ALFONSO LOÑO - LALÍN
A plataforma Prolingua presenta hoxe, ás 20.30 horas no museo de Lalín, o libro “55 mentiras sobre a lingua galega”. Simultaneamente, darase a coñecer noutras sesenta localidades galegas e españolas ou en países como os Estados Unidos, Irlanda, Bosnia ou Alemaña. O empresario local e membro deste coletivo Rafael Cuiña participará neste acto, no que tamén estarán Luz Méndez e Alberto Granja, onde reflexionarán sobre a situación do idioma, tomando como referencia o chamado “decreto do galego”, que promove o goberno autonómico.
–Por qué nace Prolingua e cales foron os seus obxectivos fundacionais?
–Prolingua é unha asociación apartidista que defende a lingua galega, nun intre no que existe unha alarma social orixinada polo chamado borrador do decreto galego. Persoas de todo tipo de condición social e ideolóxica decidiron crear unha plataforma que o único que pide é que non se dean pasos atrás na defensa da nosa identidade como pobo e da nosa lingua como elemento cultural imprescindible.
–Foron capaces de espertar unha conciencia crítica cidadá sobre o novo modelo lingüístico que promove a Xunta?
–É máis que evidente. Estamos vendo a milleiros de personas na rúa defendendo o seu idoma. Hainos que saen para criticar ao goberno e tamén, coma no meu caso, saímos en defensa da nosa cultura e non contra ninguén.
–Houbo contactos entre esta ou outra plataforma e a Xunta para acadar unha proposta que satisfaga ás dúas partes? E, pensa, como se apunta desde algúns foros, que o decreto do galego non sairá adiante por, entre outras cousas, vulnerar o Estatuto de Autonomía de Galicia?
–As posturas están moi enfrontadas. A Secretaría Xeral de Política Lingüística mantivo reunións con coletivos entre os que non me consta que estea “Queremos Galego” e, por suposto, non estivo Prolingua. Tiven conversas con responsables políticos galegos para tentar mediar con algunha plataforma, pero ao estar tan enfrontadas as posturas, tristemente non houbo ningún tipo de encontro. Sobre a segunda cuestión tamén hai que ter en conta resolucións do Tribunal Supremo. Teño a esperanza de que o goberno se dea conta do que está pasando e recúe, aínda que as últimas afirmacións desde a Xunta xa falan de novo do 50% para cada idioma. Son partidario de que haxa unha discriminación positiva cara o galego, porque parte dunha situación de inferioridade.
–Estima que existe unha unanimidade no seo do seu partido que promove o decreto?
–Son militante e estou dicindo o que estou dicindo... Tiven conversas con alcaldes ou militantes e, por motivos que se poden entender, non están dispostos a sair á palestra con este tema, aínda que hai concellos que se amosaron en contra. O PP de Ourense manifestouse en contra das teses de Galicia Bilingüe, que apoia outro sector do PP. Ao ser un partido interclasista tan amplo hai opinións distintas sobre un mesmo tema.
–Moitos galegofalantes son votantes do partido que promove esta reforma...
–Iso amosa que o debate sobre a lingua nunca existíu. Moitos militantes do PP son os auténticos bilingües, fronte ao que sempre chamo as seudoelites das cidades, acomplexadas co noso idioma que o queren por nunha situación de inferioridade e só para momentos folclóricos. Queren que o castelán sexa a lingua predominante, disfrazándose de bilingüistas para marxinar ao galego, na búsqueda dunha liberdade que conseguiría que a nosa sociedade fose case que analfabeta en galego. O galego non será un idioma residual. Ao longo da historia pasamos por momentos moito máis escuros. Se o franquismo noi puido co idioma, isto non vai a ocorrer nun período democrático.
–Cál debe ser o camiño para que isto non ocorra?
–Respectar o consenso lingüistico que se acadou no parlamento. Hai temas coma este que deben de estar por riba de consideracións políticas.
–Vostede tense posicionado publicamente sobre este asunto. Se existe de verdade unha corrente
galeguista dentro do PP, onde están os seus referentes?
–Só reclamo ao PPdeG que respecte a tradición dun partido, cun grande sentido galeguista, como recollen os seus estatutos, e cunha visión de Galicia como un ente diferenciado, complementario e nunca excluínte. Creo que é máis que evidente que existe. Os seus referentes están tapados. pero ata que deixen de estalo. Todos sabemos quen son, maniféstense máis ou menos; eu son galeguista, diría que profundamente galeguista.
–En qué mudou o PPdeG nos últimos anos?
–Entrou unha nova xeración de políticos polos que teño un grande respecto. Respecto moito ao seu presidente Feijóo, co que teño unha boa relación, pero este PP sí é diferente ao da etapa Fraga. Iso ten cousas boas e malas. As miñas discrepancias co PPdG son nalgúns aspectos e a miña relación co partido parte dunha base sentimental, pero coñezo xente que sei que quere a esta terra.
–Existe un espazo para unha cuarta forza política nacionalista en Galicia?
–Falando con José Luis Barreiro dicíame que non, porque o centro-dereita galeguista ao que se fai referencia ten difuminado o voto entre o PP, o PSOE e, en menor medida, o BNG. Sociolóxicamente esa base existe e hai empresarios que valorarían este proxecto, pero o que vai pasar decidirao o futuro. Se cadra vai depender da deriva españolista do PPdG ou mesmo do PSOE. Admiro, por exemplo, ao ministro de Xustiza, Francisco Caamaño, polos seus posicionamentos. Agardo que o PPdeG teña, precisamente, a forza suficiente para que non sexa necesaria esa cuarta forza.