreto do galego"; unha proposta que mantén enfrontados a numerosos coletivos co goberno autonómico. Outros dos asistentes aludiron ás fontes de financiación coas que conta o coletivo Galicia Bilingüe; unha asociación cuestionada por outras plataformas, ademais de Prolingua.